O profesor de Historia na Universidade de Santiago de Compostela Emilio Grandío Seoane coordina o proxecto da Caixa da Memoria Caixa da Memoriaco que o Concello pretende profundizar no pasado da cidade. Non é só unha análise da súa historia recente, senón un amplo traballo sobre como se poden relacionar algúns dos elementos singulares da cidade para crear, baseadas no pasado, novas conexións.

- O proxecto Caixa da Memoria céntrase nos tres actos que teñen programados para este mes ou irá aínda máis alá?

-O Concello encargounos un informe que se chama Caixa da Memoria para abrir novas liñas e estruturas de relación entre o pasado da cidade a través dalgúns centros, como poden ser os museos, as casas museo, a paisaxe urbana... Primeiro había que reflexionar sobre o que hai e, despois, desenvolver cuestións que poidan dar valor ás potencialidades que ten a cidade nestas datas respecto ao pasado. A pregunta do Concello era, como podería sacarlle partido a todo isto que ten a cidade? Así que, programáronse estas xornadas abertas, pero tamén se lle pasaron uns cuestionarios a determinados sectores sociais, da cultura e que traballan sobre o pasado na cidade e que nos achegan moita información de diagnose. Hai tres cuestións básicas: A cidade ten unha infraestrutura enorme con relación ao seu pasado, coido que non hai ningunha cidade en España con tantas casas museo, e agora hai que lles buscar interrelación, ten museos, proxectos... Ten tamén unha potencialidade enorme, que é a Torre de Hércules, as entidades e os monumentos que falan da memoria, e tamén ten temáticas que poden servir de integración. Hai determinadas cuestións que cómpre ter en conta, como a democracia, o xénero, a cidade aberta que é A Coruña, todo iso se pode estudar e pode abrir novas liñas temáticas. De aquí sairá un informe que, posiblemente, sacaremos en marzo.

- Adóitase a pensar na memoria como no pasado recente, pero se van analizar a Torre de Hércules, entendo que van falar da cidade desde os seus inicios, non si?

-A relación da cidade co seu pasado ten unha serie de institucións, espacios físicos e edificios que, moitas veces, se ollan dun xeito autónomo e individualizado, pero que, en conxunto, conforman un espacio urbano interesado polo seu pasado. Unha destas patas é a memoria, aínda que adoitemos a pensar nela como o pasado recente. Hai unha memoria que non é só o recordo da guerra civil ou dos represaliados, é a lembranza en si mesma. Hai testemuñas da nosa historia máis recente que deben ser cubertas.

- Por exemplo?

-Unha das mellores maneiras de integrar os barrios co centro podería ser reunir as súas memorias e xerar unha Coruña distinta desde o princpio do século XX. Así que, non é só a represión senón que a memoria é unha peza do pasado, a historia realizada de xeito académico e con métodos científicos é outra. Xuntar as dúas pezas é o propósito que temos neste proxecto, porque as dúas son pasado e as dúas conforman este espazo social e urbano que se chama A Coruña.

- E terán lugar na Caixa da Memoria esas persoas anónimas que non entraron nos libros de historia pero que, á súa maneira, forman parte do imaxinario da cidade?

-Non vemos este proxecto como un espazo físico, claro que as cousas que se fan nos barrios e esa voz que non está nos libros oficiais ten que estar. A historia fala máis do oficial e a memoria fala da percepción e cómpre xogar coas dúas porque as dúas miran cara ao pasado e o pasado da cidade constrúe identidades moi singulares que dan lugar a unha determinada sociedade. Aquí hai unha enorme canteira de historiadores, aínda que algúns tiveron que marchar a Compostela para estudar porque aquí non hai facultade. Todos eles contan con gran interese pola historia da súa cidade, viven aquí e estúdana. Hai unha institución, por exemplo, como o instituto José Cornide que podería funcionar como un dos núcleos irradiadores do ámbito cultural, xunto con outros máis. A Torre de Hércules, o museo arqueolóxico... Teñen un valor moi alto todos xuntos. Os encontros son un método para que a cidade participe no debate e na reflexión, porque é un proxecto en común e porque temos como obxectivo a cidade.

- E que lugar ocupa a antiga prisión provincial, por exemplo, con tanta historia detrás?

-Non pensamos especificamente nela porque tampouco sabemos moi ben como vai funcionar, pero si que contemplamos todo o entorno da Torre de Hércules, coa cadea incluída, porque moitas veces temos o faro como se fose o patio de atrás da cidade e cómpre aproveitar a súa capacidade de atracción. Temos moitas cuestións enriba da mesa, como o impacto do turismo na cidade, sobre todo, o dos cruceiros, para saber cales son os pros e os contras de que cheguen miles de persoas todas as semanas ao centro da cidade, ten un atractivo e só queda poñer en valor todas as cousas que ten a cidade e que agora están case escondidas. Non pretendeemos entrar en terreos de turismo, pero condiciona como se ten que actuar.

- Algo así como ter en conta o pasado para deseñar o futuro?

-Cando un historiador di que quere estudar o pasado non é que minta, pero todos os historiadores cando buscamos o que pasou antes é para entender o presente e de aí partimos. Proxectos dos 80 e 90 que desenvolveron moito a cidade no ámbito cultural están a sufrir unha ralentización e, ás veces, o que fai falla é buscar novos obxectivos, adaptar aos novos tempos todo o que temos, que temos moito, e apostar por eles a medio prazo e non a curto.