- A Declaración de Impacto Ambiental da ría, é como esperaban ou presenta aínda carencias para os mariscadores?

-Hai moitas partes do proxecto que son ambiguas, así que lle pedimos unha xuntanza ao director de Demarcación de Costas, Rafael Eimil, para que nos explique máis polo miúdo o documento.

- En que partes teñen dúbidas ou lles parece ambiguo o texto?

-Na parte do impacto no marisqueo co dragado, por exemplo, tamén na parte que di que hai cese de actividade, porque noutra di que é compatible o dragado co marisqueo, xa que, mentres a draga traballa na parte interna, nós podémolo facer na exterior. É algo que non entendemos. Queremos saber cando vai ser o cese e como.

- E preguntarán sobre prazos e orzamento?

-Si, esa é outra das nosas dúbidas, porque a Declaración de Impacto Ambiental fala de meses, de outubro, novembro e decembro e tamén de xaneiro e febreiro, pero non di de que ano nin da partida orzamentaria, non fai mención tampouco a que non se poida facer unha mesa xa de administracións para empezar a falar do financiamento. Iso ímosllo solicitar á Demarcación de Costas, porque non entendemos por que hai que esperar a ter as alegacións incorporadas ao proxecto para xuntarse. Agora xa sabemos que o impacto ambiental é favorable, así que, ao mesmo tempo que os funcionarios incorporan esas enmendas, os políticos poden xuntarse para ver cal vai ser a maneira de financiamento, como se vai repartir ou se van pedir cartos a Europa... O proxecto ten que seguir a súa tramitación, pero cómpre empezar a falar xa do seu custo e de como se vai pagar.

- No proxecto falan de ampliar o periodo de execución de 21 a 23 meses para agardar a que o marisco acade unha talla comercial. Iso benefícialles ou élles indiferente?

-É outra das partes que non entendemos. O proxecto di que se vai resembrar con semente hatchery [procedente de viveiros], pero ese marisco tarda en medrar un ano e medio ou dous anos como pouco, entón non entendemos como só se amplía dous meses o prazo unha vez que se sementen os bancos marisqueiros, porque os bivalvos non van medrar nese tempo, senón en dous anos. Entendemos que, unha vez que veñan as máquinas á ría, non imos sementar até que haxa unhas garantías de salubridade nas augas.

- Segundo o proxecto, empézase polo Caínzo e pola Maruxa grande...

-Si, nos bancos marisqueiros, empézase de dentro a fóra, pero para dragar os canais, vai da zona externa, de Santa Cristina, á interna, ao Burgo. Nós temos as nosas dúbidas con iso, supoñemos que na zona interna empezarán coas pleamares para vir baixando, pero tamén pon que os lodos serán retirados con pontonas -embarcacións planas-. Necesitamos saber máis, porque xa nos van quitar bastante capacidade produtiva as máquinas nos bancos marisqueiros como para que teñamos que deixar libres os canais e non poidamos faenar porque anda a embarcación para arriba e para abaixo cos materiais. A nós váisenos facer moi costa arriba, porque onde estean as máquinas non imos poder mariscar e tampouco nas zonas próximas, porque estarán as barreiras de seguridade e xa non hai moitos bancos como para que nos quiten capacidade produtiva. Entendemos que, unha vez que draguen a ría, hai que ter unhas garantías de que as augas están limpas e de que o marisco acada a talla comercial. Nós queremos que loitar polo medio ambiente, pero tamén polos postos de traballo e garantizar que haxa produción na ría e dous anos é o que se precisa para que os bivalvos medren.

- Os meses de execución veñen marcados, entre outros factores, polas aves...

-A nós aféctanos porque se nos prolonga o tempo de dragado ao non poder traballar as máquinas no entorno onde viven estas aves e a fauna durante determinados meses. No noso caso igual temos que perder de traballar en épocas fortes de venda, como o verán, por esta circunstancia. Cando hai que arranxar un problema, sempre hai prexudicados e, neste caso, nós sómolo ao 100%.

- O proxecto fala de dragar 50 centímetros de lodos, aínda que, nalgunha ocasión, os mariscadores denunciaron que había zonas nas que chegaban case aos dous metros, temen que non sexa suficiente profundidade e que queden en suspensión partículas contaminantes?

-Non, nós entendemos que, cando entren as máquinas, se ven que os lodos son máis profundos, non os deixarán, cando falamos dun saneamento integral vai ser para deixar a ría en condicións e non para deixar o dragado a medias.

- Están máis esperanzados coa rexeneración da ría ou este proxecto segue a ser só papel?

-Sen lugar a dúbidas é un gran paso, xa está publicado no Boletín Oficial del Estado, o que nos xenera inseguridade é como imos pasar estes dous anos traballando nestas circunstancias. O proxecto fala dos meses outubro, novembro e decembro e non vai ser do 2018, porque aínda non está licitado o proxecto nin hai financiamento, así que, pode ser a finais de 2019 ou 2020. Agora que xa sabemos que o dragado da ría é favorable, non entendemos como non se axilizan os trámites. Agora mesmo estamos malvivindo. Xa non falamos dos máis de 2.000 mariscadores que eramos nos anos 80, no 2007, se non lembro mal, eramos 146 só de marisqueo a pé, e actualmente, somos 65.

- Seguirán pedindo compensacións económicas?

-Si, porque actualmente estamos a perder postos de traballo, porque hai compañeiros que se xubilan, pero outros teñen que abandonar porque non teñen diñeiro para pagar a Seguridade Social e a hipoteca á vez e, se non pagan a cota e xeneran unha débeda coa Seguridade Social, perden o carné de mariscador.