O Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses e a Real Academia Galega conmemoran hoxe o centenario da morte de Eduardo Pondal cunha conferencia na Biblioteca de Estudos Locais ás 20.00 horas a cargo do catedrático da Universidade da Coruña, lingüista e escritor Manuel Ferreiro, quen salienta a pegada "épica" dunha obra coa que quiso dignificar a cultura e a identidade de Galicia.

- Lembramos hoxe os galegos aínda a Pondal, ou a súa obra e a súa figura están esquecidas?

-Bergantiños e terras próximas teñen unha memoria moi viva de Pondal, de moita identificación; o simposio pondaliano xunta desde os anos noventa a moitísima xente. Penso que no corazón de todos os galegos e galegas tamén está moi vivo como autor do himno, que é a expresión cantada da nación. Pero como calquer produto cultural e poético, non cotiza en Bolsa. Sería desexable que Pondal, como outros pais da patria, estivese máis presente na mente e no corazón dos galegos. Rosalía no século XIX e Castelao no XX escurecen a súa figura.

- Que se pode reivindicar de Pondal que xa se saiba del ou que non se coñeza tanto?

-Para mín o fundamental de Pondal é a súa posición radical e comprometida perante o feito literario e perante a situación do país. Dedicou todos os seus esforzos a unha obra posta ao servizo da patria galega para que servise de chamada a que os galegos tomasen conciencia do seu estado de opresión e se sumasen a un movemento de liberación e dignificación do país, que moita falta aínda nos fai. Pero Pondal é tamén un autor complexo, poliédrico, con moitos estilos e influencias na súa poesía, coa exaltación da chamada ao combate.

- A Galicia que quería o autor entón sería a mesma que querería hoxe se vivise?

-Tiña unha actitude política explícita, militaba nas filas do que poderiamos chamar nacionalismo. Era íntimo amigo de Rosalía e de Murguía e foi dunha xeración que medrou á sombra dos mártires de Carral, unha xeración moi conectada entre si dunha Galicia que saía dos séculos escuros e quería dignificar a lingua a cultura, o folclore... Era federalista e tiña a idea poético-política de que Galicia podería liderar unha federación ibérica de España e Portugal. Mais era intelixente e sabía que probablemente ese era un soño do que estaba lonxe, e mais lonxe hoxe en día. Penso que Pondal hoxe apoiaría calquer movemento que tivese a Galicia na cabeza e no corazón.

- A súa obra deixou pegada?

-Si. Exerceu como poeta nacional e referencia da cultura e da nación galegas desde a morte de Rosalía en defensa do noso. Máis influencia podería ter se o sistema escolar e as institucións deste país se puxese ao servizo dunha conciencia nova das novas xeracións de galegos e galegas que lle dan máis valor ao propio e ao coñecemento dos que sacrificaron a súa vida para que nós puidésemos dicir que vivimos nun país que se chama Galicia.

- Que innovacións temáticas e técnicas deixou a súa obra?

-Tal e como o vexo eu, na poesía galega do rexurdimento Rosalía era a voz da profundidade filosófica da persoa, Curros representa a voz civil e Pondal era o bardo que chama á épica e ao pobo a espertar. Por outro lado, tiña un xeito de expresión moi particular, unha altísima calidade lingüística e estilística, un criterio de selección estética espectacular. A súa formación lingüística era moi fonda e recurría a préstamos doutras linguas, polo que fixo unha modernización e actualización léxica da nosa expresión literaria.

- Despois de Pondal hai algún outro "cantor da raza galega"?

-Máis que da raza, do pobo galego. Despois de Cabanillas e tras a Guerra Civil que supuxo unha gran ruptura, eu diría que Uxío Novoneira e Manuel María serían os dous poetas nacionais que identificaron o seu universo poético cun territorio, o Courel e a Terra Chá, que funcionaban como metonimia de Galicia enteira.

- Bótanse en falta en Galicia máis covas célticas onde debatir?

-Penso que sí. Se non queremos desaparecer como pobo da faz da Terra teremos que vencer as nosas diferenzas, dialogar entre todos e contruír e reconstruír a patria común. Se hoxe vivise Pondal tamén defendería esa mesma idea.