Para Xurxo Lobato

Se hai unha persoa na historia contemporánea da Coruña que acadase unha especial popularidade, esa foi "o médico Rodríguez", quen salientou como un ser humano de carácter aberto e optimista, comprometido con causas nobres, de honrada traxectoria e entrega desinteresada ás persoas enfermas que a el acudían en busca de axuda.

Un activo cidadán

Xosé Rodríguez Martínez naceu a mediados o século XIX, en 1856, en Monelos, que daquela era parte do municipio de Oza. E xa desde novo deixou claro que a timidez non era unha característica súa. Subido sobre un burro atravesaba a cidade para acudir ao vello instituto local de segunda ensinanza situado na Cidade Vella.

Republicano conectado co rexionalismo, tivo unha intensa vida social e política, foi concelleiro, interveu en sonadas polémicas e desenvolveu unha notable actividade publicista. Chegou a ser redactor xefe do xornal La Voz de Galicia e creou varios medios escritos, como as revistas Médico-social e Galicia médica e os xornais El esclavo, La Pelea, El Pueblo, El Cardenal, Lectura Popular, La Unión Republicana, El Boliche, etc. Impartiu numerosas conferencias e participou en moitos foros, presidindo o Circo de Artesanos durante varios años.

Médico voluntario en Valencia

Rematou os estudos de Medicina en Compostela en 1880 e poucos anos despois, en 1885, Rodríguez deu unha boa mostra do seu compromiso coa saúde pública cando decidiu asistir como médico voluntario á epidemia de cólera de Valencia, cidade onde permaneceu máis de dous meses.

Seguiu en Valencia a polémica sobre a proposta curativa de Jaume Ferrán e, ao tempo, actuou como correspondente para o xornal La Voz de Galicia. As crónicas eran moi entusiastas e apoiaban o labor do médico catalán, amosándonos ao noso protagonista como traballador infatigable. O Goberno concedeulle a Grande Cruz da Beneficencia, o Concello de Valencia nomeouno fillo adoptivo da cidade e recibiu unha homenaxe do Ateneo-Casino Obrero de Valencia. Asemade, a recepción á chegada a Coruña tivo características propias do recibimento a un heroe. Á volta do episodio levantino publicou o folleto Valencia-Galicia, estudio práctico acerca del tratamiento más eficaz del cólera morbo asiático, método seguido en la epidemia colérica de Valencia del presente año.

Acción médica local

O activo médico definíase, no plano teórico, como darwinista e fillo da "ciencia pura y positiva" e exerceu a súa profesión na cidade coa vista posta sempre na creación de centros sanitarios de servizos múltiples. En 1888 dirixiu o Gimnasio Médico-Higiénico e entre 1888 e 1891 creou o Centro Jenner, que atendía á vacinación animal e humana, como por exemplo na epidemia de varíola de 1888, na que vacinou de xeito gratuíto aos pobres. Asemade, en 1902 fundou Higia. Casa de Cirujía, dotada cun Laboratorio Histológico y Micro-químico; estivo localizada na rúa de San Andrés, número 70, despois na rúa Ferrol, números 4-6,1º e de aí pasou para praza de Lugo número 1.

Na liña de preocupación pola saúde pública, atendeu ao agudo problema da tuberculose, publicando Defensa contra la tuberculosis (1905), unha conferencia que deu no Circulo de Artesanos coruñés o 19 de febreiro de 1905. A cidade herculina acadaba a cifra de 276 defuncións ao ano causadas por esta doenza, o que a situaba no cuarto lugar entre as capitais de provincia de España. Fronte iso, Rodríguez propuña a creación dun dispensario antituberculoso, o establecemento da beneficencia domiciliaria e a creación de varios sanatorios (pouco despois, en 1906, o médico Emilio Fraga Lago conseguiría a creación do dispensario). Entre outras actividades, realizou unha ampla campaña de propaganda para que no antigo Lazareto de Oza se instálase un sanatorio e publicou en 1918, a raíz da epidemia da gripe, varios traballos sobre esa cuestión.

A instalación do busto

Rodríguez morreu de cancro en 1921. O pleno municipal aprobou dedicarlle unha rúa e o médico e escritor Ramón Fernández Mato tivo a iniciativa de que un busto de Rodríguez que gardaba a familia fose colocado nun xardín público; proposta que atopou amplo respaldo, iniciado polo apoio do presidente do Colexio médico, Manuel Gradaille, e polo colega Enrique Hervada, pero o asunto non se levou a efecto. Fernández Mato, quen foi tío do escritor Manuel María e chegou a presidir o Celta de Vigo, era republicano, estivera relacionado co movemento agrarista e de estudante en Compostela compartira amizade e militancia anarquista con Roberto Nóvoa Santos.

Tiveron que pasar máis de dez anos para que en tempos da II República a iniciativa se executara. O domingo 27 de agosto de 1933, ás doce da mañá, celebrouse a inauguración do monumento que hoxe podemos contemplar na praza de Ourense. Falou en primeiro lugar Joaquín Martín Martínez, secretario do Concello coruñés e xenro de Rodríguez (casara cunha das fillas, Elvira; outra, Eva, fíxoo co pintor Francisco Llorens), quen leu un telegrama de Fernández Mato, e pechou o acto o alcalde Manuel Iglesias Corral. A continuación un neto do médico homenaxeado descubriu a estatua.

A amizade con Emilio de Madariaga

O busto en bronce de Rodríguez é obra do escultor coruñés Emilio de Madariaga, nado en 1887 e irmán pequeno do senlleiro Salvador. Un artista con vocación tardía, que se formou en París, desenvolvendo un estilo bastante persoal e dun certo éxito; entre as súas obras figura un busto do seu irmán Salvador, hoxe no Museo de Belas Artes de Asturias (Oviedo).

Esa autoría agacha unha historia moi pouco coñecida que nos revelou Joaquín Martín nun artigo que publicou o 2 de xaneiro de 1922 no semanario Acción Coruñesa. Alí falounos da intensa relación que existiu, a pesar da diferencia de idade, 30 anos, entre o médico Rodríguez e o escultor Madariaga. Unha conexión baseada na "identidad espiritual" entre ambos, que tiña como precedente a amizade entre o activo médico e o pai de Emilio, o militar José de Madariaga, quen ao marchar á guerra de Cuba deixou o encargo ao noso protagonista de coidar da muller e dos fillos.

Á volta do desastre cubano a familia Madariaga marchou para Madrid, despois Salvador iría estudar a Francia e estaría afastado da súa cidade natal. Non foi ese o caso de Emilio, quen acudiu con frecuencia á Coruña e aquí xantaba diariamente na casa do médico Rodríguez, que exercía como "íntimo amigo de bohemia". Cando apareceu o cancro que remataría coa vida do médico, este foi a Madrid a operarse, o que esixía o afeitado da barba que caracterizaba a súa figura. O día anterior estivo con Emilio, quen quixo gardar rexistro artístico da cabeza do seu amigo e fixo un modelado que despois transformou en bronce, o busto co que agasallou ao enfermo. De volta á Coruña Emilio acompañaría a Rodríguez convalecente, mesmo nunha xira por Galicia.

O 18 de marzo de 1920 morreu Emilio en Madrid e ao día seguinte recibiu o noso médico as novas desa prematura desaparición. Martín fálanos do tremendo impacto que lle produciu a desaparición do amigo. Xusto un ano despois, tamén nun 18 de marzo, Xosé Rodríguez morría tras meses de sufrimento e doutras operacións en Santiago. A familia doaría o busto que fixera Emilo para o monumento na praza de Ourense, onde permanece como merecida homenaxe perpetua á memoria dun médico e cidadán exemplar e como expresión dunha fonda amizade.

Recuperar a memoria

Ese monumento tamén debería lembrarnos a triste final de quen nos contou a súa historia. O republicano Joaquín Martín Martínez foi xulgado en consello de guerra, acusado de rebelión militar (sic), condenado a morte e fusilado no Campo da Rata o 31 de agosto de 1936. En tempos escuros, os coruñeses que pasabamos a carón da estatua para ir ao quiosco central da praza a mercar uns estupendos bocadillos de calamares, podíamos ver no posto contiguo de venda de xornais fotos de Cheché Martín, un grande futbolista que xogou no Deportivo e no Barcelona. Mais moitos ignorabamos que era neto do médico que representaba aquel busto e tampouco sabíamos que era fillo de Joaquín Martín. Quitárannos a memoria.