Se a cuestión se tratase dun conto, probablemente levaría por título O día que me roubaron un anaco da cidade, pero ao non tratarse dun conto, nin relato, nin historieta, nin novela, senón dun intento firme de privatizar espazos emblemáticos da Coruña, o asunto varía radicalmente por resultar tan real, cru e duro como o momento que estamos a vivir, circunstancia que ben podería titularse Deteñamos a especulación que non cesa.

Factores económicos e políticos, poderosas corporacións profesionais e organismos públicos concentran as técnicas e os medios para acaparar os terreos ocupados polo complexo polideportivo da Solana e o hotel Finisterre, dispostas a facer comulgar á opinión pública coruñesa con rodas de muíño, a fin de asegurarse o producto exposto no escaparate en forma de poxas ou vendas directas. Hai demasiados intereses confabulados para impedir o coñecemento e a lucidez, entre outros motivos porque unha cidadanía que coñece a historia de todos eses espazos comunais é unha cidadanía cunha opinión cabal e razoada.

A espada da especulación pende sobre unha parte importante do patrimonio histórico-arquitectónico coruñés. Diante de intentos deste tipo, os cidadáns non podemos permanecer indiferentes, non debemos silenciar as prácticas mercantilistas aínda que poida molestar a quen queren consumar a privatización dunha parte do cinturón do litoral en primeira liña de costa dende 1850.

Este é o aspecto que hai que contemplar, desdeñalo e facer abstracción da historia como senón gravitara sobre eses símbolos referenciais o resultado do alzamento militar de 1936. A Solana ocupa a antiga praia do Parrote (uns 25.000 metros cadrados de espazo público, inaugurada o 17 de xullo de 1942). En 1948, construiuse o Finisterre sobre o predio que ocupaba a vella cárcere até 1928. As dúas construccións erguéronse pegadas á muralla do século XVIII invadindo un areal ata entón prácticamente virxe. Os coruñeses non recibiron nen un céntimo pola perda deses terreos de titularidade pública gañados ao mar.

Mais o paso do tempo parece non amedrentar aos grupos hexemónicos no seu incesante afán por purificar o aire da cidade e triturar todos os espazos públicos susceptibeis de encher a súa mochila baixo a modalidade dun réxime inmobiliario caracterizado polo saqueo do medio ambiente e do patrimonio histórico, todo elo agravado pola existencia do que Campos Venuti denominara no seu día como unha auténtica "tipoloxía do despilfarro".

Os partidarios das vendas enchen a boca coa necesidade de financiar a dársena de punta Langosteira, cun sobrecuste de máis de 300 millóns de euros. Esa é unha das grandes edificacións mentais construidas sobre a nada: un verdadeiro burato negro para os coruñeses. Mentres tanto, o Estado reserva 3.500 millóns de euros para a quebra das oito autopistas de peaxe de Madrid, tal como acaba de reflexar no plan presupuestario remitido a Bruselas, ou cede a Valencia gratuitamente un millón de metros cadrados no porto, ademais de costear a súa transformación con 440 millóns de euros.

Nada de extrano, pois, que moitos cidadás que en marzo do ano pasado constituímos a Comisión Aberta en Defensa do Común, respaldada agora por 70 entidades que forman o movemento asociativo plural e dinámico da cidade, estemos permanentemente inquedos e nos sintamos permanentemente obrigados a recabar o apoio da cidadanía á manifestación do vindeiro domingo, porque A Coruña aínda garda para os incondicionais amantes da súa beleza, todo o encanto dunha cidade onde camiñar polas súas rúas, sen rumbo fixo, e atopar un detalle arquitectónico dun esplendor social e cultural imborrábeis que hai que protexer.

Mais a historia que interesa é a do comenzo: recuperar sen coste algún espazos comunais como as tres parcelas do Campo da Estrada, a vella cárcere e os peiraos acudindo á manifestación do vindeiro domingo para evitar a especulación que non cesa porque quedarse na casa sería tanto como abdicar da nosa propia condición de cidadáns responsabeis. É o turno da cidadanía e a súa ocasión para berrar que A Coruña non se vende.