O portavoz na Coruña da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Amancio Sotillo, ve na análise enerxética da cidade unha "declaración de intencións" á que hai que dar unha "marxe de confianza" até comprobar se se toman medidas para reducir a pegada ambiental da Coruña. "Pode ser un bo ponto de partida sobre o que hai que poñerse a traballar canto antes se queremos chegar a bo porto", sinalou Sotillo.

Ao seu modo de ver, unha das grandes potencialidades da Coruña é a promoción do autoconsumo de enerxía polos propios veciños, unha opción moito máis extendida noutros países europeos pero que, en Galicia, pensa que está limitada polos corsés legais impostos polo Goberno central e autonómico, como o coñecido como "imposto ao Sol". "A Xunta está actuando como o consello de administración en B das grandes empresas eléctricas", denuncia.

Si bota en falta na análise elaborada que non se fale de política enerxética en clave comarcal, puidendo dar lugar a un sistema de producción e abastecemento común da área metropolitana, máis baseado nas enerxías renovables, como a eólica. "Se A Coruña fai o seu traballo pero os concellos dos arredores, que cada vez son máis importantes, non fan o seu, tampouco se estarían a facer as cousas ben", remarca.

Para reducir o impacto das emisións contaminantes dos vehículos privados, Sotillo tamén considera estratéxico deseñar un novo modelo de mobilidade na cidade que promova o uso do transporte público.