A recente xuntanza entre Puertos del Estado e a Xunta significa un desprezo á cidade da Coruña, ao seu Concello e ao Goberno municipal. Unha vez máis a Xunta e o Estado gobernados polo PP mostran que están máis cerca do caciquismo e dos intereses privados que da democracia e defensa dos intereses públicos. O acordo acadado entre ambas as dúas administracións os pasados días despreza a opinión, mostrada nas rúas e coas suas firmas (máis de 10.000), de miles de coruñeses convocados pola Comisión Aberta en Defensa do Común; as opinións reiteradas da maioria dos grupos municipais e do Goberno municipal. Nin sequera tiveron a delicadeza de invitar ao muñidor do acordo, o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, que demostrou unha vez máis a súa incompetencia.

Desde este mesmo periódico defendemos de continuo a devolución gratuita e o dominio público e o uso público dos peiraos da cidade, terreos ganados ao mar mediante recheos grazas ao esforzo da cidade. Terreos que polo tanto deben revertir á cidade como ten pasado noutros momentos da nosa historia, e non ser utilizados especulativamente para beneficio privado .

A xustificación para a venda dos terreos portuarios non deixa de ser un puro sofisma: pagar a débeda de 320 millóns de euros por parte da Autoridade Portuaria na construción do porto de Langosteira. Débeda derivada dun incremento desmesurado e sen control dos seus custes. Incremento que demostra a incapacidade da Autoridade Portuaria e Puertos del Estado para xestionar a construción de Langosteira, e tamén a incapacidade para xerar no porto un movemento e incremento de negocio capaz de pagar eses costos. Tendo pendente aínda de construír o ferrocarril (que con cerca de 110 millóns pon a débeda a pagar polas nubes) sen o cal Langosteira perde toda operatividade. E todo isto sen a dimisión dun ineficaz xestor como o presidente da Autoridade Portuaria, señor Losada, evidentemente nomeado polo señor Feijóo.

O acordo da Xunta e Fomento non deixa de ser un desenvolvemento do convenio asinado no seu momento polo alcalde señor Vazquez e a Autoridade Portuaria, convenio do cal reiteradamente pedimos a súa anulación desde estas páxinas por significar unha privatización dos espazos do común. Co novo acordo mantense o dominio público dos peiraos do centro da cidade mais non se especifican os usos dos mesmos, se públicos ou privados. En todo caso deixanse para un "acordo posterior", que, coñecendo a política privatizadora das dúas administracións, significará un uso privado dos mesmos, unha privatización en diferido, tan cara ao PP. Nos peiraos de San Diego e Petroleiro, con cerca de 380.000 metros cadrados, é máis simple a xogada: véndense ao mellor postor para facer 5.000 vivendas, maiormente de luxo, e centros comerciais: a xogada especulativa de sempre. Polo tanto, desmantelarase todo tipo de negocio, comercio ou industria instalada nos mesmos. E todo para xuntar simplemente un 15% da débeda. Queremos lembrar neste ponto que o mesmo Goberno do PP vai investir 5.000 millóns de euros para recuperar as ruinosas autopistas radiales de Madrid, construídas polas grandes empresas de sempre: ás veces é necesario botar unha man aos amigos, polo que poida pasar ao deixar o cargo.

Consideramos de sempre que todos os espazos portuarios deben seguir a ser de titularidade e uso público. O Concello da Coruña debe proceder ás pertinentes modificacións do Plan Xeral de Ordenación Municipal que garanta o dominio e uso público dos espazos portuarios, como espazos do común. Debe instar á anulación do lesivo convenio firmado no seu momento con Fomento. Como xa dixemos neste periódico o 3 de abril de 2016, o uso dos espazos portuarios debe ser debatido pola cidadanía, por un estudo riguroso dun Consorcio formado por Universidade, Concello, Puertos del Estado, Autoridade Portuaria, Cámara de Comercio, etc.

Sinalánbase tamén nestas páxinas os usos posibles dos peiraos do antigo Concello de Oza (San Diego, Petroleiro, Dársena do Oza, etc.). Fronte a usos de economía especulativa, destino do convenio de Fomento e a Xunta do PP (nunha cidade onde existe aproximadamente un 17% de pisos baleiros e varios polígonos en proxecto) e que significa fame para maña e a destrución do entorno, propoñíase un novo modelo de cidade basado nunha economía produtiva e sostible: creación de emprego fixo de calidade; mantemento do entorno; investimento en actividades pesqueiras e derivadas; investigación naval; viveiro de empresas navales; intermodal de cercanías e estación maritima; Museo de Actividades Maritimas e Pesqueiras (nunha cidade que vive maiormente do porto é denigrante a sua inexistencia); tráfico de contedores, etc.

É importante que o Goberno municipal posteriormente coincidira con esta proposta. Mais no citado artigo engadiamos que era fundamental encetar un debate público na cidadanía da Coruña sobre os usos dos espazos portuarios. Un debate que conciencie e implique á cidade no seu conxunto no destino e usos dos espazos portuarios como espazos do común. Un debate que abra paso a unha cidade dinámica, sostible e aberta, que defenda os intereses dos cidadáns e non a grupos especulativos. Un debate aberto á información e as iniciativas cidadáns, debate que debe ser organizado, informado e fomentado polo Goberno municipal. En este punto de coincidencia entre a maioría dos grupos municipais, o Goberno municipal, a Comisión Aberta en Defensa do Común e a Plataforma trata de abrirse a unha unidade cívica e popular en defensa dos espazos do común, do dominio e uso cívico dos espazos portuarios. Só esa unidade baixo o paraugas do Goberno municipal pode parar a política privatizadora, caciquil e autoritaria de Fomento e a Xunta do Partido Popular.