-Cales son os principais consellos que dan aos consumidores para aforraren na factura?

-O principal é o tema da potencia contratada porque sabemos que agora ten un peso elevado na factura. Axustando o que son as necesidades de potencia ás necesidades reais pódense aforrar até 60 euros anuais. E como se sabe isto? Pois porque na propia web de Dalle luz á túa factura hai unha aplicación na que poñendo os aparellos eléctricos do domicilio e a calefacción dá unha potencia contratada. Se estás por riba desa potencia estás perdendo unha oportunidade de aforro. Por outra banda, tamén aconsellamos a tarifa de discriminación horaria. Temos aparellos que están acesos todo o día e aínda que nos pareza que non facemos moita actividade pola noite, o simple feito de termos unha tarifa reducida á metade durante esas horas vainos facer aforrar, xa que hai aparellos que temos acesos todo o tempo, como é o caso de frigoríficos e conxeladores. Se aínda por riba facemos un esforzo e nesas horas de discriminación horaria molestámonos en poñer a lavadora ou o lavalouza podemos conseguir aforros que superan os cen euros ao ano.

-O horario ideal para consumir electricidade é pola noite?

-A mensaxe é que como xa tes electrodomésticos acesos todo o tempo, xa aforrarías nesas horas se tes discriminación horaria. Se a maiores tomas a molestia de cambiar o consumo e poñer o lavalouza ou pasar o ferro, o aforro sería maior.

-Cal é a diferenza entre o mercado libre e o regulado?

-Esa é outra das cousas que explicamos. Hai que sopesar porque ás veces o prezo do mercado libre é superior ao da tarifa regulada. Neses casos aconsellamos pasarnos á tarifa regulada. Nestas charlas tamén falamos de cousas máis curiosas e anecdóticas, que non é que consigan un grande aforro pero si que repercuten na factura. Un exemplo é o de non deixar o televisor co piloto vermello aceso ou o ordenador en stand by. Está calculado que o consumo destes dispositivos ten incidencia e, ao final dun ano ou de cinco, ten un certo impacto. Simplemente desenchufando conséguese acadar un certo aforro. O mesmo acontece cos cargadores cando están conectados a un enchufe a pesar de non estar cargando ningún dispositivo. Iso tamén consume.

-A partir das conferencias que imparten, perciben que os cidadáns adoitan ter contratada máis potencia eléctrica da que realmente precisan?

-Non temos datos concretos pero si que é verdade que nas charlas vemos que anteriormente a potencia contratada non era tan importante porque a empresa de subministración adoitaba dar unha potencia sobrada para que nunca tiveras problema de que che baixara o limitador, xa que iso supuña un impacto grande no recibo. Actualmente, iso mes a mes está supoñendo un coste tramo a tramo de 60 euros anuais, polo que si que empeza a importar. Atopámonos con moita xente que pon na aplicación os electrodomésticos que ten e que, no hipotético caso de que os poñan todos xuntos, teñen máis potencia que a que realmente van empregar. Eses casos son un exemplo de que se está a facer un gasto superfluo.

-Como pode pasar un consumidor calquera da tarifa de mercado libre á tarifa regulada?

-Basta simplemente cunha chamada teléfonica. O paso á regulada é gratis, tes todo o dereito e chega simplemente con chamar á empresa comercializadora. A única excepción é se ti asinas un compromiso de permanencia, de estar un número determinado de meses nunha tarifa. Nese caso, terías que pagar a indemnización acordada para saírte. Se non hai compromiso de permanencia, é totalmente gratuito mudar.

-Como hai que facer para poder beneficiarse dun prezo máis reducido para a electricidade durante a noite?

-Cando estás no mercado regulado o prezo xa muda a cada hora pero, a maiores, podes pedir a discriminación horaria, onde o prezo pola noite é moito máis barato.

-Haberá quen pense que ninguén regala duros a pesetas. Non hai ningún tipo de contraprestación ou letra pequena para quen adopte esta factura?

-Non, o cambio é gratuíto pero o que acontece é que se ao final ti pos a lavadora fóra desas horas o consumo que vas aforrar é mínimo. Por iso eu recomendo entrar na aplicación de Dalle luz á túa factura e comprobar se compensa o aforro ou non. Se é de dez euros ao mellor non compensa pero se chega aos 50 euros, si que é un cambio importante. Tamén depende dos hábitos que cada un estea disposto a adquirir, como comezar a pasar o ferro pola noite ou poñer o lavalouzas a esas horas.

-Existen agunhas ideas extendididas sobre o consumo eléctrico, como o de que apagar a calefacción acaba saíndo máis caro que tela encendida de forma constante. É iso certo?

-Eu tampouco son unha experta nesa materia, pero si que me sumo a esa opinión. En principio, o arranque, a posta en funcionamento da maquinaria, é máis custoso.

-É tan significativo o aforro que implica o aillamento?

-Eu creo que si e os propios usuarios decatámonos desas circunstancias. Cústanos moito menos quentar un edificio ben aillado que un que non o está. Sempre consideramos que a mellora da eficiencia enerxética é moi importante e ten unha mellora á hora de aforrar enerxía. O investimento pode ser máis elevado pero co tempo compensa e o ambiente na casa tamén mellora.

-Nestas conferencias, hai moita xente que pregunta pola complexidade das facturas?

-Si, e de feito ese é outro dos obxectivos das charlas. Hai moita xente que descoñece en que tarifa está e para nós o descoñecemento é o primeiro punto que hai que desterrar. Explicamos os diferentes conceptos das facturas e explicamos como funciona a factura e os contadores. Se detectas algún incumplimento, tamén estamos para axudar niso.