- O futuro da fachada marítima tamén se abre un oco nos orzamentos, aínda cando o Concello descoñece que vai pasar con eles, hai novidades do pacto Xunta-Puertos del Estado?

-Temos en marcha o Foro do Porto onde queremos deseñar de forma conxunta coa cidade o futuro dos portos. O que me gustaría sería que a Xunta e Puertos del Estado non profundizasen nesa idea de excluír á cidade da decisión sobre o seu futuro. Eu non sei se están cambiando as tornas porque xa escoito outra vez falar do consorcio, como xa propuxeramos nós. Sorpréndeme que varios meses despois do anuncio do acordo, aínda non teñamos nin un só documento dese convenio que ía garantir a titularidade pública dos terreos portuarios. A verdade é que xa desconfío de que, realmente, houbese algo aquel día.

- Tampouco teñen resposta sobre o protocolo que enviaron desde o Concello?

-Non, e iso que había o compromiso de que nos contestarían nun mes.

- O concelleiro de Rexeneración Urbana adiaba esta semana a posibilidade de facer unha consulta vinculante entre a cidadanía sobre o futuro da fachada marítima, renuncian a ela?

-Nós comprometémonos a facela pero está enmarcada nun proceso moito máis amplo de discusión. Estamos traballando no foro, que se desenvolverá no 2018 e, nese proceso, cómpre encaixar a consulta.

- A reforma do mercado de Santa Lucía si que entra nos orzamentos do 2018 pero, que pasará co centro de saúde? Xa teñen algunha alternativa?

-Gallego comprometeuse a facer un informe en dúas semanas sobre outras posibilidades, sen conservar o edificio dentro da mesma parcela. Nós temos buscadas alternativas dentro do propio barrio e imos ver toda esta información co conselleiro de Sanidade. Creo que imos ter boas novas.

- Que alternativas hai?

-Non as podo contar agora.