O Goberno local informou o pasado luns de que o proxecto Mi Casita, que o Hogar de Sor Eusebia pretendía desenvolver na parcela ofrecida polo Concello no parque de Eirís, non se realizará nese barrio por falta consenso cos veciños. O presidente da entidade veciñal da zona, Xesús Prado, pensa que a rectificación do Goberno local é positiva, xa que os residentes na zona rexeitaba esta actuación.

- Recibiu algunha notificación oficial do Concello?

-A concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, informoume o luns de que o proxecto non se ía facer en Eirís porque o día que estiveron aquí para a asemblea recolleron as inquietudes da xente e o rexeitamento social que había.

- Que lle parece esa decisión?

-Pois que polo menos recapacitaron a tempo. A xente do barrio parece outra ao falar con ela, xa que continuamente preguntaban se sabiamos algo. Alégrome polos veciños de Eirís pero tamén polo Hogar Sor Eusebia de que non intenten seguir facéndoo aquí porque non lles conviña vir a un sitio onde podían ter problemas coa xente.

- Falaron cos directivos do Hogar Sor Eusebia despois da asemblea no barrio?

-Non, non volvemos a ter ningún contacto máis. De todas formas, a última palabra era a do Concello, que é quen ten que dispoñer dos terreos. Para min, nesta batalla non houbo nin gañadores nin perdedores, houbo un acordo. Se o Concello ve lóxico que non se faga aquí, eu penso que acertou. O luns mesmo estiven dando un paseo polo parque de Eirís e había dous autobuses de nenos dun colexio visitanto as ruínas do castelo.

- Hai satisfacción no barrio ao saber que non se vai facer en Eirís o proxecto?

-Cando me chamou a concelleira deille a noraboa porque pechou unha fenda que estaba aberta. Na asociación pensamos que non se tiña que chegar a armar este follón, xa que tiña que estar cortado moito antes. Nunca debimos ter chegado ao espectáculo que demos na primeira reunión co Hogar Sor Eusebia.

- Onde pensa que debería instalarse Mi Casita ?

-Se as persoas que van ocupalo non queren xuntarse con ninguén, como vas xuntalo a un barrio? É un tema moi delicado. Cando hai anos quixeron distribuír a metadona para os drogadictos cun autobús, na Federación de Asociacións de Veciños reuníramonos para decidir os lugares nos que se colocaría e ninguén o quería. Daquela eu dicía que tiña que estar diante de centros públicos que estiveran vixiados, como a Delegación de Sanidade, aínda que a asociación de veciños de Peruleiro non o quería. Un centro como Mi Casita . Para min, o mellor lugar é preto de onde o Hogar Sor Eusebia ten as súas instalacións en Bens, porque se é verdade que moitas destas persoas se rehabilitan, pasarían de Mi Casita a ese centro.

- Recibiu apoio doutras asociacións de veciños da cidade despois da asemblea que se fixo no barrio?

-Recibín chamadas de apoio e dixéronme que contara con eles e mesmo que había que facer unha manifestación.