A virxe das areas é o segundo paso no mundo da literatura para adultos do escritor Antonio Manuel Fraga, que xa se internara neste camiño coa súa pasada obra Querido H.P. Lovecraft, valedora do I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica a finais do 2015. O autor, principalmente coñecido polos seus traballos para o público infantil e xuvenil, falará hoxe ás 20.30 horas na libraría Sisargas (San Roque, 7) do misterio que constrúe na súa última obra: a historia de Norma Lago, unha rapaza que aparece preto da súa vila tras anos fora dela vestida só cun camisón e un enigma ás costas. É un dos actos do día na Coruña.

- Con A virxe das areas volve á ficción para adultos. Está a apostar por un público novo?

-Realmente non. Eu síntome un autor de literatura infantil e xuvenil. É considerada como un xénero menor, pero eu a considero literatura con todas as letras. Atópome cómodo nela, e aí é onde vou seguir intentando estar polo de agora, pero de cando en vez apetéceme facer este tipo de evasións e probar historias novas para un público exclusivamente adulto

- Di que a literatura infantil infravalórase. Síntese máis valorado como autor agora que tamén escribe para adultos?

-Pode ser que por determinadas persoas, si. Aínda non hai moito escoitei: "Coñecinche por esta obra que publicaches o ano pasado do Querido H.P. Lovecraft", cando o certo é que xa levo publicados sete ou oito libros, e algún acadando algún premio importante. Pero claro, de literatura infantil e xuvenil.

- Fala do Premio Merlín. Tamén gañou outro, o Premio Antón Risco, en literatura adulta. Foi un pulo para continuar escribindo este tipo de obras?

-Cando un xurado recoñece a túa obra é un impulso moi importante para escribir. Que valorasen Querido H.P. Lovecraft foi un pulo porque se dixo que a obra tiña certa calidade, mais non o foi para escribir para adultos. Eses son proxectos que van xurdindo porque se me ocorre a idea, e sei que de cando en vez os vou facer, pero non teño pensado dedicarme a escribir exclusivamente para eles por un premio.

- Sexa literatura infantil, xuvenil ou adulta, adoitan ter en común a fantasía, pero en A virxe das areas saíu dese xénero.

-Si, é novidoso porque non ten ese compoñente fantástico que normalmente teñen os meus libros. É unha obra máis realista, no que non hai presenza do extraordinario nin do sobrenatural.

- E de realidade? En Querido H.P. Lovecraft partía dunha personaxe real.

-Aquí non parto de nada que sucedese realmente, senón dun soño que tiven un día, no que escribía esta novela sobre a aparición dunha rapaza sen memoria nun piñeiral. Aínda así, si que aparecen moitas cousas reais, tanto localizacións coma personaxes, pero un pouco mudados. Sempre vou aproveitando cousas que coñezo.

- Está presente o seu Pontedeume natal, logo?

-Si, é a parte que eu aportei. Despois está presente toda a zona de Cee, Corcubión e Fisterre, que foi a parte que aportou a persoa que me axudou a facer o libro, Olaia Sendón. Aínda que a obra está localizada en Vilar de Sembra, que é unha vila ficticia, ten moito da zona da Costa da Morte.

- Como foi esa colaboración con Olaia Sendón?

-Olai aportou moito ao marco da historia, e tamén á narración. O resultado é un ritmo moito máis relacionado co cinema, máis visual e dinámico, con ese intento de fidelizar ao lector dándolle pequenas pingas de misterio para animalo a seguir lendo. Ese era o obxectivo do libro: facer algo divertido que agarrase ao lector e non lle deixase escapar ata o final. Esperemos que o tiñamos conseguido.

- Agora está traballando en algo novo?

-Agora estou noutra historia dirixida a esa fronteira entre a literatura infantil e xuvenil, un libro co que xa levo dous anos traballando, pero que tiven que abandonar por outro proxectos. Está ambientado non moi lonxe da Coruña, con localizacións reais, e me esixiu un traballo de documentación bastante importante, porque está ambientado nunha época pasada. Pero, aínda que nos movamos nun marco auténtico, desta vez si que vai haber importantes doses de fantasía.