O portavoz da asociación de taxistas Tele-Taxi, Manuel Sánchez Quindimil, leva anos testando a marcha da industria do taxi na cidade. Recoñece que a sobreoferta de vehículos con licencia de transporte obriga a facer un sobreesforzo aos profesionais do sector, que nos últimos anos tivo que facer fronte ás consecuencias da crise.

- 522 taxis ou un por cada 476 habitantes. ¿Hai demasiado taxi na Coruña?

- Nós levamos moitos anos dicindo que si e que o número de taxis é excesivo. Dacordo cos límites que establece a lei e todas as recomendacións, hai máis oferta do que se debera, pero a responsabilidade é de quen as concedeu.

-Por que se concederon novas licencias se non eran necesarias?

-As últimas licencias sacáronse por parte do Concello hai 16 ou 18 anos, aproximadamente. Por aquel entón recurrírase a decisión nos Xulgados pero acabáronse dando igualmente. O motivo foi que dicían que había un estudo da Universidade da Coruña que dicía que eran necesarias porque se incrementara o número de ambulatorios e centros comerciais.

-E non tiña sentido ese razonamento?

-Nós o que dicíamos era que se che poñen un ambulatorio ao lado da casa tes menos probabilidades de usar un taxi porque xa vas ir andando. O estudo opinaba ao contrario e seguiron para diante.

- Os datos macroeconómicos din que a situación mellora. Perciben un aumento do consumo?

-Non hai ningún aumento. Prácticamente pódese dicir que nos mantemos igual que cando comezou a crise. Se alguén quere facer diñeiro non se mete no taxi. Temos en contra, ao mellor por esixencias do guión, que non somos un sector apoiado por parte dos estamentos oficiais. Cando o resto do transporte está totalmente apoiado por subsidios de todo tipo, como é o caso do transporte metropolitano ou do de cidade, nós non temos practicamente axudas deste estilo. A nós non se nos puxeron bonificacións para menores de 18 anos. O noso é un colectivo algo discriminado neste sentido.