-Por que nunhas horas o Goberno pasa de rozar o acordo co PSOE a rachar e optar pola cuestión de confianza?

-Entendemos que o PSOE incumpriu os acordos despois dunha longa xuntanza o mércores. Incumpríronse os termos do acordo en dous sentidos: no acordo orzamentario e na fórmula de corresponsabilidade que permitiría ao PSOE traballar en catro proxectos co Goberno local. En canto ao orzamentario, marcamos un marco de negociación claro que establecía tres concelleiros socialistas. Hoxe [por onte] o que nos propoñen son catro concelleiros sen ningunha explicación, polo que iso xa se estaba a incumplir. Despois vimos que na nota de prensa que enviaron se falaba dun marco económico que sobrepasaba amplamente o falado. Eles falaban en realidade da proposta global que facían nun inicio, de 14,5 millóns de euros e 20 proxectos, cando nós recoñecíamos ao PSOE catro proxectos que equivalían a dous millóns e medio.

-Despois de ver o comunicado do PSOE, falaron con eles? Haberá quen pense que é unha decisión moi drástica rachar todo sen aclarar se o que houbo foi un malentendido.

-Non era tanto a nota de prensa como a propia proposta, que xa incumplía o pactado co paso de tres concelleiros a catro de xeito unilateral e sen falalo previamente. Nós sempre estivemos dispostos a negociar se hai unha vontade de acordo e respectando uns prazos, pero tampouco nos pareceu que houbese posibilidade de reconducir esta situación e, en principio, o calendario o fixa agora a cuestión de confianza.

-Cando se convocará o pleno?

-A próxima semana. Esa declaración unilateral de que xa estaba pechado o acordo nos parecía unha vez máis unha mostra de falta de confianza e comunicación. Incumpría os termos do acordo tal e como estaba falado de forma estricta e entendíamos que hoxe [por onte] era o límite pra iniciar os trámites para convocar o pleno da cuestión de confianza. E así se fará.

-O que será presidente da xestora local do PSOE falou publicamente de veto da Marea a Mar Barcón. Foi iso así?

-Nós nunca falamos de vetos, aínda que na xuntanza quedou claro que tanto os proxectos como as persoas do PSOE que os asumirían tiñan que ser consensuados. Se por aí hai algún desacordo... Pero nós nunca plantexamos nomes concretos nin vetos. Simplemente dixemos que había que consensuar todas as partes do acordo nos proxectos onde ía traballar con nós o PSOE.

-O PSOE di estar disposto a baixar de catro a tres concelleiros, como vostedes piden. Se un deles é Mar Barcón, habería posibilidade de chegar a algún acordo?

-Nós o que lles indicamos, así como consideración, é que había cuestións que podían ser máis delicadas que outras. Isto ten que trasladarse á Marea Atlántica, á súa Rede e hai cuestións que poden ser máis problemáticas que outras. Se nos ofrecen unhas propostas, nomes e unhas cuantías económicas que se axustan non teríamos problemas.

-E que Barcón estivese entre ese grupo de concellerios sería unha desas cousas problemáticas?

-Posiblemente sería o único nome problemático, si.

-Ve posibilidade de reconducir a situación e non chegar á cuestión de confianza?

-Nós realizamos achegamentos pero hai cuestións complicadas e polo ben da cidade creo que ten que haber un calendario claro e non enredarnos en eternas disputas. A confianza tamén hai que gañala a través dos detalles, de chamadas, e non de declaracións unilaterais. É necesario manter as canles de comunicación e a responsabilidade. Esta era unha fórmula que tiña un certo compoñente de innovación xa que, alonxándonos das formas de coalición, axudaba a fomentar a estabilidade. Cousas como que fixo onte o PSOE desbaratan un pouco isto.