- Segundo confirmou a Subdelegación do Goberno a este xornal, hai cinco persoas sancionadas por asistiren a unha concentración o pasado 28 de setembro en favor da consulta en Cataluña

-Eu sei que a multa nos chegou a un compañeiro e a min, das outras tres persoas non sei nada. Ese día soubemos que había unha concentración de Foro de La Coruña Por la integridad de España. E antes de que comezase, eu estaba cun compañeiro fumando un cigarro nun banco do Obelisco e viñeron dous policías e identificáronnos. Estou seguro de que, se estivese alí facendo o mesmo, pero cunha bandeira de España, non estaría nesta situación.

- E que vai facer?

-Pois non sei. Estou preocupado porque teño que pagar a matrícula da carreira, tamén porque teño un traballo precario e porque 450 euros a min supóñenme moito esforzo, tanto económico como físico, porque teño que traballar moito para conseguilos. Eu, de feito, cando mo dixeron, pensaba que era unha broma porque non fixera nada para que me multasen. E, se acepto pagar a sanción en quince días, eses 900 euros quedan en 450, pero é como aceptar que o que di a denuncia é verdade, e eu sei que non é, pero esqueceríame do tema. Se pago os 450 euros xa non podo recurrir, e sería como aceptar a montaxe e darlles a razón, pero arriscarme a recurrila e perder é un gasto moito maior, porque tería que pagar un avogado, a multa, os gastos do xuízo e facerme cargo de todo o tempo que isto me leve e non poida dedicar a traballar e a estudar. O peor é que o meu caso é unha minucia comparado con outros, como o de Alfon, que estivo na cadea dous anos, ou os rapaces de Altsasu, que están presos por unha pelexa de bar, ou o desa xente que pon un tuit que non vai acorde coa ideoloxía dominante e que estiá a piques de entrar en prisión e que queda con antecedentes penais.

- E o seu compañeiro, que vai facer?

-Ao meu compañeiro pásalle máis ou menos o mesmo, somos dúas familias precarias ás que 450 euros lles supoñen poder comer un mes. E eu tampouco é que sexa independentista catalán, que a min non me toca ese tema, simplemente estou a favor de que decidan e, se o referendo non é constituínte, que non o sexa, pero que non se lle dean paus á xente por votar. O que teño agora mesmo é impotencia.

- Por que?

-Pois porque é unha mentira. Se o fas, pois asumes as consecuencias, xa sabes ao que te expós, pero por estar presente nunha manifestación e porque a Policía Nacional teña o meu DNI, non pode dicir que levantei o dedo ou que calumniei á xente. En tal caso, que me denuncie quen se sinta ofendido. Eu coido que, como a participación nunha manifestación sen permiso non é unha falta grave, denunciáronme por calumnias que ten unha pena administrativa máis alta.

- E non forma parte de ningún colectivo que lle poida axudar con esta multa ou coa súa defensa?

-Non, é unha causa persoal, tería que presentar unha reclamación como persoa xurídica e non como organización. Ademais falamos con algúns avogados e dixéronnos que non temos moito que facer porque os policías teñen presunción de veracidade e nós non, hai outros que levaron algún caso deste tipo pero que, agora mesmo, non poden coller os nosos. Estou entre a espada e a parede. A matrícula son 700 euros e, se eu gaño 400 ao mes, a metade xa vai para o alugueiro e os gastos, outros cen irían para pagar a multa e, así, quedaríanme cen para subsistir e non podería pagar a matrícula, porque, pola miña situación, tampouco podo ter unha bolsa de estudos.

- Por que?

-Porque teño que traballar, pero esíxenme os mesmos resultados que a unha persoa que só ten que estudar e, se suspendo, xa non me dan a axuda e non é porque non estude, é pola incapacidade de conciliar a vida laboral e a de estudante. Iso tamén me fastidia porque do meu tempo, só lle podo dedicar oito horas a estudar, porque nas outras ou estou traballando ou teño que descansar. Se eu tivese unha bolsa igual a multa tampouco me suporía tanto esforzo.

- Unha das cousas que chama a atención na denuncia é que as dúas teñen o mesmo texto.

-Si, é un copia e pega, só cambia o nome. Non é posible que dúas persoas berraran o mesmo e levantasen o dedo máis de dez veces, como se tiveran unha coreografía ensaiada da casa. Eu creo que me caíu a min a denuncia porque me tiñan identificado de antes, pero que se lle pasa a outro, póñenlla igual, fixera ou non fixera algo. Quen saltaba o cordón policial eran os do foro e os que se encararon eran eles con nós, pero... que clase de toque de atención lles deron a eles? Así que, coma sempre, os que rompen os pratos son outros pero os que os pagamos somos nós.

- Dálle a sensación de ser cabeza de turco?

-Totalmente, porque se vas a unha manifestación e queimas un contenedor porque cres que é lexítimo, a policía vaite multar, pero neste caso, eu fun a unha manifestación, non fixen nada, fumo un pitillo, identifícanme e tres meses máis tarde, teño unha multa de 900 euros no buzón.