Antes do anuncio oficial da venda da Solana e do hotel Finisterre por parte da Autoridade Portuaria poucos cidadáns dubidabamos do que se trataba de materializar: unha operación especulativa tendente a sufragar o sobrecuste do porto exterior de Langosteira coa venda dunha parte do patrimonio público da cidade. Tras a votación do Consello de Administración do ente portuario do pasado día 22, o conxunto da cidadanía coruñesa xa sabe que todos os que emitiron o seu voto afirmativo ás pretensións privatizadoras da Autoridade Portuaria frustraron unha grande posibilidade de recuperar gratuitamente uns terreos públicos gañados ao mar.

A xuizo de moitos cidadáns, todos esos conselleiros poderán parecerlles persoaxes merecedores dun recoñecemento especial, por canto, pensarán, lograron co seu voto un ben para a cidade, como é o porto exterior. Non se debería cargar, entón, a man sobre eles, tan proclives ao sacrificio personal. Porén, todo elo esconde unha falacia máis neste proceso. Porque sería bo que todos explicaran á opinión pública coruñesa o feito de que a construcción do porto exterior foi unha iniciativa avalada polo Ministerio de Fomento, polo PP e polo PSOE e, xa que logo, a responsabilidade da súa financiación compete exclusivamente á Administración central a través dos recursos destinados á construcción de recintos portuarios. Pola contra, preténdese que o costeen os cidadáns coruñeses coa venda e privatización definitiva de instalacións que erguéronse no seu día sobre a antiga praia do Parrote.

Iso non hai que demostralo, sábese, como sábese tamén que a praia que bordeaba a que era unha pequena zona mariñeira, converteuse en vila, logo en cidade (século XIII), posteriormente reconvertírona en praza forte (séculos XVII-XVIII-XIX) e, por último, en cidade capital (séculos XIX-XX). Ata a chegada dos entusiastas do Glorioso Alzamiento Nacional a praia do Parrote formaba parte do común. A invasión dun areal prácticamente virxe, amosa a sensibilidade urbana do réxime anterior. Resulta lamentable que coa venda da Solana e o hotel Finisterre, o Ministerio de Fomento aforre unha cantidade nada desdeñable para abonar os 5.000 millóns de euros do rescate das autoestradas radiais de Madrid.

Cabe pensar, sen exceso de malicia, que a Autoridade Portuaria pretende evitar que os dous complexos sigan catalogados como públicos. De aí, toda unha campaña intoxicadora orientada a crear unha situación que, na práctica, imposibilite que o Concello recupere un espazo comunal. Demasiadas veces se nos di que A Coruña protagonizou un cambio profundo. Non é un simple cambio político, nin sequera un relevo xeracional. Asistimos a un cambio histórico, simbolizado pola venda do patrimonio público. Por iso, é a ocasión propicia para que a rúa comece a deixar oír a súa voz. O alcalde e o seu goberno deben sabelo.