Estes días os xornais fanse eco do descubrimento dun importante xacemento de petróleo por Repsol en Nanushuk, un lugar situado na parte Norte de Alaska, territorio Norteamericano ben distante destas latitudes no que un mariño galego, Francisco Mourelle de la Rúa (1750-1820), xogou un papel protagonista como explorador, en tempos nos que o célebre James Cook tamén andivo por alí.O noso mariño foi un excelente navegante, recoñecido cunha rúa na cidade, a Almirante Mourelle, na Agra do Orzán, e un busto na súa vila, Corme, onde se conserva a casa natal en estado de bastante abandono. Falar das aventuras de Mourelle por Alaska é, asemade, unha boa oportunidade para lembrar que o mar, como recurso alimentario ou comercial e vía de conexión co mundo sempre formou parte da identidade da Coruña e de Galicia.

Primeira expedición ao Norte

O 16 de marzo de 1775 partíu de San Blas, a base naval española no Pacífico Norte, situada en Nueva Galicia, parte de Nueva España (actual México), a expedición comandada polo tenente de navío Bruno Ezeta, con Mourelle como primeiro piloto, e formada por tres barcos: a fragata Santiago (tamén chamada Nueva Galicia), ao mando de Juan Francisco de la Bodega y Quadra, a goleta Sonora e o paquebote San Carlos. Ao pouco da saída deixou a expedición o San Carlos e algo despois a fragata, de tal forma que o Sonora, con Bodega e Mourelle, foi o único buque que continuou coa exploración cara o Norte, realizando interesantes descubrimentos xeográficos.

A exploración do Pacífico Norte americano

Durante séculos a Coroa española estivo interesada polo control do Pacífico, e de forma especial da parte americana dese océano. No século XVIII os esforzos centráronse no Norte, organizándose varias expedicións pola costa setentrional de California cara territorios que agora son a costa Oeste de Estados Unidos, Canadá e Alaska. Pretendíase unha expansión ou, cando menos, a defensa de Nueva España (México) das incursións dos rusos e británicos. Nesas circunstancias, en 1774 saíu de San Blas a primeira expedición ao Norte dirixida por Juan Pérez, ao mando da fragata Santiago e co obxectivo de chegar ata os 65º Norte, pero non pasou dos 55º, as costas de San Lorenzo de Nutka, nos límites con Alaska.

Mourelle en Alaska en 1775

Na seguinte expedición, a de Mourelle como piloto a bordo do Sonora, chegaron ata Alaska. O noso destemido piloto, que iniciou a aventura o 16 de marzo con 24 anos, realizou a arriscada exploración a bordo dun pequeno barco de dez metros de eslora (lonxitude de proa a popa). No seu percorrido localizaron un porto natural que denominaron "de los Remedios", lugar no que, como noutros puntos, a tripulación desembarcou, tomou posesión e tivo un encontro coa poboación indíxena. Eran os tlingit, indios da zona que hoxe corresponde á franxa, meridional de Alaska, xente que negociaba cos comerciantes rusos, intercambiando peles de londra mariña por ferro e cobre. Sobre eles Mourelle escribiu: "También empleamos el cuidado en observar los movimientos de los indios, su modo de vivir, moradas, vestidos, régimen, dominios, ritos de su ley, voces, armas de su uso, a lo que más se inclinaban, sus casas y pescas". O vento cortante, as chuvias continuas, as enfermidades e a falta de roupa e axeitada alimentación obrigaron ao retorno do Sonora cando acadara os 57º 58' Norte.

Unha publicación controvertida e o capitán Cook

Desde o inicio das súas expedicións Mourelle tomou notas e redactou escritos das mesmas. Eses diarios son interesantes documentos que recollían datos técnicos da navegación e observacións sobre moi diversas cuestións. O da expedición realizada en 1775 na goleta Sonora apareceu publicado por vez primeira por Daines Barrington en Londres en 1781, traducido ao inglés, unha difusión que xera algunhas interrogantes. As expedicións de descubrimentos desa época tiñan uns fins políticos e militares que obrigaban a unha elevada reserva canto os obxectivos perseguidos e datos obtidos. Por iso resulta sorprendente que o diario de Mourelle se fixera público, cousa que el non criticou, e, ademais, editado nun país co que a Coroa española mantiña continuos conflitos armados e unha dura competencia na América setentrional.

Tamén é unha cuestión controvertida o suposto uso por James Cook dos datos do diario de Mourelle para a súa exploración polo NorOeste americano. Hai que ter en conta que o mariño galego chegou a San Blas de volta da expedición en novembro de 1775, Cook saíu en xullo de 1776 a explorar, na súa terceira viaxe, a costa Norte de América e o diario de Mourelle non se publicou ata 1781, cando o británico xa estaba morto. Cabe a posibilidade dun acceso previo, pero non resulta doado, ou que o inglés lera o documento cando chegou ás costas americanas. En todo caso, se comparamos a derrota (percorrido) seguida por Bodega e Mourelle coa de Cook vemos que a deste tivo maior extensión (chegou ata as Aleutianas e o estreito de Bering) e que os posibles datos extraídos da expedición do Sonora non suporían una contribución substancial á súa exploración.

Segunda expedición de Mourelle a Alaska, 1779

A segunda desas exploracións partiu o11 de febreiro de San Blas e nela participou Mourelle como tenente de fragata, o segundo ao mando do Favorita, buque baixo as ordes de Juan Francisco de la Bodega que acompañaba ao Princesa, ao mando de Ignacio Arteaga, comandante dunha expedición que chegou, á máxima latitude acadada polas numerosas promovidas pola Coroa española nesas terras. Efectivamente, o 23 de xullo de 1779 acadaron o punto máis extremo do seu percorrido, situado aos 63º 35' Norte 146º 32' Oeste na costa americana do Océano Pacífico. Un territorio que na actualidade forma parte de Alaska e se denomina illa Hinchinbrook, onde localizaron un porto natural que pola proximidade do 25 de xullo decidiron chamar de Santiago.

Na retina das tripulacións aínda permanecían as imaxes da vista, nos días anteriores, do impoñente monte Santo Elías. Case seis kilómetros de altitude (5.488 metros), o terceiro máis elevado en América do Norte, que salienta por ser o máis alto situado preto do mar. Unha impresionante mole na que as neves persisten todo o ano por riba de 600 metros e que no idioma nativo recibe o nome de Yaas'éit'aa Shaa, "montaña de alén da baia de xeo".

No porto de Santiago recibiron a visita dos indios en seis amplas canoas ( umiaks), forradas de coiro branco, conducidas por mulleres, e, de novo, Mourelle descríbeos no seu diario, contándonos que intercambiaron queixo e galletas por excelente salmón seco. Anteriormente, no paralelo dos 55º Norte, exploraran a rada Bucareli etiveron outro contacto cos indios, episodio do que deu conta Mourelle, indicando que se achegaron dúas canoas de pescadores, embarcacións que lles chamaron moito a atención por o "extraño de su figura y materiales de que están construídas".

Valor científico das viaxes

O maior mérito científico de Mourelle reside na contribución á xeografía terrestre e á navegación, pola exploración e descubrimento de novas terras e rutas mariñas. Á marxe diso, salientan os contactos coa poboación indíxena, realizando o noso Mourelle a primeira descrición, de grande interese antropolóxico, de tribos como a dos tlingit meridionais. A narración do mariño de Corme salienta polo estilo directo e sinxelo, lonxe da carga erudita habitual en moitos relatos europeos daquel tempo. Asemade, chama a atención o detalle co que recolle a vida e costumes dos indíxenas e as observacións que realiza sobre a fauna e a flora dunhas paisaxes novas, unha valiosa contribución á Historia Natural.

Unha curiosa confusión

Desas expedicións consérvanse hoxe un par de topónimos que lembran o paso do intrépido Mourelle. En Canadá, concretamente na Columbia británica, está a Maurelle [sic] Island, preto de Vancouver, a 50º 17' Norte e 125º 9' Oeste e, en Alaska, as Maurelle [sic] Islands, a 55° 39' Norte e 133° 38' Oeste. Si, "Maurelle", co o transformado en a, do mesmo xeito que apareceu no libro publicado en Londres en 1781. Curiosa triplo coincidencia, erro do azar que quizás castigou así un chisco ao excelente navegante que tanto fixo en vida por facerse notar.