Amiúdo relaciónase o toxo con terreos abandonados. E en certo modo é verdade: moitos agros da costa e cumios de outeiros do interior, deixados sen actividade gandeira nin agrícola durante anos, acabaron inzados desta espiñenta planta tan intimamente ligada coa vida labrega galega. Así e todo, o Ulex europaeus é unha planta autóctona que está en Galicia desde hai ducias de milleiros de anos, conformando algúns dos hábitats de maior interese florístico e tamén faunístico a nivel europeo cando se acompaña de breixos. En efecto, estes ambientes están incluídos na lista de 231 tipos de hábitats de interese comunitario detallados na Directiva de Hábitats de 1992, e teñen nomes tan suxerentes como Uceiras secas atlánticas costeiras e Uceiras húmidas atlánticas de zonas tépedas, entre outros.

Estes hábitats naturais propios da Europa occidental están, por desgraza, en neto retroceso debido á apertura de pistas, urbanización no litoral, ás plantacións forestais e ás especies exóticas invasoras, polo que conservalos é un deber para as administracións.

Moitos dos espazos protexidos que constitúen a Rede Natura 2000 en Galicia conteñen representación destas uceiras de interese comunitario, como é o caso da Costa da Morte, Costa de Dexo e Costa Ártabra, todos eles preto da cidade da Coruña. Mais cómpre subliñar que no concello da Coruña tamén hai fragmentos deste hábitat: a costa de Nostián, os montes Cortigueiro e de San Pedro e a contorna da Torre de Hércules locen unhas mestas toxeiras e breixeiras, refuxio de numerosas aves como a papuxa do mato e a azulenta, réptiles como o esgonzo e o lagarto arnal e mamíferos como o ourizo cacho e o coello bravo. Os insectos polinizadores, como bolboretas, abellas e escaravellos cóntanse por centos cando este flanco montaraz da cidade, chegado o momento da floración, se enche do amarelo das chorimas ou flores do toxo e do rosa das inflorescencias dos breixos. Todo un festival de vida a escasos minutos dos nosos fogares.

A recente designación da contorna da Torre de Hércules como o segundo Espazo Natural de Interese Local do concello da Coruña está fundamentada na existencia destas uceiras e doutros hábitats de interese comunitaria na zona, ambientes diversos e que gozan, por fin, dunha xestión sustentable: segas secuenciadas para facilitar a cría de aves e insectos, eliminación de plantas exóticas invasoras e moratoria no uso de herbicidas tóxicos, letais para a fauna. Todo isto fai que o catálogo de máis de 600 especies de animais e plantas rexistrados ata agora neste espazo poida seguir aumentando. Sería desexable estender estas boas prácticas aos outros lugares con estes hábitats de interese, e, por que non, ir pensando xa en novos Espazos Naturais de Interese Local que garantan a preservación desta riqueza natural na costa entre Nostián e o monte de San Pedro.

Porque, sen dúbida, é todo un privilexio para a cidadanía coruñesa o poder gozar destes lugares biodiversos e coloridos. Un vencello con aquela Coruña máis rural de gando e cultivo, de labregos e toxos, amarela e rosa.