- Cal é a razón de que o Concello se opoña á posta en marcha deste plan?

-O gran punto de discordia é a comisión de seguimento do plan. A Dirección Xeral de Mobilidade mandounos a proposta que logo incorporou ao Plan de Accesibilidade pero non nos vale porque quen vai ter que xestionar as cuestións vencelladas a que 350 autobuses entren na cidade é o Concello. Temos que ter moi claras as competencias desa comisión e por iso fixemos unha proposta escrita na que nos tiñamos os mínimos para poder xestionar, xa que temos unha interferencia con once liñas de transporte público urbano que pasan entre praza de Ourense e Entrexardíns. E tamén está implicado o propio tráfico de automóbiles que vén da área metropolitana.

- ¿Teme o Concello que a entrada desas liñas metropolitanas afecte de forma importante ao tráfico? A Xunta sempre o nega.

-É unha cuestión que por parte deles non está fundamentada máis que en suxestións. Nós non estamos seguros de que non vaia pasar nada como din eles. Que pasa se mañá entran 350 autobuses ao día e hai un problema? Podemos volver atrás? O Concello pode consensuar o plan de accesibilidade, pero nunhas condicións que nos permitan manter o equilibrio.

- Que reclama entón o Concello?

-A posibilidade de traballar sobre o calendario de implantación do plan e, se hai problemas, poder dar marcha atrás, algo ao que a Xunta.

- Esa marcha atrás suporía a supresión total do plan?

-Non, supresión o regulación da propia entrada. Hai que abrir a billa pouco a pouco e ver a afección que ten a chegada dos buses, porque se a tubería non dá e rompe, que facemos? A Xunta nunca nos deu a seguridade mínima para que nós poidamos xestionar as nosas competencias sobre o transporte urbano e o tráfico.

- O Concello ao principio era contrario ao plan e logo pareceu que se chegara a un acordo. Por que xurdiu logo a esixencia da comisión de seguimento?

-O plan estivo en negociación entre as dúas partes e a comisión era outra pata máis que nunca se chegou a pechar malia que houbo propostas nosas, aínda que a Xunta dixo que non a podía aceptar e non deu unha contraproposta.

- A Xunta di que a postura da Coruña é única na comarca pero esta semana sete concellos manifestáronlle o seu apoio.

-Iso caeu polo seu propio peso. Os alcaldes da primeira e segunda coroa da área metropolitana, que son os que máis relación de transporte teñén coa Coruña, apoiaron a postura do Concello e mesmo que este plan non vaia adiante mentres non se resolvan os problemas de raíz do transporte metropolitano. A posición destes alcaldes é moi arriscada porque están dando un paso cara a adiante do que se pode facer unha lectura de que están en contra dos intereses dos seus veciños, cando non é realidade, porque o que queren os veciños é que o transporte rompa coa inercia que leva dende o século pasado. Se algún día chegan a entrar 350 buses no centro, vai seguir pasando que se un usuario colle un bus metropolitano na parada do Hospital Universitario, seguirá sen poder baixar en Catro Camiños. En pleno século XXI estamos xogando con dúas redes de transporte totalmente inconexas e descoordinadas.

- Aposta por combinar o plan de acceso cun novo transporte metropolitano?

-É agora ou nunca. A situación das concesións de transporte do Concello e da Xunta están pendentes dun fío. Temos un ano e medio para escribir sobre unha folla en branco sobre o que queremos solucionar no transporte. Os concellos que nos pronunciamos esta semana queremos que se redefina o mapa do transporte e que Santa Cristina, O Burgo, Cambre ou Sada teñan liñas para chegar con comodidade á Coruña.