Diálogo. É unha palabra que emprega Claudia Delso en cada resposta. Un diálogo que polo de agora non flúe entre o Concello e os membros do Centro Social Okupado A Insumisa que desde novembro do ano pasado organizan actividades nas instalacións de Comandancia de Obras, na avenida do Metrosidero. Fomento vén de adxudicar as obras da rehabilitación do edificio por un millón de euros -o Boletín Oficial do Estado publicouno onte- e o Goberno local proxecta crear despois no seu interior un centro plural e diverso no que manter a celebración desas e doutras actividades, mais os okupas advirten de que non se van a mover do lugar. A edil de Participación prefire apelar ao debate produtivo coa Insumisa malia os intentos sen resposta e fuxe de calquera alusión a posibles conflitos.

- O Goberno local pensa nunha reubicación temporal, durante as obras, das actividades que se fan en Comandancia. É unha porta aberta ao consenso que agora non hai?

-É unha vontade de estudar esa posibilidade, dentro da vontade de diálogo na que estamos a traballar. Sería unha reubicación temporal das persoas que utilizan Comandancia de Obras e dos usos que está tendo actualmente.

- En que espazos?

-Algúns espazos municipais non están en condicións de ser usado. Polo de agora non hai lugares enriba da mesa.

- Cos veciños na xuntanza da semana pasada o Concello apelou ao diálogo. Mais os okupas non deron mostras de querelo e nas redes din que non se moven.

-Teño que dicir que está a ser moi difícil. Na xuntanza escenificouse o diálogo público entre as partes logo de moitos intentos de establecer cauces de diálogo coa xente que está en Comandancia. Nos consta que alí hai usuarios que si teñen vontade de diálogo. Eu non perdo a esperanza de que o diálogo sexa posible. Desta situación hai que facer unha lectura a medio e longo prazo, co que pode supór para a cidade contar cun espazo con características das que hoxe carece e que é unha proposta de construcción na que participan asociacións xuvenís, persoas que alí están e colectivos de todo tipo.

- Non hai diálogo porque os okupas, non eses outros usuarios, non cren no plan municipal?

-Queremos que eles teñan debate interno e diálogo externo con nós con toda a información disponible, e non exclusivamente desde unha posición ideolóxica. Cremos firmemente en que é posible plantexar un equipamento de xestión pública que opere cunha xestión comunitaria. O Ateneo en Barcelona parte dunha okupación dos anos 70 que 40 anos despois é un equipamento que forma parte da rede de centros cívicos que mantén xestión comunitaria. Apostamos por modelos así en Comandancia, xa que se nos brinda a oportunidade. E para iso é necesario que as dúas partes se senten á mesa e falen.

- Abondará con insistir?

-Temos que ser insistentes. As condicións, a diferenza doutros espazos okupados na cidade noutros momentos, fan posible chegar a unha solución dialogada. Hai toda a vontade do mundo pola nosa parte. Agardamos os xestos de vontade da outra parte. O outro día foron á xuntanza informativa, o cal foi un bo sinal que quixeran preguntar e dialogar, aínda que os comunicados que están a sacar nos últimos días van en dirección contraria. Non sabemos se teñen unha posición común, se teñen debates e nin sequera se manexan información.

- O alcalde dixo que as obras en Comandancia se farán. Como, se os okupas non se van?

-Imos a esgotar todas as vías de diálogo nas nosas máns. Unha postura unilateral e intransixente non ten lugar no futuro de Comandancia. Se a intransixencia non se move, temos posibilidades de perder unha boa inversión pública e de poñer en risco as actividades que agora se desenvolven alí como centro social, que podería desaparecer.

- Tal e como é agora a postura dos okupas, debúxase no horizonte un escenario no que as máquinas chegan para empezar as obras e os inquilinos seguen dentro. Que fará o Concello?

-A pregunta nola facemos nos tamén. Non queremos chegar ao punto do desaloxo, non utilizamos ese termo. Chama a atención que o día antes da xuntanza informativa aberta se falase dun desaloxo inminente cando nós estamos a abrir un espazo de traballo con solución dialogada. Cada día hai que acercar posicións, non alonxalas. O diálogo é posible e nós estamos abertos.

- Falaron cos okupas dunha futura saída das naves logo de que o Concello tivera que derrubar un dos inmobles da zona declarados en ruína antes da okupación e porque Defensa non cumpriu a orde de demolición?

-Non. Nese momento non estaba reactivada a licitación de Fomento. Agora hai prazos e non especulación, senón unha posibilidade real de inversión.