O baile e a música de raíz tomarán unha vez máis este fin de semana as rúas coruñesas coa Romaría de Santa Margarida. Como cada ano, e a xeito de peche das festas de María Pita, as prazas e avenidas da cidade encheranse de actuacións e obradoiros instrumentais e de reciclaxe que, ao igual que na edición do 2016, estarán vinculados á tradición popular galega. Os concertos das noites, a cargo de oito agrupacións como Radio Cos, Xacarandaina e Luar na Lubre, alongarán ata a madrugada cos seus cantos e pandeiretas a celebración no parque, que cederá durante o día o seu protagonismo a espazos máis descentralizados.

Os festexos comezarán a mañá do sábado e prolongaranse ata as derradeiras horas do domingo, con actividades que se distribuirán de forma temática pola cidade. A praza de Vigo, que pasará a chamarse do Baile, aglutinará durante o día 26 e desde ás 11.00. todos os actos relacionados coa danza, como os obradoiros de Mar Suárez, Carlos Xosé Vidal e Xisco Feijóo. A Asociación Cultural Donaire e Son D'Aquí, e a Agrupación Folclórica Aturuxo tamén estarán coas súas actuacións neste enclave o sábado, que contará ata media tarde con outros festexos simultáneos nas prazas de Galicia e Lugo.

Na primeira, bautizada como a praza da Música, os protagonistas serán a voz e os instrumentos tradicionais. De novo Son D'Aquí e Donaire, esta vez coas súas formacións de música, ofrecerán cancións galegas en dous concertos de preto de media hora de duración, entre os que se intercalarán o obradoiro de canto e pandeireta como o de Davide Salvado. O grupo de gaitas Xebre inaugurará ás 11.30 h. a zona como espazo da romaría coas súas melodías, e será imitado a primeiras horas da tarde polos Gaiteiriños da praza de Vigo e a sesión vermú da Alameda a cargo dos pandereteiros PanSenFron, unha das principais novidades deste ano. "A sesión vai enlazar todo o día, fará que non pare a música desde as 11.00 ata as 02.00", di un dos organizadores, Antonio Prado, sinalando "o récord" que supón a cifra de asociacións culturais representadas nesta edición, un total de 7.

Para os máis pequenos da festa, habilitarase a praza Miúda. Será o nome que reciba durante a xornada do sábado a praza de Lugo, que reunirá ata media tarde actividades dirixidas ao público infantil como o obradoiro de construción de instrumentos con materiais de refugallo de Xandobela. O coruñés Pablo Díaz realizará alí unha intervención ás 17.20, antes de trasladarse ao anfiteatro de Santa Margarida para dar o primeiro dos concertos da noite.

A Bandas das Crechas (21.20 h.), Riobó (23.00 h.) e Radio Cos (00.30 h.) serán o grupos que sigan a Díaz na sesión nocturna do sábado. O domingo será máis tranquilo, con presetacións literarias, firma de libros e contacontos nos soportais da Casa das Ciencias como parte da iniciativa Libros a Monte e música da man de grupos como Samarúas e Luar na Lubre, que pechará ás 22.00 h. uns festexos nos que non faltará ás 12.00 h. a tradicional actuación da Banda Municipal.