O alcalde, Xulio Ferreiro, confía en que o día 29, todo saia segundo o pactado e que os orzamentos para o 2018 se aproben cos votos favorables da Marea Atlántica e do PSOE. A partir de aí, comeza un ano no que non hai lugar para as excusas por baixa execución, xa que, a diferenza dos anteriores, haberá máis de once meses para cumprir o contido do documento.

- Por primeira vez no mandato ten enriba da mesa uns orzamentos listos para seren aprobados e para entraren en vigor a primeiros do vindeiro ano.

-A verdade é que é unha satisfacción levalos ao pleno antes de que remate o ano. Sempre se fala do nivel de execución orzamentaria e nós temos feito proezas para poder executalos na metade do tempo ordinario e agora, cun prazo de execución anual, coido que poderemos levar adiante todos os proxectos que veñen recollidos no orzamento.

- Tendo en conta o precedente daquel cambio de orzamento que foi cinco veces a pleno, confía en que sexan aprobados á primeira?

-Temos un acordo pechado co PSOE.

- Naquela ocasión tamén.

-Eu creo que as condicións son outras, xa se fixo público ese compromiso, afinamos todo o que houbo que afinar estes días e eu levaría unha sorpresa moi grande se pasara algo así. Non teño ningunha razón para desconfiar do PSOE.

- A cuestión de confianza foi clave para chegar a este punto?

-Eu creo que foi unha das claves, seguramente non a única. Deixou claro foi que non existía unha alternativa ao Goberno da Marea, a partir de aí, todos actuamos en consecuencia. Se non hai unha alternativa, creo que non ten sentido seguir facendo unha oposición absolutamente radical. Creo que o partido socialista tamén o entendeu. Eu o que fixen foi poñer especial coidado en reconstruír as pontes co PSOE para poder chegar a acordos polo ben da cidade e indo a puntos concretos. Intentei tamén coidar a relación co voceiro do PSOE e creo que iso deu os seus froitos, así que, estou contento co clima de traballo. Sempre hai problemas, pero cómpre ter coidado para que non se reproduzan temas do pasado.

- Por utilizar un tema koruño, pódese dicir que achantaron tanto PSOE como Marea?

-Podemos dicir que nos veu o sentido. Achantar implica unha vitoria dun sobre outro e non me gusta utilizar eses termos. Cadaquén sacará as súas conclusións, pero creo que todos nos decatamos de que por ese camiño non iamos a ningures. Quen pretende ser opción de goberno algún día tamén ten que dar imaxe de saber actuar polo ben da cidade.

- Ao ser un orzamento pactado farían renuncias, que proxectos quedaron fóra por non teren o visto bo do PSOE?

-Pois moitas cousas novas, as políticas de promoción da mocidade teñen unha alza importante, pero teríanos gustado ir máis alá. O orzamento é limitado e hai que lle facer un oco ás propostas do grupo que ten vontade de aprobar o documento. Houbo que facer renuncias, pero ningunha esencial.

- A que si que entrou e con moito peso foi a obra da cuberta de Riazor...

-Si, era unha obra importante pensada para facer en dous anos, pero a gañadora do concurso ofreceuse a facela con garantías no período estival do 2018. Iso ten a vantaxe de que vai sufrir menos a actividade en Riazor, pero hai que lle buscar oco a tres millóns de euros cos que non contabamos. Este foi un dos motivos polos que non puidemos traer os orzamentos antes. É unha aposta do Concello polos equipamentos públicos. O estadio vai recibir un investimento grande que vén motivado por unha cuestión de seguridade. Non é un capricho do Goberno municipal. A isto súmanselle pequenas e medianas obras repartidas por toda a cidade, que xa se están vendo. A día de hoxe, se quixera visitar todas as obras que se están a realizar, seguramente, non podería facer outra cousa en toda a semana, pero o ano que vén notarase moito máis.

- Por fin O Castrillón conta con partidas orzamentarias para a súa posta en marcha.

-É un equipamento que o barrio leva máis de vinte anos demandando. No anterior mandato construíuse o envoltorio, e nós imos facer reais o pavillón e a piscina. É un proxecto que levamos traballando todo o ano coa asociación de veciños e, se todo vai ben, algunhas partes do equipamento poderán estar abertas durante este ano.

- Contan con rematar moitos proxectos en 2018, pero adoita ser o ano das eleccións o das grandes inauguracións...

-Eu creo que iso é un erro, e a proba está no mandato anterior ao noso. Un goberno que non investiu nos barrios durante todo o mandato, que non fixo nada visible e que intentou gañar, como fan os malos estudantes, a última hora, cunha obra que non rematou, non inaugurou nin pagou e nin sequera fixo legalmente. A nós gustaríanos ter feito máis cousas nestes dous anos, aínda que xa todo o mundo coñece os problemas que tivemos coa aprobación do orzamento e non se puido facer máis, aínda así, creo que se está a notar xa este ano na cidade e vaise notar máis no 2018. Seguramente, nas eleccións de 2019 haberá proxectos que non estarán rematados. Non me preocupa a miña reelección en si mesma, preocúpame que as cousas se fagan e que se fagan ben e de xeito honesto. A percepción que a xente teña diso non vai depender de que estea unha porta aberta ou unha cinta cortada en maio de 2019, vai depender dun modo de facer e dun traballo serio.

- Responden estes orzamentos ao que lle di a oposición pleno tras pleno, de que a cidade está paralizada?

-A oposición xa está contestada. Fixemos más de 200 obras na metade do mandato. Acusábannos de non dar licenzas, desde que, cada quince días, se dan os datos das que concede a Xunta de Goberno Local e se pode comprobar que sempre son un 20 ou 30% máis das que daba o Partido Popular no mesmo período, esa ladaíña parou. Cos medios, o tempo e as oportunidades que tivemos, creo que o traballo foi correcto e non pasou ninguén por este Concello que poida dar moitas leccións sobre este tema.

- Hai tamén unha aposta pola mobilidade nos orzamentos, aínda que non se pode deducir que se cambiarán as liñas de bus, que era unha promesa feita para este ano e tamén para o anterior, executarase esa reordenación?

-Para cambiar as liñas de bus non se necesita unha partida orzamentaria, pero si que hai estudos e informes que apoian ese cambio nos orzamentos. Durante estes dous anos estivemos dando pasos para a reordenación do transporte público. Primeiro, intentando axeitar a concesión á legalidade e intentando acompasar iso cunha redefinición das liñas urbanas e coa entrada do bus metropolitano. Coido que se poderían retocar certas liñas a día de hoxe, pero non estamos no momento dos parcheos senón no de facer unha proposta seria e comprensiva e, durante este ano, farase unha consulta para que a remodelación das liñas non sexa unha cuestión imposta polo Goberno local.

- Entón, o cambio de liñas quedará para 2019?

-Eu creo que vai ser un proceso, non un cambio radical dun día para outro.

- Non temen que se monte moito lío se cambian as rutas no ano electoral?

-Intentaremos non ter líos en calquera momento. Iremos facendo cambios progresivos dándolle tempo á xente para que se afaga a esta nova situación e sempre cuns elementos que xa están enriba da mesa, como a maior rapidez e máis frecuencia nas liñas, seguramente con puntos de trasbordo ao longo da cidade. Este ano, imos falar moito de mobilidade.

- Fomento adxudicou xa as obras de Comandancia e, seguramente, estean rematadas para cando se celebren as eleccións, mais para a parte que lle corresponde ao Concello de obras, aínda non hai proxecto, non é unha prioridade?

-Nós imos equipar o espazo que reforme o Ministerio de Fomento. Confío e espero que esas Naves do Metrosidero sexan un espazo de referencia para a mocidade da Coruña e que sexan un eixo dinamizador do barrio e da mocidade.

- Esta semana, as persoas do Centro Social A Insumisa dicíanlles que non se van ir e que non están de acordo con esas obras nun espazo que eles dinamizaron, que vai pasar?

-Hai un pequeno grupo que non quere dialogar e que se quere apropiar dese equipamento. O noso deber como Concello é asegurar a titularidade pública e procurar que estea aberto do xeito máis inclusivo posible a toda a cidade.

- Farán un concurso como na antiga prisión provincial?

-Non creo que a xestión vaia estar en mans dunha entidade en concreto, pero aínda non estamos falando diso.

- O PP denunciou xa no Xulgado ao Concello pola adxudicación do contrato da vella prisión a Proxecto Cárcere.

-Alégrome moito de que o fixeran porque así, o día que os xulgados digan que non tiñan ningunha razón, nós teremos un documento legal para dicirlles o mesmo. Eu non teño ningunha dúbida da legalidade do proceso. Paréceme tremendo o que fixo o PP con isto, cando sabe que non ten razón e que poderiamos terllo dado a dedo a quen quixeramos e non o fixemos porque optamos por un proxecto transparente e limpo. O único problema que ten o PP con isto é que non se lle deu o cárcere a algún construtor amigo deles para que se forrase.

- Durante estes dous anos utilizaron en varias ocasións a ferramenta do modificativo de crédito, haberá menos este ano ao teren máis meses para executar o orzamento e unha folla de ruta xa aprobada ao inicio do ano?

-Moitos foron puntuais, pero todos teñen que pasar polo pleno. Todos os modificativos que fixemos estaban xustificados, non houbo ningún por capricho nin por imprevisión. A pesar de que orzamento se fai para o 1 de xaneiro, no noso caso, entraba en vigor en xuño, así que, a realidade obrigou a facer eses cambios. Creo que non houbo un abuso deste instrumento e, en ningún caso, se fixo para maquillar as cifras. Esa é unha opción que nós non temos porque non podemos aprobar os cambios en solitario.

- O IMCE recibe un millón de euros máis este ano, entra xa nos plans do Concello facer a programación do teatro Colón no 2018?

-Hai un acordo coa Deputación e, cando nos pase a titularidade, faranos tamén unha achega económica para o teatro Colón. Pode ser que algunha das actividades que vaia facer no teatro se financie con este orzamento do IMCE, pero nós quixemos facer unha previsión realista para todo o ano, para non ter que cambialo, porque nos resulta complicado.

- Pero o teatro Colón pasará a este ano a ser xestionado polo Concello ou cómpre esperar?

-Si, si que pasa este ano.

- Un ano máis manteñen os convenios nominativos, aínda que no programa electoral falaban de apostar pola concurrencia competitiva, por que?

-A min, en xeral, a proliferación de convenios nominativos, plantéame problemas, porque abre a posibilidade de utilizar arbitrariamente ese instrumento. Ao mesmo tempo, entendo que moitas entidades realizan un labor magnífico, como ACLAD, que leva moitos anos loitando contra a drogadición na nosa cidade e que, nestes momentos, sen o convenio que ten co Concello, non podería sobrevivir, porque está absolutamente abandonada pola Xunta e polo Estado. Nós alcanzamos un acordo co PSOE para suplementar os convenios e, este ano, acordamos manter as cantidades, en xeral, dos convenios do ano pasado. Mantivemos ese acordo e non hai máis que explicar.

- Hai unha reordenación dos fondos nas partidas sociais, sobre todo, na renda municipal, por que se fai así esta parte dos orzamentos?

-Na primeira planificación, o que fixemos foi tomar medidas de emerxencia. Había unha situación incluso peor que a actual. Agora o que intentamos é convertir o gasto social en gasto de benestar, para que inclúa a máis familias, sen esquecer ás persoas que non teñen fogar ou que son dependentes.

- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, dixo o outro día que apoiaría a creación da área metropolitana se había consenso, chegarán a el este ano?

-O que eu lle pido ao presidente da Xunta é que traballe para que ese consenso exista, porque a ninguén se lle escapa que o que diga Feijóo no seu partido ten bastante influencia, por dicilo así.

- O PP e o BNG queixáronse de que o orzamento non lle fora entregado con suficiente tempo, por que?

-Son casos diferentes, cada vez que eu intentei negociar algo co PP, saíu correndo ou traizoou os acordos aos que chegaramos. Intento que se lles trate coa deferencia que merece calquera representante público, pero xa hai tempo que desbotei a idea de chegar a pactos con eles porque sentín que me tomaban o pelo. No caso do BNG, pedíuselle que fixera propostas para que puidesen ser incluídas e non quixo facelas até que houbese un documento.