"Non van poder con nós", dixo onte desde o escenario un dos integrantes de Amigos da Xoldra, a comparsa que máis se meteu na política municipal actual e a que aprotoveitou, xunto cos Maracos, a polémica cos carteis do Entroido deseñados polo debuxante Alberto Guitián. "Non van poder con nós, non puideron nin corenta anos de ditadura..." e xa non rematou a frase, porque o Pazo da Ópera, case cheo, afogou calquera altofalante cun aplauso.
O Entroido comezou onte oficialmente co concurso de comparsas, no que gañaron o primeiro premio, valorado en 1.500 euros, Os Maracos; en segundo lugar quedaron Amigos da Xoldra, que recibiron un cheque de 1.200 euros e o terceiro clasificado foi Monte Alto a Cien (800 euros). Os outros tres participantes recibiron un accésit de 150 euros.
O Entroido é Wences, que ten 93 anos e que onte, aínda colleu a guitarra para cantar cos seus compañeiros de Monte Alto a Cien unha canción sobre o túnel da Mariña e os camións que quedan atascados cada día; é tamén Belén, que forma parte de Amigos da Xoldra e que "logo dun ano nun hospital" onte sentou entre o público para gozar do espectáculo dos seus compañeiros vestidos de bispos entrando e saíndo do escenario a ritmo de cancións de misa en versión heavy metal; e é tamén Hugo, o kilombero dun ano e tres meses, que onte actuou por primeira vez no concurso municipal.
Nas letras das comparsas coáronse Donald Trump, cuxo busto pasearon Os Maracos, mentres lle construían un muro diante da cara; Francisco Vázquez -tamén cos Maracos- que anunciou onte que quería volver "gobernar en maioría" e poñer, de novo, "o tren chuchú" a funcionar polo paseo adiante. Tiveron un oco tamén as desigualdades e os refuxiados, Malandros fixo música cunha máquina de escribir e Kilomberos cantou, por primeira vez, en galego. E as comparsas, que só podían presentar dúas cancións ao certame, coa condición de que a música fose en directo, lembráronse tamén do da suba de impostos, "Hay que empezar a rezar, pues los planes del PP son para echarse a llorar", cantaron Monte Alto a Cien; dos casos de corrupción, que Pantaleón describiu como: "Eu gosto de mangar os cartos desta xentiña", co seu disfraz viquingo e os seus berros de guerra. E, ao final, coma sempre no Entroido, tratouse de rir, de dicir o que se adoita calar e de facer o que ninguén espera, como que o mesmo Papa fale con Francisco Vázquez, que absolva ao público sentado no Pazo da Ópera e que ondee unha bandeira republicana con eles no escenario; que os mexicanos derruben os muros que Trump lles quere impoñer e que se lle pida al alcalde, Xulio Ferreiro, que teña "coidado" cos da "casta" e cos da "Pokemon" e que mesmo o Papa leve o coche incorporado.