Anova sobre a próxima municipalización das bibliotecas na cidade evidencia que, a pesares dos múltiples atrancos e paus nas rodas que incluso ata o Goberno central impón, se poden facer as cousas doutro xeito. Transitar dun ben asentado modelo de privatizacións que, dende o préstamo de libros ata a recollida de animais abandonados, se ten imposto como se supuxera algunha vantaxe para a veciñanza é tamén unha maneira de lembrarnos que os poderes públicos teñen sido externalizados de facto. Valladolid demostrouno cunha aposta pola xestión pública da auga, A Coruña vaino demostrar coa xestión destes espazos pluriculturais

O activismo animalista tampouco é alleo a estes movementos. Toca lembrar a loita por mudar a canceira municipal cara un verdadeiro centro de protección animal, cun intento de mordaza xudicial hai tan só dous anos, ou a supresión de calquera axuda para facilitar touradas na cidade, para comprender por que defender aos animais tamén é defender o público.

Así, o anuncio do Goberno local multiplica as nosas esperanzas de acadar un modelo de recollida de animais abandonados que non fale de empresas, negocios ou lucros. Queremos apostar verdadeiramente por un sistema que teña o sacrificio cero, o benestar e a sensibilización no seo do seu ADN e aproveitando a experiencia do funcionariado, e por iso queremos tamén estudar a remunicipalización das instalacións de Bens, coa vantaxe engadida de que o recinto xa é propiedade das coruñesas e dos coruñeses.

Existen moi poucos espellos nos que reflexar a idea dun centro de acollida de animais 100% público, e só podemos fixarnos naquelas pequenas experiencias que, ben a través de entidades protectoras teñen acadado boas novas para os animais, como o caso da Pobra do Caramiñal ou, noutro senso, a reformulación do refuxio de Bando, do que forman parte os concellos de Santiago, Vedra e Teo e cuxa administración se desenvolve a través dunha fundación.

As oportunidades non chegarán de inmediato. Se temos en conta que esta licitación se plantexou cunha dilatada duración e só a partires de 2019 se poderá tomar partido polas diferentes opcións que se poidan poñer sobre a mesa. Xustamente no hipotético terreo dunha campaña eleitoral. E nese momento tocará facer unha reflexión, e se fai falla, autocrítica: Estará á altura o movemento animalista para plantexar unha solución ética e de xestión pública?

Temos certa base que propiciaría unha fonda mudanza. A maior parte das forzas políticas con representación en María Pita incluíran nos seus respectivos programas eletorais de 2015, apostas polos servizos públicos. Non é alleo tampouco queo actual Goberno da cidade fala de animais máis que noutras lexislaturas, que se pensa nos animais domésticos, e tamén na fauna silvestre á hora de elaborar medidas, e fan políticas de benestar e convivencia. Agora tocará dar un novo pasiño para desligar o negocio da protección animal.