Dous anos e medio despois da chegada do novo Goberno municipal, a xestión deportiva na cidade de A Coruña ofrece unha serie de liñas de actuación que acreditan a prosperidade deste ámbito ao tempo que amosan un itinerario de cambio ou evolución tranquila, consecuencia dunha análise e observación marcadas pola procura de coherencia. Logo de 30 meses de traballo, a vontade de integración, a carencia de sectarismo, o énfase na atención á saúde, a capacidade para tecer alianzas de cidade, a continuidade do moito e aproveitable de etapas precedentes e a confianza nos vimbios laborais existentes reforzan ao Servizo Municipal de Deportes no Concello da Coruña.

A coidada organización da Copa do Rei de baloncesto ou da Regata de Grandes Veleiros en 2016 advirten desde o inicio da versátil capacidade, con moitas áreas involucradas, para construír eventos, foran estes regulares ou excepcionais, modestos ou máis grandes. Herdando con responsabilidade en ocasións contratos e/ou compromisos de gobernos anteriores e deseñando iniciativas, no horizonte aparece agora a Regata de 2020, mentres os diferentes deportes reciben atención e se consolidan tanto torneos como proxectos. As infraestruturas ambiciosas non rexeitan facer obras como a das cubertas do estadio de Riazor, un complexo polideportivo no Castrillón con xestión pública, o novo tartán para as pistas de Elviña e a infinidade de reparacións e mantementos nos recintos deportivos espallados pola cidade, un plan de mantemento e actualización de instalacións coa difícil tarefa de atender á abultada demanda cidadá.

A insistencia nas infraestruturas urbanas e exteriores; a gratuidade, accesibilidade e aposta pola saúde vertebrada en torno ao programa Coruña en Forma acompañan a un aspecto esencial, a reorganización interna, a necesidade de axustar administración pública e tecido deportivo a un mundo onde deben prevalecer a formación (Xogos Escolares, Escolas Deportivas Municipais), a concorrencia, a igualdade de oportunidades e o equilibrio entre dereitos e deberes.

Así, o Plan de finais de 2016 Activa o Deporte contribúe a favorecer un calendario claro, concreto e compartido da actividade deportiva na cidade. A reformulación recente da ordenanza municipal, que debe entrar en vigor a inicios de 2018, obxecto de estudo en paralelo ás bases de reparto das instalacións municipais, evita a a suxeición a taxas públicas para a actividade física nos adestramentos e as competicións. Unha aspiración das entidades que remata con anos de incómodo limbo legal e permite a gratuidade de uso, ao tempo que a opción de taquilla para os clubes. O aumento das contías nas subvencións a entidades -en 2017, 200.000 euros máis-, un prazo que nesta última convocatoria remata o martes 5 de decembro, perfecciona convocatorias anteriores e permite unha participación menos restritiva das entidades.

Last but not least, son moitos os proxectos que agardan a súa plasmación en 2018. A elaboración dun código de conducta máis responsable para as instalacións, a creación de órganos sectoriais na procura dun mellor entendemento, a difusión de novos deportes, a solución a unhas bases náuticas ou a insistencia nos criterios obxectivos como vínculo óptimo na relación coas entidades son algúns deles.