Alí ácido 3,6-dicloro-2-metoxibenzoico. Aquí ácido 3,5,6-tricloro-2-piridiniloxiacético. Acolá ácido 2,4-diclorofenoxiacético. E por todos lados N-fosfonometilglicina. Quizais non nos digan nada estes nomes tan rimbombantes e complexos, pero están moi preto de nós: son herbicidas. Agochados detrás de marcas familiares nas tendas de produtos agrícolas, estes compostos químicos conseguen, non sempre á primeira, eliminar aquelas "malas herbas" que xulgamos inútiles e molestas.

O primeiro -chamado Dicamba- e o segundo -Triclopyr- poden afectar á reprodución de vertebrados en doses "típicas", efectos que son máis notorios en aplicacións máis intensas. O terceiro, denominado habitualmente 2,4-D, é considerado un dos máis perigosos herbicidas, incluso en doses recomendadas, polos danos que potencialmente pode causar a herbívoros. En doses máis altas supón a morte de mamíferos e tamén de aves insectívoras. E o cuarto, ese que está en todos lados, non é outro que o glifosato.

Elevado aos altares pola industria por ser "virtualmente ideal", grazas ao seu amplo espectro e baixa toxicidade comparado con outros herbicidas sistémicos, foi vendido por primeira vez a agricultores en 1974. Xa antes de 1980 o volume de herbicidas con glifosato aumentou unhas cen veces, e seguiría a aumentar nas seguintes décadas. A medida que aparecían "malas herbas" resistentes a este herbicida era necesario rociar con máis e máis glifosato. Paralelamente, foron seleccionadas variedades de millo, soia e alfalfa resistentes aos crecentes residuos de glifosato, incluso transxénicas. A día de hoxe, os herbicidas con glifosato son os máis vendidos no mundo, e contan xa con 750 produtos distintos para agricultura, xardinería e o control do crecemento de herbáceas en bordos de estradas e en vías férreas. Nas plantacións de eucalipto rocíase ata catro veces o chan con glifosato como tratamento "preventivo" en cada ciclo de corta de 25-30 anos, chegando a tres litros de produto por hectárea en cada tirada: millóns de litros de glifosato ao longo do tempo nos eucaliptais galegos.

Con todo, o glifosato presenta moitos problemas: pode filtrarse ata augas subterráneas afectando á calidade da auga potable e a vida acuática. Tamén contamina o aire e o solo. Tanto, que na propia etiquetaxe do produto dise que é "Nocivo e perigoso para o medio ambiente".

Os defensores do glifosato afirman que aplicado correctamente non é perigoso e que é degradado bioloxicamente ao longo do tempo por microorganismos que o transforman en moléculas que están presentes naturalmente, incluíndo o dióxido de carbono e o fosfato. Así e todo, evidencias recentes suxiren que a vida media do glifosato na auga e solo é máis longa do que previamente se pensaba. Segundo un estudo de Aranzadi, pequenas doses de glifosato en charcas diminúen as taxas de supervivencia de anfibios. Tamén é prexuducial para grandes herbívoros? e tamén para a saúde humana. Ben sexa por contacto directo coa pel, por inhalación de aerosoles, por beber auga con restos de glifosato ou inxerir alimentos contaminados, este herbicida pode pasar ao noso organismo. Amigos da Terra analizou a orina de 182 cidadáns seleccionados en 18 países ao longo de Europa: atopáronse trazas de glifosato en oitenta mostras. E, como confirma Luís Díaz Cabanela, vogal de saúde ambiental de ADEGA, son especialmente vulnerables "traballadores que non utilizaban a protección axeitada", rexistrándose afeccións en "transeúntes que foron alcanzados accidentalmente por rachas de vento contaminado".

Hai evidencias de efectos negativos do glifosato na reprodución humana, xa que, incluso tras o contacto con pequenas concentracións, as células embrionarias e placentarias resultan afectadas, provocando malformacións fetais. Tamén poderían causar fallos renais, doenzas celíacas, colite, autismo, trastorno de déficit de atención con hiperactividade e párkinson. En contacto con concentracións de 10 g por litro -menores que as que adoitan aplicarse en agricultura- este herbicida promove a proliferación de células de cancro de mama dependentes do estróxeno. Tamén existen "evidencias limitadas" da asociación entre a exposición en glifosato e o linfoma non-Hodgkin. En zonas de cultivos intensivos en Arxentina, con uso masivo de glifosato desde o ano 2000, o 30% das mortes humanas son producidas por cancro, fronte ao 20% da media nacional.

Non sen polémica -a miúdo instigada pola industria química-, en 2015 a Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), dependente da OMS (Organización Mundial da Saúde) elevou o risco canceríxeno do glifosato á categoría "2A-Probablemente canceríxeno para humanos". Ademais a IARC afirma que hai "evidencia mecánica" de dano do ADN en células humanas expostas a este herbicida.

Holanda, Dinamarca e Suecia xa prohibiron ou restrinxiron o uso de herbicidas con glifosato a nivel local. Tamén o fixeron París, Vancouver e Chicago. En decembro de 2015 Greenpeace animou aos diferentes municipios españois a que deixaran de usar glifosato en zona verdes. Moitos deles se adheriron á proposta. E en 2016 seguiron as campañas cidadás para eliminar estes herbicidas tóxicos das cidades. Ese ano a Comisión Europea, tras unha moderada polémica, autorizou o uso do glifosato pero só ata o 31 de decembro de 2017. O 3 de xullo de 2017, enviáronse máis de 1,3 millóns de sinaturas da Iniciativa Cidadá Europea para a prohibición definitiva do glifosato. Para aquela data varias cidades xa dixeran non a estes velenos cotiáns. Entre elas A Coruña.