A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ampliará o paquete de materias de libre configuración autonómica que poderán ofertar os centros educativos o curso que vén. En concreto, súmanse catro novas: Identidade dixital, Consumo responsable, Valores democráticos europeos e Mobilidade escolar sostible e segura. O currículo de todas elas pódese consultar na ligazón https://www.edu.xunta.gal/portal/sites/web/files/materias_de_libre_configuracion_2017.pdf, poderán ofrecerse en primeiro ou segundo curso de Educación Secundaria Obrigatoria e terán unha carga horaria dun período lectivo semanal. O obxectivo é formar consumidores responsables, informados, conscientes, críticos e solidarios.

As catro novas materias súmanse ás xa establecidas en 2015 e 2016. No curso que remata, a Consellería puxo a disposición dos centros un total de nove materias de libre configuración autonómica na ESO, e dez na etapa de Bacharelato. En conxunto, foron un total de 1.239 centros os que as impartiron e máis de 31.000 alumnos matriculados, o que supuxo multiplicar case por 2,6 o alumnado con respecto ao curso 2015/16, onde había pouco máis de 12.000 matriculados.

Tendo en conta o éxito destes dous últimos anos, o departamento educativo da Xunta de Galicia aposta por seguir ampliando a relación destas materias, que axudan aos mozos a reforzar as competencias clave, a adquirir coñecementos transversais e a potenciar a aprendizaxe en valores.