Pedro Lamas, Jacobo de Miguel e Xosé Lois Romero presentan esa tarde Azougue, o primeiro traballo discográfico dun proxecto no que conflúen as traxectorias persoais de cada un dos artistas para conformar unha nova identidade. O disco foi gravado ao vivo o pasado mes de setembro no Museo de Belas Artes e a ese mesmo lugar volverá hoxe, para o seu concerto de presentación. O recital comezará ás 20.30 horas e a entrada será libre até completar o aforo. O traballo conta con dez composicións e con colaboracións especiais, como a de Xurxo Souto, que se encarga de dar voz ás verbas de Eduardo Pondal, no seu poema A vizosa, pracibre Cecebre.

"É o meu proxecto máis persoal, no que mellor me sinto representado, porque me expreso con total liberdade creativa nel", describe Lamas, que leva colaborando con De Miguel dez anos, aínda que é a primeira que fan un disco conxunto. "Recollín unhas liñas mestras da música tradicional galega e con elas fun xerando unhas pezas que, na miña imaxinación musical, debuxan esas paisaxes sonoras", explicou o pianista asturiano. Lamas toca en Azougue o saxo soprano e a gaita, entre outros instrumentos e Romero, as percusións.