Este curso comezou cun total de 124 centros plurilingües na provincia da Coruña trala ampliación deste tipo de modelo que implica a impartición de ata un terzo do horario lectivo en lingua estranxeira á Educación Infantil, Bacharelato e Formación Profesional. Os datos definitivos das diferentes etapas -excepto de FP, que sairán en breve-, así como das seccións bilingües, poden consultarse na web da Consellería de Educación no enlace http://www.edu.xunta.gal/portal/. A ampliación do ensino plurilingüe ás distintas etapas -ata o curso pasado estaba presente en Educación Primaria e Secundaria- enmárcase na nova Estratexia galega de linguas estranxeiras, EDUlingüe 2020, presentada a inicios de xuño. Os primeiros resultados desta iniciativa acreditan que neste curso 26 centros da provincia da Coruña decidiron introducir o plurilingüismo en Infantil, denominado Plurinfantil. No caso de Pluribach (plurilingüismo en Bacharelato), será o IES Campo de San Alberto de Noia quen o oferte por primeira vez na provincia. Pola súa banda, o IES Universidade Laboral da Coruña impartirá o ciclo plurilingüe de Prevención de riscos profesionais.

Ademais, á rede dos centros plurilingües de Primaria e Secundaria súmanse este curso oito novos: o CEIP de Ponte do Porto de Camariñas, o CPR San José de Pontedeume, o CEIP de Sobrado-Nebra de Porto do Son, o CPR Casa do Neno de Santiago, o CEIP Virxe do Portal de Sobrado, o CEIP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda, o IES Castro da Uz das Pontes e O CEIP Ría do Burgo de Culleredo.