"Intentamos facer fincapé en que os nosos devanceiros, os nosos avós, tiñan uns valores moi interesantes e que se están perdendo no nome do progreso e esta é a nosa maneira de reivindicalos", explica o músico e fundador do grupo Pandeireteiras sen Fronteiros, Xurxo Fernandes. Cóntao ao pé das vías do tren da estación de San Cristóbal, coas maletas de coiro no chan, as pandeiretas ben á vista e os seus compañeiros de viaxe arreglándose para unha aventura que comezará mañá e que os levará a Nápoles, ao Festibál Napoli Balla al Centro, a Sud, que se celebra na localidade napolitana de Ospadeletto D'Alpinolo, no que estarán once días, todos coa mesma roupa, unha mestura de traxe tradicional pero "contemporalizado", con novas cores e tecidos.

Conta Xurxo Fernandes que é a primera vez que este festival, que estima que terá un público de mil persoas, lle dedica un día enteiro a Galicia e que, para dar a coñecer non só a música de tradición oral herdada dos devanceiros, atesourada nos recunchos da memoria dos que vivieron as foliadas e as fiadas a deshora, levan tamén produtos galegos, Patacas de Bonilla a la Vista, queixos de Xoven e embutidos de Villabol, polbo e viño Mencía, que ofrecerán este sábado nunha cea degustación. Durante o día, a formación impartirá tamén obradoiros de canto, de pandeireta e de baile. Para estas actividades contarán cunha mostra de instrumentos do artesán Sanín.

Pandeireteiras sen Fronteiros naceu hai cinco anos na Coruña e busca, segundo explica Fernandes, non só afondar na tradición oral galega e na súa maneira de facer música con percusión, senón tamén mesturar esa información coas raíces doutros pobos e buscar a liña invisible que as une. "Eu creo que temos máis en común do que pensamos, o que pasa é que descoñecemos moito doutras culturas", comenta Fernandes, que reivindica que non se perdan valores como a solidariedade e a irmandande que se vivía nas vilas galegas non hai tantos anos atrás. "Antes, cando unha persoa enfermaba, todos os veciños ían axudar a esa familia a traballar no campo. É certo que non todo era bo, pero hai que salvar o que si que o é", explica o músico.

E por que non mudar a roupa? "Sempre o facemos así, intentamos ter unha viaxe longa ao ano e vivir esta experiencia", comenta, unha decisión que os levou hai dous anos a Rumanía, un país no que viviron en primeira persoa "o racismo máis duro", por seren xulgados pola súa apariencia, porque os confundían "cos xitanos", pero tamén no que recibiron as "miradas cómplices" dos que, só coa testemuña da roupa, os recoñecían como iguais.

O ano pasado, levaron a música tradicional galega á India e, a partir de agora, resoará tamén en Nápoles, unha cidade cunha ampla pegada do patrimonio inmaterial que é a música de raíz de transmisión oral.

Así que, este grupo de vinte persoas mestura un pouco de todo, as cantigas recollidas en aldeas case esquecidas con melodías chegadas da otra parte do mapamundi, porque, como di Fernandes, a "pandeireta é o instrumento máis internacional que hai" e acompañar coa voz o bater das mans na pel tensada é algo case instintivo, sexa cal for a lingua na que se cante. E, por certo, nos pés, "calzado cómodo", nada mellor que unhas zapatillas de andar pola casa para percorreren o mundo.