O dereito á cidade é moito máis que o dereito a un teito. É o dereito das veciñas e os veciños á cidadanía plena, con acceso a un aloxamento digno, si, pero tamén aos recursos públicos, ao emprego, o dereito a participar na sociedade como iguais. O dereito á veciñanza. Non é casual, pois, que o Plan de Acceso ao Hábitat Digno fose o primeiro documento estratéxico que elaborou este goberno á súa entrada a María Pita, un dos procesos que máis esforzos reúne e que desenvolve unha folla de ruta que foi clara desde o inicio: que o proceso para a inclusión das persoas que habitan en asentamentos precarios na cidade debía ser transversal e enfocarse desde a planificación urbana.

Tampouco é casual que sexa a Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda a que coordine este proceso, que implica, non obstante, á práctica totalidade de áreas de goberno: desde Xustiza Social a Emprego, de Igualdade e Participación a Medio Ambiente, aínda que cunha perspectiva clara, reverter o papel do urbanismo, que historicamente foi nesta cidade o causante da marxinación que supoñen os asentamentos precarios, a través de procesos de desenvolvemento urbano planificados de costas ás necesidades das persoas, para converterse nunha ferramenta ao servizo da xustiza social. Para ser parte da solución e non o causante do problema.

Desde esa visión comezouse a traballar desde a nosa chegada para determinar as accións imprescindibles coas que deseñar o marco de traballo onde abordar unha problemática que persiste na cidade desde hai décadas, a través dun plan integral de inclusión social que, máis alá da vivenda, tivese en conta parámetros como a educación, a saúde, o emprego e a participación. Así se creou a comisión interdisciplinar que deu os primeiros pasos neste proceso, que hoxe conta tamén cun equipo de persoas especializado, o Grupo Hábitat Digno, orientado a garantir o acceso igualitario ao hábitat digno das persoas habitantes nos asentamentos precarios da Coruña, buscar vías para satisfacer o dereito ao emprego e apoiar o acceso destas persoas á participación en actividades da vida cotiá. Previamente, os servizos municipais desenvolveron o deseño dun proxecto que contempla a intervención en distintos ámbitos -como son a habitabilidade e a salubridade, a empregabilidade e a inclusión sociolaboral, a participación cotiá e o benestar- cun obxectivo claro: converter en veciños e veciñas a xente que leva apartada moitas décadas.

Esta perspectiva transversal é a que pilota o traballo que se está a realizar na zona da Pasaxe e que ten, quizais, un fito simbólico no derrubo da antiga nave de La Toja, o pasado mes de maio. Éo porque a demolición e o desmantelamento das infravivendas da súa contorna máis próxima son o resultado de todo un traballo previo de planificación e diálogo coas familias residentes. Unha liña ,ben distinta á seguida no pasado naqueles plans aos que chamaron de "erradicación do chabolismo" e que derivaron, alá polo 2013, nun intento, frustrado polos residentes do asentamento e previa intervención policial, de derrubar a antiga infraestrutura fabril. A propia terminoloxía deses procesos remite a un concepto de exclusión ou expulsión, todo o contrario do que este goberno está a facer na Pasaxe e no resto de asentamentos, nos que se procura xerar as capacidades que permitan aos seus e as súas habitantes reintegrarse, volver a formar parte da cidade. A esa fin, o Concello ten tamén un programa de formación para a convivencia dirixido ás persoas participantes en procesos de inclusión social, orientado a facilitar a adquisición de competencias sociais básicas e reforzar as súas habilidades persoais e domésticas.

Boa mostra dese enfoque é o traballo que desenvolve a Concellería de Medio Ambiente na Pasaxe, e que opera en coordinación coa inclusión das persoas habitantes, un traballo de limpeza que se realiza en paralelo ao desmantelamento das infravivendas xa baleiras e que foi quen de retirar máis de 5.000 toneladas de residuos da zona, e que se leva a cabo en colaboración cos propios residentes, a través de accións formativas personalizadas no ámbito da xestión dos residuos e para vincular a súa xestión con iniciativas de economía social, encamiñadas tamén á inclusión sociolaboral de colectivos desfavorecidos como o que conforman as persoas que viven na Pasaxe, a través da profesionalización da súa actividade. Tamén, co acceso destas persoas a servizos como o da recollida de lixo, que desde este ano opera no asentamento precario. Non son os únicos exemplos. Tamén nas Rañas e no Portiño hai experiencias, nos últimos dous anos, de colaboración coa veciñanza en iniciativas participadas de xestión de residuos, e que se ven complementados con proxectos concretos que, como a renovación da zona de xogos infantís do Campanario, a mellora do seu sistema de saneamento ou a próxima rehabilitación da súa sede da entidade veciñal, van encamiñadas cara a súa conversión nun barrio normalizado.

O traballo por diante para reverter décadas de exclusión é inxente e complexo, pero este goberno enfróntao co mesmo compromiso co que chegou hai xa dous anos e medio, avanzar para que A Coruña sexa unha cidade onde ninguén sexa invisible, onde cada persoa que a habita sexa tamén veciña de pleno dereito.