Para Alfonso Mato

En maio de 1943 apareceu na revista Saudade, editada na capital mexicana, Páxinas póstumas. Un artigo que destaca polo seu contido e porque está asinado por Roberto Nóvoa Santos, que levaba case dez anos morto. Ao escrito do grande médico seguíanlle unhas palabras do tamén galego Carlos Velo, responsable da publicación. O mestre do documentalismo e figura do cine mexicano explicaba que seleccionou os seis breves textos de Nóvoa, a quen identificou do seguinte xeito: "Nestas páxinas póstumas, inéditas ata hoxe, a estrela íntima e segreda de certos pensamentos, desenrolados en libros (...), aparecen a carón de matinacións poéticas que revelan o home detrás do psicopatólogo (sic)".

O artigo apareceu en galego, un idioma que o médico utilizou en público, de xeito escrito e oral, en varias ocasións. Nóvoa non foi galeguista mais mantiña boa relación con algunhas persoas das Irmandades da Fala, con quen publicou e colaborou en diversas iniciativas. Os textos que hoxe comentamos foron, con toda probabilidade, traducidos do orixinal en castelán por Carlos Velo, quen na súa intervención aludiu ao autor como "o que soubo pensar en vida da morte", repasou a biografía e obra e cualificouno como un home "tan da nosa terra" e "o primeiro dos biólogos galegos contemporáneos".

Contido das 'Páxinas póstumas'

Os textos posúen a singularidade de camiñar polo terreo da ficción, un mundo afastado da produción habitual do catedrático de Patoloxía, centrado na elaboración de traballos técnicos da súa especialidade médica ou en escritos de ton ensaístico. Mais desde novo, o poliédrico Nóvoa gustou de realizar incursións literarias, construíndo diversas composicións, como algunha breve obra de teatro, poemas, ou mesmo o relato sobre A Santa Compaña. Neste caso, cunha linguaxe sintética, frases curtas e contido emocional, apostou pola prosa poética.

O Nóvoa de pensamento profundo, o ser humano desacougado, era tamén un vitalista, que se manifestou a prol dos goces da vida, entre os que salientaba o amor e a sexualidade. Mais neses textos que hoxe traemos centrou a súa ollada nas insuficiencias da relación amorosa e, en menor medida, na soidade radical do ser humano, mesmo do que está namorado. Deulle voz a un amante, mozo?, utilizando como fío condutor as limitacións da relación amorosa, polo afastamento, a imposibilidade de unión total, as circunstancias da vida, o azar, etc. Un illamento obrigado que lle xeraba frustración.

Sede fálanos da necesidade amorosa continua e insatisfeita, pois "a fonte está lonxe", e a lembranza subliña a angustia pola ausencia. Un berro final amosa a desesperación, o narrador pídelle á fonte que o afogue: "Quixera morrer mergullado no teu amor!". Eucaristía parte dunha reflexión, "Xamais é dono un da persoa amada"; quixera "sabela, facerme dono do seu sangue, arrincarlle a alma..., levala á boca, paladeala e transubstanciala na canle do meu sangue". Unhas formulacións que lembran ao expresado polo propio Nóvoa nalgún libro ( La inmortalidad y los orígenes del sexo, 1931), onde establecía semellanzas entre o apareamento sexual e o canibalismo. E en sintonia co que afirmou en 1933 nas Primeras Jornadas Eugénicas Españolas, onde salientou que "todo el problema sexual es mera cuestión de agresividad, e incluso las manifestaciones amorosas que parecen más alejadas de ello, no son sino sus consecuencias". De feito, coidaba, "muchas veces las frases más habituales en amor revelan por su crudeza, con grafismo inequívoco, este sentido canabalístico de la sexualidad". A frustración tamén está presente en Oración, onde se afirma que o goce dos sentidos non abonda para a unión total, pois fica desconectado o espirito da parella, xa que "non hai maneira de chegar a el".

Outro día xurde dun recendo que lembra a unha muller que está afastada; o narrador pregúntase: "Sentiríame a min, a min, que a sinto en todas as partes?", unha cuestión que remata coa resignación: "Siga cada un o seu camiño". En A partida tamén trata do afastamento dunha muller, que xera angustia, pois: "O fado fixo que nos atopáramos, a mesma forza do azar nos espalla", e unha certa esperanza: "¡Que non se faga agardar a súa volta!". E no derradeiro texto, A escuras, fálanos do "condenado a vivir na escuridade", pois "o luceiro lonxano deixou de alumear".

¿Contacto en Madrid?

Na capital española coincidiron os nosos dous protagonistas, onde compartiron a varios coñecidos. Sendo catedrático na Universidade de Santiago de Compostela, Nóvoa realizou os exercicios correspondentes á oposición da cátedra de Patoloxía Xeral da Universidade de Madrid a fins de 1927. Aprobounos con brillantez e tomou posesión o 17 de febreiro de 1928 da praza na que permaneceu ata a súa morte en decembro de 1933. En datas próximas, outono de 1927, chegou á capital madrileña o ourensán Carlos Velo Cobelas para realizar estudos universitarios. O seu pai, médico en Cartelle, quería que estudara en Madrid pois entendía que en Santiago "había moitas tascas", tamén desexaba que cursara Medicina mais o mozo matriculouse en Bioloxía.

Velo rematou a carreira en 1932 e, grazas a unha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios (JAE), pasou a traballar no Museo de Ciencias, onde impartiu un curso de Apicultura (estudo das abellas) e traballou co profesor Cándido Bolívar Pieltain, que tiña antecedentes galegos. Interesado pola Entomoloxía, o estudo dos insectos, Velo chegou a ser profesor auxiliar desa materia na universidade madrileña e investigou sobre eses animais. Xunto esa carreira científica, o ourensán prestou unha especial atención ao cine nos seus tempos de estudante en Madrid, sendo cofundador do cine-clube da progresista Federación Universitaria de Estudiantes (FUE).

Exilio e a revista Saudade

O día do golpe militar do 18 xullo de 1936 Velo estaba en Segovia preparando oposicións para cátedras de Ciencias Naturais de ensino secundario. Marchou cara a casa natal, onde o pai non o quixo agachar: "Fuxe, porque me comprometes". E así fixo, abraiado pola resposta, fuxiu para México, xenerosa terra de asilo para tantos galegos e españois republicanos. En 1940 encargouse da docencia de Zooloxía na Escola de Ciencias Biolóxicas do Instituto Politécnico Nacional, posto que deixou en 1944, cando a morte da muller levouno a abandonar a carreira científica e dedicarse á actividade cinematográfica. Participou na fundación de Saudade, unha revista que, predecesora de Vieiros, se publicou en México entre 1942 e 1953, editada polo Grupo Saudade e Irmandade Galeguista do Distrito Federal.

Eloxiado no exilio, perseguido e esquecido polos franquistas

Os textos de Nóvoa son, alén do interese do seu contido, unha testemuña do dramático exilio e do valioso labor dalgúns dos nosos paisanos. E tamén salientan porque poñen en evidencia o contraste entre ese recoñecemento ao excepcional médico no exterior e o maltrato e esquecemento no país. A raíz do golpe do 18 de xullo 1936 a casa de Nóvoa na rúa do Hórreo de Santiago foi obxecto de rexistro e o 31 de xaneiro 1941 o Tribunal Regional de Madrid de Responsabilidades Políticas acusouno de "izquierdista" polo que o catedrático resultou depurado "pos-mortem". O tribunal procedeu a incautar a casa e considerou que o catedrático estaba en "paradero desconocido", cuestión na que non acertaba, pois levaba máis de sete anos soterrado no cemiterio de Santo Domingos de Santiago de Compostela. Houbo que agardar ata marzo de 1942 para que o caso fose sobresido. Por outra banda, no mesmo período franquista, a figura de Nóvoa foi esquecida no seo da Facultade de Medicina compostelá durante décadas e acadou un recoñecemento inicial nos anos 50 na Coruña. Ao ser humano que sufría polos límites do amor, a súa morte prematura librouno de padecer en persoa a ruindade duns tempos tóxicos.