Un total de 12 ciclos formativos en sete centros educativos estenderán por primeira vez o próximo curso o ensino plurilingüe á etapa de Formación Profesional. Esta ampliación do ensino plurilingüe á FP enmárcase na nova Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, que tamén incorpora a extensión á Educación Infantil (Plurinfantil) e Bacharelato (Pluribach). Os datos provisionais cifran en 81 os centros que este curso terán por primeira vez plurilingüismo en Infantil, mentres que catro o introducirán en Bacharelato. A través deste modelo non só se busca mellorar as competencias lingüísticas do alumnado, senón ofrecerlle máis oportunidades futuras no actual mundo global. Neste contexto, os ciclos formativos plurilingües axudarán a favorecer a inserción laboral dos mozos, a competitividade dos sectores produtivos, así como a desenvolver habilidades de comunicación oral e escrita en lingua estranxeira.

O alumnado destes ciclos disporá de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira, dunha materia formativa extracurricular, cunha carga horaria semanal de dous ou tres períodos lectivos. Tamén realizarán charlas, obradoiros ou proxectos, de 40 horas nos dous cursos, fóra do horario ordinario.

No caso do profesorado que imparta os módulos plurilingües, deberá acreditar, cando menos, o nivel B2 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL). O alumnado disporá de formación específica orientada para certificar o nivel B1, B2 ou superior ao remate da etapa.