O Diario Oficial de Galicia publicou as resolucións polas que se regula tanto o Bacharelato de excelencia en idiomas (PluriBach), como a extensión do ensino plurilingüe a educación Infantil (PluriBach), e se abre a convocatoria para que os centros sostidos con fondos públicos poidan solicitar a súa incorporación ao programa o vindeiro curso. Con esta publicación, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria bota a andar a nova Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, presentada no Consello da Xunta o pasado 1 de xuño. Trátase do primeiro paso para estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas, desde Infantil ata a Universidade.

Tanto en PluriBach como en Plurinfantil o alumnado cursará ata un terzo das materias curriculares no idioma estranxeiro e no caso de Bacharelato tamén unha materia extracurricular, en 1º e 2º curso, cunha carga horaria lectiva semanal de dúas ou tres horas. En ambos casos dispoñerán de actividades extraescolares e complementarias, así como do apoio de auxiliares de conversa con maior horario e perfís específicos. Entre as novidades principais, cómpre destacar que a estratexia pretende alcanzar os 500 centros plurilingües (actualmente hai 282) en 2020, crear 600 novas seccións bilingües e duplicar o número de auxiliares de conversa ata chegar aos 1000. Ademais, e co fin de recoñecer os coñecementos do alumnado, promoverase que certifiquen o seu nivel de idioma ao remate de ESO e Bacharelato.