24 de diciembre de 2017
24.12.2017
Episodios da cultura científica

A triste lápida en Santo Amaro do fillo de José Francisco Vendrell de Pedralbes

Este médico e cirurxián foi o autor dun pioneiro e curioso discurso antropolóxico sobre os galegos: 'Disertación médica sobre el gallego, o el Hombre del país'

24.12.2017 | 03:42
A triste lápida en Santo Amaro do fillo de José Francisco Vendrell de Pedralbes

Entre as tombas máis antigas do cemiterio coruñés de Santo Amaro salienta unha que amosa unha singular inscrición. Gravada nun metal oxidado, probablemente zinc, podemos ler con certa dificultade:

"A José Leandro Vendrell de Pedralbes y Fernández, honestísimo joven de 21 años, hijo único, concluidos sus estudios y sus días, sus padres huérfanos le lloran, desde el 29 de febrero de 1824. Lector piadoso: pide nuestro consuelo y su reposo...".

A lápida é lembrada polos estudosos do cemiterio por esa antigüidade e a dramática mensaxe que contén. Mais poucos saben quen foi o desconsolado proxenitor, un relevante médico e cirurxián.

José Francisco Vendrell de Pedralbes i Estaper del Mas

O pai do desafortunado Leandro naceu en Barcelona en 1776, licenciouse e doutorouse en Medicina na Universidade de Cervera e obtivo o título de cirurxián en 1800 no salientable colexio da especialidade na cidade condal. Inmediatamente, intentou iniciar a carreira docente nese centro formativo pero non o acadou, obtendo, pola contra, praza como profesor no colexio localizado en Santiago de Compostela.

Salientou no ámbito sanitario, como un dos autores máis prolíficos na Galicia do século XIX. Entre as súas producións figuran numerosas memorias sobre temas médicos, bastantes delas non publicadas, prestando atención ás epidemias e a construción de hospitais e lazaretos. Asemade, desenvolveu distintas actividades e responsabilidades relacionadas coa Sanidade pública. Membro da Xunta local de Sanidade de Santiago, elaborou para ela un Reglamento de Policia médica e realizou diversas actividades.

Este médico, a quen hoxe nos achegamos pola lápida do seu fillo na vella necrópole herculina, escribiu en 1813 un Discurso sobre cementerios, propoñendo construír dous en Santiago. No século XVIII e principios do século XIX esas instalacións adoitaban estar localizadas nos terreos contiguos ás igrexas, o que xeraba críticas polo seu estado de abandono e preocupaba ás autoridades. A principios do século XIX os municipios iniciaron a construción de cemiterios xerais, buscando lugares afastados do centro das poboacións, ventilados e cos ventos dominantes con dirección en sentido contrario ao núcleo de poboación. Esta cuestión era relevante porque naquel tempo existía o convencemento de que a putrefación dos cadáveres daba lugar a un perigoso fluído, miasma, que propagaba enfermidades. Na Coruña o primeiro cemiterio xeral estivo na horta do convento de San Francisco, situada nas proximidades do que hoxe é o edifico da Fundación Luis Seoane, mais se demostrou insuficiente e foi susbtituído polo de Santo Amaro, inaugurado en 1812.

O Colexio de Cirurxía de Santiago

Pedralbes chegou a Santiago en 1800, no segundo curso de actividade do colexio compostelán. Unha institución que desenvolveu un moderno labor docente, confluínte co emprendido por entidades como o Colexio de Farmacia e Militar e a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, a Academia de Gardas Mariñas de Ferrol e o Consulado da Coruña. Institucións que formaron, na práctica, unha rede paralela á da docencia da Universidade de Santiago; unha alternativa que apostou pola recepción dos novos saberes científicos (Química, Historia Natural) ou actualización doutros (Cirurxía, Navegación). Coñecementos prácticos, relacionados coas necesidades sociais, que non atopaban acollida no mundo universitario dese tempo, e ensinados dun xeito moderno. Pedralbes ocupouse da cátedra de Fisioloxía e Hixiene e da biblioteca do colexio. Tamén se encargou, nalgún curso, da docencia de Medicina Legal e Forense e da Medicina Teórico-Práctica, da que obtivo a cátedra en propiedade en 1809. Leu varios discursos na institución, un deles, Influxo de las costumbres en el estudio y práctica de la Medicina (1819), dedicado ao seu fillo José Leandro, daquela estudante de Medicina na Universidade.

Pedralbes na Coruña

A morte do monarca absolutista Fernando VII favoreceu un cambio político de signo liberal. Nese contexto, as novas autoridades pretenderon recoñecer o papel xogado por A Coruña na defensa das liberdades e, entre outras medidas, decidiron trasladar en 1833 a Academía de Medicina y Cirugía de Galicia y Asturias desde Santiago de Compostela á cidade herculina.

O doutor Pedralbes, identificado co liberalismo, e que fora concelleiro en Santiago e deputado a Cortes no trienio (1820-23), ocuparía a vicepresidencia da institución, o que equivalía á presidencia efectiva, pois o cargo de presidente recaía, de xeito formal, no Capitán Xeral do Exército en Galicia. No seu labor na Academia salienta o discurso que leu no acto solemne que serviu para celebrar a instalación da corporación na súa nova sede. Na Coruña foi responsable da Sanidade marítima, ocupou diversos cargos e morreu en 1850.

'El hombre del país'

En 1805 leu un curioso discurso aos alumnos do Colexio de Cirurxía compostelán: Disertación médica sobre el Gallego, o el Hombre del país, un texto pioneiro na antropoloxía galega. Explicou que desexaba coñecer os elementos que determinaban "la constitución real del hombre de este país, o en otros términos, cuál sea el temperamento común y radical de la nación Gallega".

O seu punto de partida semellaba coherente e moderno, pois consideraba que así como o naturalista expuña os diversos hábitos e costumes dos animais "el Filósofo médico debe empeñarse con el mayor ahínco en observar y dar a conocer las de los hombres". Con esa formulación, e posteriores comentarios, o médico barcelonés amósase moi próximo ás posicións do movemento denominado l'Idéologie, inspirado por autores da relevancia de Étienne Bonnot de Condillac (1714-1780) e Marie-Jean-Antoine Nicolas de Caritat, marqués de Condorcet (1743-1794). Para os ideólogues a Filosofía e a Ciencia formaban unha unidade.

Pedralbes relatou as características físicas dos galegos do seu tempo, persoas, segundo el, pequenas, robustas e con faccións "vulgares". Seguindo as doutrinas de autores como Franz Joseph Gall (1758-1828) e Johann Caspar Lavater (1741-1801), utilizou esa morfoloxía externa como base para deducir "inclinaciones" y "disposiciones" morais e intelectuais dos nosos paisanos; así, por exemplo, aludiu á abundancia de "labios prominentes" como un sinal inequívoco de "apetitos sensuales".

En teoría pretendía realizar unha análise obxectiva, mais esa intención choca coa ausencia de datos concretos no texto e, sobre todo, coa continua presenza de prexuízos e especulacións á hora de valorar as características e comportamentos dos galegos de principios do século XIX. Dos que realizou unha descrición moi crítica e despectiva que xa era de agardar ao ler os versos de Meléndez Valdés con que abriu a súa intervención: Las virtudes son severas / y la verdad es amarga; /quién te la dice, te aprecia, / y quien te adula, te agravia.

Para Pedralbes o galego, con "alma débil y perezosa" e escasamente limpo, era un ser "hecho" para labores brutas, incapaz de gozar dos alimentos delicados e con "(...) manos hechas a labores rústicos y pesados", que "no sirven para obras de primor y delicadeza; el impulso es firme para regir el arado y le tiembla al tomar la pluma". Explicou que nos nosos paisanos a "fuerza de nutrición sofoca a la que pudiera tener la de inteligencia; su estómago manda sobre la cabeza". Os razonamentos lembran valoracións semellantes que, expresadas desde unha suposta ciencia obxectiva, avalaron ao longo da historia a inferioridade de diversos colectivos humanos sometidos a unha situación discriminatoria, identificando como unha condición natural o que realmente era unha consecuencia dunha marxinación.

Tamén reparou o médico no idioma propio do país, recoñecendo que "el lenguaje gallego, en la boca de sus naturales adoptó repetir cierto número de modismos generales que forman un verdadero estilo nacional". Mesmo aceptaba que "esa lengua, bien hablada, es dulce (...) (y) sería bien cantable", pero deseguida matizou: "a no faltar en este suelo el genio de la música y poesía". O comentario do "antropólogo" podería facernos rir se non fose ofensivo e torpe.

¿Compasión?

Debemos compadecer ao doutor Pedralbes por un dobre infortunio, a prematura morte do fillo e soportar convivir durante cincuenta anos con persoas, os galegos, que tiña en tan baixa estima. Iso si, os seus intentos de acceder a postos en Madrid e Barcelona saldáronse con fracasos e, pola contra, foi na sociedade galega onde atopou posibilidades de realización profesional e acadou recoñecemento. Por certo, en coherencia coa súa ingratitude, o médico deixou disposto no testamento que a biblioteca persoal, que incluía manuscritos seus, pero tamén documentación do Colexio de Cirurxía compostelán, fose a parar á Academia de Medicina de Barcelona. Alí permanecen hoxe.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine