Ramón Veras é médico de familia no centro de saúde San Xosé e compaxina esta actividade coa de voceiro da plataforma SOS Sanidade Pública. Na cidade, a maioría dos centros de saúde tardan máis dun día en dar cita co doutor de cabeceira aos seus pacientes. A Xerencia de Xestión Integrada da Coruña alega que non pode cubrir as ausencias dos profesionais con otros médicos porque xa todos están traballando e non queda ninguén nas listas para facer substitucións. A plataforma, porén, explica que hai un método que, seguro, funcionaría para paliar estas listas de espera, e baséase na organización e na previsión de picos de demanda de atención primaria. Desde a plataforma sinalan que os médicos poderían prolongar a súa xornada laboral e asumir pacientes dos compañeiros ausentes, sempre e cando se lles avisase con tempo.

- Como é o día a día dun médico de familia nunha época coma a actual, na que hai picos de afluencia pola gripe e hai ausencias de doutores?

-Na época na que hai máis ausencias ou cando hai aumento de demanda polas infeccións respiratorias satúrase a consulta porque temos os nosos pacientes e, normalmente, tamén atendemos pacientes de compañeiros que están ausentes e imos máis aos domicilios. Notamos bastante o problema, como estamos atendendo pacientes que non son nosos o que nos pasa é que temos menos tempo para os nosos e acumulamos retraso na nosa axenda e acabamos provocando lista de espera. Non é que a provoquemos nós, pero é que realmente non temos tempo para atender os pacientes. Ultimamente, descárganse moitas tarefas na atención primaria.

- Como cales?

-Ao termos unha aplicación informática na que temos acceso á historia clínica e podemos ver que opina o especialista, que escribe e as probas diagnósticas, e como tamén hai unha lista de espera grande no hospital, pois veñen ao médico de atención primaria ver os resultados. Xa llo din así no hospital. Non é só que teñamos que atender os pacientes que virían ao médico de familia porque non se encontran ben senón que tamén asumimos a comunicación de resultados de probas que se fan no hospital. Iso parece que non se ve, pero son varios pacientes todos os días.

- E teñen que atender tamén aos pacientes que van buscar receitas, non si?

-As receitas xa non é tanto problema, xa que o Sergas ten restrinxidos algúns medicamentos, fundamentalmente os que son máis caros, para dar un máximo dun de cada vez ou para dalo cada tres meses, pero, en xeral, podemos facer prescripcións dun ano, polo que a demanda por receitas, actualmente, é pequena. Así que, todos os pacientes que vemos están para consulta, que é moito máis complexo que asinar un papel.

- E para atendelos precisan tempo, que é do que carecen, actualmente, segundo as súas reivindicacións.

-Si, precisamos tempo e cómpre pensar. Temos que intentar afinar ao máximo posible. Non é dicirlle a un paciente: 'vaia vostede ao cardiólogo', porque no hospital tamén hai lista de espera. Hai que intentar resolver e os pacientes non son un tomate ou unha leituga que lavas e limpas ou que cortas e xa están listos, non, ás veces temos que consultar. É certo que agora tamén contamos con máis acceso á información, temos unha biblioteca electrónica moi potente e iso tamén nos axuda, pero para todo iso precisamos tempo. Calquera información que lle damos ao paciente ten que ser meditada e, para iso, necesitamostempo. Son uns minutos, pero minuto sobre minuto... Eu, ás veces, levo retraso na consulta.

- Os doutores e demais persoal do hospital queixábase o outro día de que estaban ao límite das súas forzas e de que, aínda que quixeran, non conseguían atender mellor os pacientes, pasa o mesmo na atención primaria?

-Eu, ás veces, acabo esgotado. Ás oito da mañá estou na consulta e moitos días danme as tres e media e aínda non acabei. E o traballo é continuo, non vou nin tomar café. Cando tes pacientes doutros médicos, casos que non coñeces, é todo moito máis complexo e aínda lles tes que dedicar máis tempo, porque é unha cousa moi seria.

- Os usuarios da sanidade pública entenden esta situación ou viven momentos tensos, logo de que non se cobran as ausencias dos doutores porque, segundo a Xunta, non hai profesionais dispoñibles para contratar?

-Os pacientes son bastante pacientes e si que entenden a situación, pero cando levamos retraso ou non lles dan cita no día, manifestan o seu descontento e dinnos, por exemplo, que teñen que ir recoller os seus netos e facerlles a comida, pero é que non lles podemos dicir máis que, que o lamentamos e que estivemos traballando, que non facemos outra cousa. Eles enténdeno, pero a ninguén lle gusta esperar. É normal, e máis cando teñen dor.

- Isto pasa só na cidade ou nos centros de saúde dos concellos da comarca, estase a dar a mesma situación de lista de espera e de ausencia de profesionais?

-Eu creo que, nos concellos como Arteixo, Culleredo ou incluso Carballo, é aínda peor, porque son centros de atención primaria que están máis sobrecargados porque son zonas nas que a poboación medrou máis e non se crearon prazas, así que, os cupos aumentan, é dicir, que cada doutor ten que atender a máis pacientes.