Pilar Neira ía de número 7 na lista do PSOE, entrou como independente, aínda que agora leva xa un tempo afiliada ao partido. Nas anteriores eleccións integrara a lista do BNG. A súa carreira está ligada ao deporte feminino.

- Como afronta esta nova etapa como concelleira do PSOE?

-Teño que meterme pouco a pouco no grupo, polo de agora, atópome cómoda cos compañeiros.

- Entrou na candidatura socialista, sobre todo, para se facer cargo do deporte, agora que ten escano, tocaralle algunha cousa máis ou cinguirase a este eido?

-Cedéronme deportes, algo que agradezo moito, porque aí si que me topo segura e, chegado o momento, teño argumentos dabondo para rebater todo o que poida acontecer, puxéronme a maiores a EDAR de Bens, EMVSA e a Luis Seoane. Aí aínda me teño que poñer ao día, non me preocupa moito, porque o que conta é a opinión do grupo e eu vouna respectar sempre.

- Entra no sitio que deixa libre Mar Barcón.

-Mar xa rematou a súa etapa. Agardo que non me comparen con ela, porque vou saír perdendo.

- Márcase algún obxectivo para o que queda de lexislatura?

-Hai moitísimas cousas que mellorar. Eu lévome ben con [José Manuel] Sande [o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento]. Creo que é unha persoa coa que se pode traballar e creo que me vai facer caso e que poderemos sacar cousas boas para o deporte coruñés.

- Pode cambiar agora a relación coa Marea Atlántica?

-Eu nunca tiven mala relación con eles, ademais a min Sande cáeme ben, aínda que creo que se centrou máis na cultura que no deporte. Creo que se poden facer moitas cousas e que non imos ter problemas.

- A relación entre PSOE e Marea vai máis alá de Sande e de vostede.

-Eu tamén trato ao alcalde e a [Alberto] Lema [concelleiro de Emprego e Economía Social], aos outros tamén os saudei algunha vez, pero con quen máis trato teño é con Sande e non teño nada malo que dicir del. Que discrepe algunhas veces co que fai non significa que eu non crea que é unha persoa que pode facer moito.

- Na campaña falaba de proxectos como ter algunha pisicina pública para adestrar natación sincronizada ou darlle máis importancia ao deporte de discapacitados, hai algún obxectivo a curto prazo que lle gustaría cumprir, xa que a igualdade entre deporte masculino e feminino non se vai poder acadar de inmediato?

-Teño que dicir que o Concello estanos a tratar igual. Eu estiven até hai uns días como presidenta do Ventorrillo e da asociación coruñesa de clubs e o trato foi sempre o mesmo, fosen clubs masculinos ou femininos. Agora, paréceme primordial sacar as escaleiras que hai no pavillón de Monte Alto, porque ten unha accesibilidade malísima. A xente con discapacidade non pode acceder. Para min, xa é algo persoal.

- Na candidatura entrou como independente, afiliouse ao PSOE?

-Hai tempo xa que me afiliei. Entrei como independente, pero despois sentinme cómoda no grupo. Eu son progresista, son socialdemócrata, e creo que encaixo no grupo. Evidentemente, non todo o mundo pensa coma min, pero estou cómoda.

- Será a única na bancada socialista que empregue sempre o galego no pleno ou pasarase ao castelán como os seus compañeiros?

-Eu ao noso portavoz [José Manuel García] fálolle en galego e xa me contesta en galego, estoulle ensinando. Non son quen para correxir erros, porque descoñezo a normativa e tamén os cometo, pero comigo fala sempre en galego e creo que é un paso importante.

- En todos estes anos que leva á fronte do deporte feminino, botando a vista atrás, como foi a xestión neste eido dos anteriores alcaldes, empezamos cronoloxicamente por Francisco Vázquez?

-Eu case prefiro non opinar do pasado, é incrible, pero eu sempre dixen que a persoa que mellor traballou no ámbito do deporte foi [Fracisco] Mourelo, e iso que é do PP, os clubs coinciden no mesmo. Non quero criticar o labor dos de atrás, prefiro non entrar aí.