10 de enero de 2017
10.01.2017

Un roteiro para coñecer pantasmas

A asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros repasa os sitios emblemáticos do barrio para que os pequenos coñezan o seu significado e como era a súa zona antes da transformación

10.01.2017 | 00:26

Durante a derradeira semana do ano, a asociación de veciños de Oza-Gaiteira-Os Castros celebrou un obradoiro con veciños e expertos en urbanismo e historia da cidade na que participaron máis de trinta persoas. Percorreron o barrio desde o castelo de Eirís até a barca das Xubias, pasando por lugares xa esquecidos, por pantasmas, como o xa desaparecido Ideal Cinema ou o río Monelos, que está soterrado, ou o Corralón da Gaiteira, onde se facía deporte, ou a praia do Lazareto. Todo isto, cunha cuestión que sobrevoa as mentes de todos os residentes na zona, que pasará cando marche Repsol de San Diego?

Di Cristina de la Torre que a zona dos Castros é a que máis cambiou en toda a cidade, que deixou de ser un concello autónomo, o de Oza, para formar parte da Coruña e, con esas modificacións e outras moitas máis, como o soterramento do río Monelos, do que na superficie quedan poucas máis mostras ca o nome dunha rúa e unha escultura, ou o peche do Ideal Cinema, foi perdendo a memoria do que nalgún día foi. É por iso polo que estes lugares case esquecidos reciben o nome de "pantasmas" nun proxecto que desenvolve a asociación veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros e que, durante a derradeira semana de decembro saíu de centro cívico de San Diego ás rúas do barrio.

A coordinadora do proxecto, Cristina de la Torre, conta que participaron unhas trinta persoas de todas as idades, desde un neno de nove anos até un veciño de oitenta e que, nestes días nos que afondaron na historia de lugares como a desaparecida praia do Lazareto ou o Corralón da Gaiteira, decatouse de que á xente llegusta falar dese pasado tan cercano. "Escollemos só lugares dos que tiñamos fotos antigas, para ver como eran antes e como están agora", comenta De la Torre. Os participantes ían parando nos lugares escollidos e, alí, falaban cos veciños, inmortalizaban esa memoria que, se non se recolle, "esvaerase con eles". E, que pasará agora con todo o material recollido? "A intención do proxecto é motivar a conversa sobre o barrio, para que a comunidade sexa consciente de que pode participar nas decisións que se toman, temos agora outra transformación que saíu en todas as conversas, que pasará co peirao de San Diego cando marche Repsol?", explica De la Torre, aínda que asegura que, o que toca agora é ordenar todo o material recollido, darlle forma para poder levalo aos centros de Primaria do barrio e tamén a internet para que se poidan consultar as pescudas feitas polos participantes, gravacións, fotografías e testemuñas. O xermolo desta experiencia foi o mapa interactivo que o curso pasado fixeron os alumnos do instituto Monte das Moas, xa que a pesar de seren veciños do barrio "non coñecían" o lugar no que residen.

"Decatámonos das ganas que ten a xente de falar do pasado máis recente e de incorporar esa experiencia vital á actualidade e o debate sobre que tipo de barrio queren, non pensamos tanto nun sentido patrimonial estricto. Este é un barrio ao que se lle quitou todo", ediDe la Torre, xa que perdeu a praia do Lazareto, "a infancia do barrio". En mente teñen xa levar tamén as historias recollidas ás rúas e poder sinalizar o coñecido como Castelo de Eirís, o antigo Concello de Oza, a casa de Ferrant ou o río Monelos, para que non se esqueza que, algún día, formaron parte da paisaxe e das memorias dos veciños.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

esquelasfunerarias.es