28 de diciembre de 2016
28.12.2016
La Opinión de A Coruña

A Solana ou o espolio do común, por Xiao Varela

28.12.2016 | 00:59

A semana pasada, nun Consello de Administración dramático para a Cidade, a Autoridade Portuaria da Coruña dou luz verde á poxa da Solana, tentando arrebatar á cidade a posibilidade de facerse coa titularidade pública municipal duns terreos claves na configuración do seu bordo litoral e urbano, nun enclave de altísimo valor paisaxístico e patrimonial. A Solana alberga actualmente un equipamento deportivo accesible a gran parte dá cidadanía; o seu futuro ante unha posible privatización sería incerto. O Concello pretende perpetuar o seu carácter popular e inclusivo convertíndoa nun equipamento público e, no futuro, tamén de xestión pública.

Porén, o Presidente da Autoridade Portuaria quere facer negocio coa cidade da Coruña, nuns terreos que un día foron unha praia e sufriron a súa privatización, en réxime de concesión, durante o franquismo, e desafectados do dominio público portuario desde o 2000.

Despois da suspensión do procedemento de poxa inicial acordado polo Consello de Administración da Autoridade Portuaria motivada pola solicitude de adquisición directa por parte do Concello en Xuño de 2016, atopámonos sorpresivamente cun cambio de rumbo orquestrado de maneira unilateral, desleal, opaca, e ao noso criterio, manifestamente ilegal, polo Presidente da Autoridade Portuaria.

O aumento de prezo, dos 1,4 millóns da taxación oficial, aos 5,7 millóns ofertados pola inmobiliaria; o mutismo ante a oferta presentada en tempo e forma polo Concello; o incumprimento dos acordos; os tratos opacos coa promotora e, en definitiva, o roubo do debate a cidadanía nunha cuestión tan central no devir do modelo de cidade son algunhas das actuacións levadas a cabo nos últimos meses por unha Autoridade Portuaria cunha visión miope do que debería ser un ente público, que confunde o valor co prezo ao querer privatizar un ben común, nunha manobra que anuncia o posicionamento futuro sobre a enaxenación dos terreos do Porto Interior, peiraos de Batería e Calvo Sotelo, nos que parece que o prezo de mercado será o único criterio a ter en conta.

E non poden ampararse ditas operacións especulativas -tanto a da venta da Solana como a dos peiraos- nunha situación económico-financeira da Autoridade Portuaria derivada da construción do porto exterior, cando as propias contas anuais e o plan de empresa para os vindeiros anos determinan que o saneamento da situación económica do porto debe vir pola mellora na súa xestión dos servizos portuarios e polo refinanciamento das condicións de pago da débeda e da sua titularidade, e non pola venta de terreos en prexuizo do interese público da cidade.

O que sucedeu estes días puxo de actualidade a Celedonio de Uribe (Oiarzun, 1823-Madrid, 1871) o home que na segunda metade do século XIX ampliou a cidade co novo porto, e defendeu que os terreos gañados ao mar fosen destinados a xardíns para uso e goce de toda a cidadanía coruñesa e non á construción de vivendas, como pretendían daquela o Estado e certas forzas da cidade.

No século XIX o porto coruñés chegou a ser o máis importante de Galicia. A súa necesidade de ampliación xerou nese século unha grande polémica na que os intereses económicos duns poucos foron supeditados aos da cidadanía, entendendo o valor que supoñía liberar a superficie de terreo gañado ao mar para o desenvolvemento duns xardíns de uso público. A presión popular conseguíu protexer un espazo dedicado a xardíns e zonas de estancia que chegou ata os nosos días e que conforma un dos enclaves urbanos máis extraordinarios das cidades atlánticas da península Ibérica.

Daquela, o beneficio que se pretendía obter coa construción de vivendas non cubría nin o 20% da elevada débeda final a pagar entre Concello e Estado. A pregunta que xorde de maneira inmediata ante esta repetición da historia sería: existe algunha persoa hoxe en día que por cubrir unha mínima parte dunha inmensa débeda, consentiría a perda dos Xardíns de Méndez Núñez e o seu paseo de palmeiras, a Rosaleda e a maior parte da superficie do Cantón Grande e do Pequeno?

A transcendencia da decisión de Uribe naquela época definiu o modelo urbano actual, impedindo a privatización duns terreos esenciais para a Cidade, co apoio da presión cidadá.

150 anos despois celebramos aquela decisión tan esencial para a cidade e loitaremos todo o posible para que noutros tantos anos o litoral da Cidade siga sendo un ben común.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es