Baixo o tíulo A forza necesaria e con estética de barricada están compilados fitos desta cidade na súa faciana máis combativa e ávida de xustiza para todos, sen importar se levan nome de muller ou teñen que coller as maletas -quen as teña- e fuxir en busca dun futuro onde renderse non sexa unha opción. É a exposición que a choiva non deixou onte inaugurar como estaba previsto pero que, con solidez de principio anarquista, segue en pé. A pesar de falar do pasado, A forza necesaria non é unha exposición en branco e negro, senón en vermello e negro, a bandeira da loita obreira.

Unha loita que segue hoxe, 1 de maio, ben presente. "Partimos desde as cigarreiras na Tabacaleira até a loita de Atento", dixo onte o concellleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema. Porque as fotografías, os documentos que amosan a pegada do movemento obreiro nesta exposición, creada por Pepe Barro, recollen as reivindicacións que se fixeron realidade despois de moitas protestas e, nalgúns casos, tamén despois de moitos golpes, mortes e dores. Cómpre non esquecer que en 1901, logo duns meses de gran conflitividade nas rúas, a Garda Civil matou a disparos ao traballador Mauro Sánchez e que, esa mesma noite do 30 de maio, as sociedades obreiras acordaron unha folga xeral. A lei marcial impúxose ao día seguinte e no Obelisco, pola tarde, morreron seis manifestantes a mans, de novo, da Garda Civil.

Ao ano seguinte naceu o Centro de Estudios Sociales Germinal, unha entidade que durou 34 anos sempre sostida polos alicerces básicos do laicismo, a tolerancia e a liberdade de pensamento. Germinal chegou a contar coa mellor biblioteca da cidade, con máis de 8.000 volumes.

Conta esta escolma de episodios da cidade que foron os traballadores da construción os que comezaron na Coruña a se organizaren en asociacións. En 1904 xa case chegaban a dez estas entidades que representaban a uns traballadores marcados pola gran inestabilidade laboral. E, a partir de aí, xurdiron os sindicatos e as organizacións obreiras, moitas delas anarquistas que, ademais de termar polos dereitos dos traballadores desenvolvían actividades educativas.

"Estamos a falar do mesmo que cando comezou o movemento obreiro", dixo onte José Carrillo, de UGT, e nomeou os salarios, a xornada laboral, a sanidade e a educación. Afondou na mesma idea o secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira, que lembrou que aínda non desaparecera o conflito capital-traballo.

"Pretenden que nas nosas mentes se instale que a precariedade é un modo de vida. Contra iso hai que rebelarse", dixo onte Filgueira, que só ve dous camiños abertos ante esa realidade: "o sometemento" ou a confrontación para "cambiar este sistema". No que foi o seu derradeiro acto público, Demetrio Vázquez, de Comisións Obreiras, viu interrompido o seu discurso pola choiva, aínda así, lembrou toda unha vida dedicada á loita por conseguir un presente e un futuro mellor para os traballadores.

Coa República chegaron á Coruña os avances para as mulleres, a redución do analfabetismo, o divorcio e a igualdade nos empregos públicos pero trouxo tamén outros enfrontamentos e outras reivindicacións, o sector anarcosindicalista, que era o maioritario, radicalizouse. Tiña unha demanda no ano 1933, a xornada de "seis horas como opción solidaria para repartir o traballo e amortecer o paro e a fame".

"Esta cidade progresou en base á forza do traballo das súas xentes, pero tamén en base á forza da súa dignidade e ao seu compromiso social. A Coruña na que vivimos recórdanos en todos os seus recantos, desde Santo Amaro até á Palloza, que fomos impulso e pulmón do obreirismo e do sindicalismo. Debemos manter esa memoria colectiva e seguir loitando a prol da dignidade", expresou logo do acto o alcalde, Xulio Ferreiro, que non puido ler o texto na praza pola choiva.

E, seguindo a mostra de imaxes, chega a Memoria do terror, onde os paseados e os represaliados cobran protagonismo e os sindicatos perden na ditadura a súa capacidade de loita até que se empezan a infiltrar no sistema para cambialo desde dentro.

A exposición non vai máis alá da Transición cando as rúas se encheron de novo, máis a historia non remata. A loita segue.