Corren ventos de cambio sobre o tratamento dos espazos situados en primeira liña de costa. O acordo para privatizar os terreos nos que se ergue o hotel Finisterre e o peirao de San Diego, tras o anuncio feito polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, logo de entrevistarse co titular do ente Puertos del Estado, José Llorca, representa a punta quente dun iceberg cunha profundidade cada vez maior. Non é aínda a privatización total, pero si son os seus pasos previos, á espera dun hipotético cambio de goberno no pazo de María Pita.

O primeiro dato que convén destacar da comparecencia do presidente da Xunta é que, por primeira vez desde 1850, pódese consumar a privatización dun espazo do cinturón do litoral coruñés. Agora é o recinto hoteleiro do Parrote, unha vez que se recuou respecto aos intentos de especular tamén coa Solana, pero neste carrusel de poxas ou vendas directas mañá pode tocarlle ao edificio de Correos e máis adiante ao hotel Atlántico. Desgraciadamente, os grandes partidos non realizan esforzo algún por elevar a conciencia cidadá respecto ao significado de perder espazos tan emblemáticos da cidade. Esa sensibilización cidadá queda así relegada a activas e inquedas organizacións políticas, sindicais, veciñais, culturais e sociais, nucleadas en torno á Comisión Aberta en Defensa do Común, que desenvolven accións de explicación e movilización en torno a esta problemática.

Resulta patente que os grupos hexemónicos da cidade, aos que tan entusiasticamente representa o PP, están procedendo a definir un novo límite urbano, unha nova relación entre a cidade e o mar, un novo límite que prioriza a privatización sobre esa franxa marítima que mesmo a burguesía de finais do século XIX e principios do século XX sempre considerou de titularidade pública. Os terreos gañados ao mar sempre eran considerados públicos e cando se necesitaban servizos para acoller diversos equipamentos adxudicábanse en réxime de concesión. A mediados do século XIX, prantexouse a posibilidade de erguer fileiras de vivendas en terreos gañados ao mar -actualmente Cantóns e xardíns de Méndez Núñez-, pero da man do enxeñeiro Celedonio de Uribe, impúxose a filosofía que impregnaba a aquela burguesía máis culta no sentido de reservar todo aquel espazo para zonas verdes e edificios públicos.

Todo iso muda co franquismo, que incorpora a súa particular visión urbanística cunha lóxica eminentemente depredadora do común. Así, o Finisterre e a Solana foron proxectos concedidos a ilustres persoeiros conectados cos vencedores da Guerra Civil, que constituíron a empresa, Finisterre SA, destinada á explotación de negocios de piscinas, restaurantes, transportes, espectáculos, hostelería e similares ou derivados, mesmo á adquisición e enaxenación de concesións administrativas de terreos, praias e marismas. Ocupan a praia do Parrote (uns 25.000 metros cadrados de espazo público), erguendo alí o complexo polideportivo, inaugurado o 17 de xullo de 1942, privando con elo dun areal prácticamente virxe á veciñanza da Cidade Vella, para, posteriormente, construir o recinto hoteleiro, en 1948, sobre o predio que ocupaba o vello cárcere ate 1928.

Sigo pensando que A Coruña atópase diante da mellor oportunidade da súa historia para convertir en realidade a suma de aspiracións cidadáns coa fixación duns obxetivos colectivos que eviten a especulación de espazos comunais. Evidentemente, é máis fácil organizarse e actuar para defender privilexios como o que se pretende facer co Finisterre, isto é, vender preto de 10.000 metros cadrados de superficie construida a unha inmobiliaria a un prezo de 1.100 euros por metro cadrado, o prezo dunha vivenda de protección oficial, na zona máis apetecible da cidade, que para poñer en práctica ideas e proxectos que só poden definirse ao calor da sensibilización e movilización cidadá.

A falla de coñecer o resultado da reunión do vindeiro día 24 entre o alcalde e o titular de Puertos del Estado, o Goberno municipal non debería ignorar que o seu voto foi o voto polo cambio, cualitativo e non só formal. Por iso, non debería descuidar o papel que está a xogar a Comisión Aberta en Defensa do Común na sensibilización cidadá. Que esta plataforma tivo un papel determinante no debate sobre o patrimonio público do último ano e medio é evidente. Que contribuiu tamén, cos seus textos de moción aprobados en sendas sesións plenarias, a que se posicionaran os diversos grupos municipais, resulta unha experiencia contrastada. Isto non obsta para que desperte temores ou indiferenza por parte dos sectores que conforman o lobby coruñés.

Finalmente, só unha resposta axeitada á desafectación dos terreos do peirao de San Diego a través dun novo PXOM permitirá transmutar un planeamento concreto inmerso na euforia urbanística do momento desencadenada pola necesidade de financiar a dársena de Langosteira, equilibrando elementos existentes e potenciando os fundamentos de racionalidade dos usos alternativos.