Non é doado condensar nun artigo a pegada que deixa unha persoa boa e xenerosa como Domingos Merino, un político de coraxe que deu o mellor de si en defensa deste país. Domingos foi sempre coa verdade por diante: el era un nacionalista, un galego de nación, orgulloso do que nos é propio e da nosa maneira de estar no mundo.

Eu apenas asomara á vida nunha aldea de Sarria cando el abría de par en par as portas do Concello da Coruña, pero hoxe podo imaxinar a forza da súa voz resoando en galego entre as paredes do Pazo de María Pita, hoxe podo imaxinar a forza do seu carácter para non elixir o camiño fácil dos discursos oportunistas, hoxe podo imaxinar a forza da súa honestidade para renunciar ao bastón de mando porque non estaba disposto a comulgar coas rodas de muíño dos de sempre.

"A Coruña ten que ser un faro para Galiza. Algo do que todos os galegos nos sintamos orgullosos. A creación das Irmandades da Fala, da Cova Céltiga, da Academia Galega entre outras, son probas evidentes de que A Cruña non está de costas a Galiza", proclamou naquel 19 de abril de 1979, é teño para min que o conseguiu.

Compartimos escano no Parlamento galego en representación do BNG e lembro a Domingos como unha persoa dialógante, serena, honesta, que exercía o seu traballo político sen estridencias. Daquela eu era unha novata á que lle costaba subir a tribuna, pero sempre me tratou coa mesma consideración que se fose unha consumada parlamentaria, sempre tiña tempo para dar un consello, unha orientación, para compartir a súa valoración. Domingos foi un gran compañeiro, e fican para sempre no meu corazón o respecto e o afecto que era mutuo.

A súa figura política a humana cobra máis valor se cabe nos tempos en que vivimos. Tempos nos que a ficción se confunde coa realidade de tanto retorcela, tempos nos que as decisións as toman políticos que gobernan sen o pobo e en contra do pobo, tempos nos que o recorte de dereitos e liberdades se disfrazan con eufemismos, tempos nos que é preciso volver a loitar por aquilo que pensábamos conquistado para sempre. Tempos que nos demostran que Domingos tiña razón: É mais necesaria que nunca unha política que poña a Galiza no centro do debate e atopemos solucións certeiras as encrucilladas que temos como pobo.

O país precisa máis responsables públicos como Domingos Merino, honestos, rigorosos nas ideas, solventes, capaces de dar a cara pola maioría social, orgullosos e orgullosas do país ao que representan. Persoas que non cambien de ideas e principios en función de onde estiver e sexan coherentes e honestas. Persoas dispostas a dar a cara por Galiza e defender o noso inalienábel dereito a ser, estar e decidir. Domingos é un faro para todas as boas e xenerosos. Seguimos traballando polo soño compartido dunha Galiza próspera e dona de si.