O guía Suso Martínez deixa hoxe os seus traxes de Picadillo e de Sir John Moore no armario para falar esta tarde do Entroido coruñés. Farao na sede de Afundación, a partir das 17.30 horas, cunha charla que leva por título A propósito que é Entroido. Un viaje a la historia del Carnaval coruñés. A entrada é libre e gratuíta. É unha conferencia organizada pola asociación de Amas de Casa e El Hórreo.

-Esta tarde ofrece unha charla sobre o Entroido coruñés, como é esa viaxe no tempo?

-Eu penso que esta semana marca moito o carácter coruñés, desde tempos inmemoriais é un carácter moi extrovertido e diferente con respecto ao doutras grandes cidades de Galicia. A charla vouna enfocar coma unha visita guiada para explicar cales son eses elementos que o fan singular.

-Como cales?

-Como os apropósitos. Teñen un valor extraordinario, é unha mestura de teatro, xa que hai declamación, pero tamén, como dicía Nito, un dos grandes do Entroido, é unha revista porque ten coplillas e é realizado por un grupo non profesional. O apropósito fíxose algo moi popular. A partir de finais do século XIX, principios do XX, A Coruña palpita cultura, porque se populariza como en ningún outro lugar. O teatro Rosalía convírtese nun coso da cultura de Galicia, é a época previa á formación das Irmandades da Fala e pasan por alí practicamente todos os xigantes da cultura da Galicia do Rexurdimento. Esta cultura non é tan elitista, popularízase e, de aí, o carácter singular do apropósito. Nos apropósitos vese de todo, fálase de política local, pero tamén da situación de Galicia, da de España en xeral... fálase un pouquiño de todo.

-E sempre co factor da censura na ecuación, dando a entender algo que, ao mellor, non se podía dicir, non si?

-Si, porque houbo épocas cunha censura extraordinaria como esta cidade era máis liberal, a censura era máis potente. O apropósito narra as cousas dunha maneira culta pero moi popular, ademais está vencellada a esta semana na que todo o mundo fai un pouco a vista gorda. E falaremos das súas tres etapas: a primeira, no século XIX, auspiciada polo Circo de Artesanos, a segunda, da man dos choqueiros que nacen na época da guerra de Cuba, como Nito, que naceu no 1895, e que funcionan moitísimo na República até o 1936; e unha terceira etapa, xa nos anos 50 e 60, cando retornan os emigrados de Inglaterra, como Canzobre, que son os máis potentes, aínda que el non facía apropósitos, si que facía letras para os seus Mariachis, aínda máis populares.

-Por que é tan importante a rúa da Torre no Entroido?

-É un eixo que está extramuros da cidade no sentido físico e social, ten un compoñente moi obreiro, está fóra do stablishment da Cidade Vella e da Pescadería. Esa rúa e as súas filiais, San Xosé e San Xoán convértense nun chocódromo.

-Xorde este ano unha polémica co cartel do Entroido, que representa a un choqueiro vestido de Papa...

-É unha cuestión de paciencia, eu como guía que son, son moi observador e sempre recomendo analizar as cousas, e vexo que gran parte dos que critican, como dirían os choqueiros: Non son "coruñeses de toda la vida". Non son moi de aquí no sentido de que pode que non entendan tanto o Entroido como para decatarse de que a crítica ao estamento eclesiástico, que non é furibunda, que é máis ben literaria, é normal por razóns históricas. Na Coruña existía competencia con outras cidades con institucións de carácter conservador, como pode ser Compostela, porque A Coruña era unha cidade liberal. Case todos os desfiles empezan na praza de España, aí precisamente perdeu a cabeza Porlier, un dos heroes do Liberalismo. A Coruña ten un ADN que se foi configurando historicamente, é un ADN liberal e de contraposición a outros poderes históricos establecidos, contra iso é a crítica, non é contra o sentimento relixioso, porque hai moitísima xente que é católica no Entroido e non ten problema. Hai que ter paciencia e vivilo con alegría, que isto é unha semana e pasa rápido.

-Como foron evolucionando os traxes e os disfraces na cidade?

-Así como hai outros entroidos con traxes máis marcados e que son case personaxes, como as pantallas ou os peliqueiros, o choqueiro coruñés non vai vestido, lévao na alma. Somos unha cidade portuaria, modernista, cosmopolita e onde o choqueiro non ten un uniforme oficial senón que é o protagonista do Entroido e que se viste dependendo das circunstancias... Vai á moda. Non hai uniforme oficial nin oficioso, cadaquén pódese vestir do que lle sae de dentro. Co que eu son máis crítico é coa perda do entroido tradicional en si mesmo. Hai participantes que pelexan moito por que o Entroido coruñés se pareza máis ao doutras latitudes máis quentes. Boto en falta máis coruñesismo, debería haber non só concurso de comparsas, senón tamén de apropósitos, gustaríame que se recuperase o espírito popular que nos últimos anos se viu afectado pola globalización da negativa. Nós somos abertos a todas as influencias culturais, pero musicalizar todo con cumbias ou copiar outros entroidos e que desapareza o propio é preocupante. Eu se fose concelleiro blindaría eses aspectos do Entroido coruñés que o fixeron unha realidade recoñecida.

-Vestirse de choqueiro implica ter máis imaxinación que mercar un disfraz nunha tenda?

-Claro, eu creo que tamén falta pedagoxía, porque a xente máis nova sabe que é un choqueiro, pero non que é un ferrete ou un apropósito. É unha festa marabillosa e fago tanto fincapé no apropósito porque me parece importante utilizar a cultura e baixala aos estratos máis populares.