17 de mayo de 2017
17.05.2017

O plan de acceso divide ao transporte

A iniciativa da Xunta para permitir a entrada de buses metropolitanos na cidade xera diferenzas entre as empresas do sector polo seu deseño e as consecuencias que causará

17.05.2017 | 01:22
Imaxe virtual da parada da praza de Ourense trala súa ampliación para recibir aos buses metropolitanos.

As respostas ofrecidas pola Consellería de Infraestruturas ás alegacións presentadas ao Plan de Accesibilidade das Liñas Interurbanas ao Centro Urbano da Coruña reflicten as notables diferenzas existentes entre un sector dos transportistas e a administración autonómica sobre esta iniciativa, cuxa posta en marcha está prevista para antes do verán. A consellería salientou onte que os concellos da área metropolitana deron o seu apoio a esta actuación, ademais dalgunhas das principais empresas que operan nesta zona, como as concesionarias Arriva e Cal Pita, aínda que no seo do Comité Galego de Transporte foron 32 os seus membros que votaron a prol da presentación de alegacións dun total de 46 asistentes á reunión.

O texto enviado á Xunta advertiu "falta de rigor" no plan elaborado por Infraestruturas, ata o extremo de solicitar que a entrada dos autobuses no centro da cidade sexa opcional. As empresas cren que a selección das liñas que poderán entrar non se fixo cun criterio "ecuánime" e que o destino elixido para algunhas delas non é o idóneo, o que na súa opinión xerará "confusión" entre os usuarios e lles botará atrás á hora de empregar o autobús para desprazarse á Coruña.

Unhas das empresas que apoiou a presentación destas alegacións foi a Compañía de Tranvías, a concesionaria do transporte urbano na Coruña, que salienta que na resposta da consellería se argumenta que a negativa a que todas as liñas de autobuses entren ao centro ten por obxectivo evitar a chegada masiva destes vehículos. Para Tranvías, este argumento supón que por primeira vez a Xunta "recoñece que sabe que a introdución destas liñas vai supoñer un prexuízo ao tráfico, o cal negou até agora".

Esta empresa coincide coas críticas do Comité Galego de Transporte á unificación do servizo ao aeroporto co do hospital Abente y Lago porque os seus usuarios son distintos. A concesionaria do transporte urbano coruñés lembra que esta foi a razón pola que se opuxo a que a liña que une Alvedro coa cidade chegara até o antigo Hospital Militar. Segundo Tranvías, a Xunta debería ter en contra que na actualidade existe unha ruta alternativa máis rápida e directa ca tradicional para chegar ao aeroporto, a terceira rolda, que debería ser empregada por este servizo, pero a empresa pon de relevo que a consellería nin sequera respostou a este aspecto da alegación dos transportistas galegos.

A compañía expresa ademais a súa "sorpresa" pola contestación aportada ás críticas realizadas sobre a ausencia de medidas de apoio á entrada dos buses na cidade, como carriles bus, restriccións ao vehículo privado ou aparcamentos disuasorios, xa que a Xunta non replica estes argumentos e tan só anuncia que durante o seguemento da aplicación do plan se analizará se é necesario facer correccións. Esta resposta implica, segundo Tranvías, o recoñecemento de que o plan "carece de rigor", xa que a consellería "non sabe nin ten argumentos para afirmar que vai facer medrar os viaxeiros do transporte público e reducir os privados".

A concesionaria interpreta que a ausencia de mencións a que tipo de correccións poderían facerse indica que Infraestruturas "carece de ningún plan nin acción para corrixir os problemas que van xurdir" e que as solucións serán aplicadas dende a "improvisación".

Ademais do Comité Galego de Transporte, a asociación ecoloxista Arco Iris tamén recibiu a contestación ás súas alegacións a este plan, que se centraban na ausencia de referencias á entrada en servizo no futuro da estación intermodal. A consellería resposta que cando esa instalación estea en funcionamento as liñas de transporte "precisarán de leves variacións nos percorridos, co obxecto de cambiar a parada da estación de autobuses pola intermodal".

Para Arco Iris, isto supón que á intermodal só chegarán as oito liñas comarcais que manterán a súa parada final na estación de autobuses. O colectivo asegura que esta solución foi pactada coas empresas "para dotar de certo contido" á intermodal "e que non se convirta nunha mera estación de tren". Tamén sinala a asociación que o plan de acceso ao centro é unha "compensación" da Xunta ás empresas pola inmimente caducidade das súas concesións e reclama ademais ao Concello coruñés que esixa ao Goberno galego que a entrada dos buses se faga pola avenida do Exército e non por Catro Camiños para evitar a conxestión desa praza e o incremento da contaminación que se producirá.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es