15 de febrero de 2018
15.02.2018

Adeus ao "Entroido fuxidío"

Unha furgoneta de Protección Civil arrola un home e unha muller no Campo da Leña. Non resultaron feridos de gravidade

15.02.2018 | 09:31

O "Entroido fuxidío", a época do ano na que todo está permitido e onde non hai máis obriga que render homenaxe a don Carnal rematou onte na Coruña coa queima do Momo e coa sardiña, mollada polas ondas da praia de Santo Amaro. O "Entroido fuxidío", así lle chamou onte o Momo, mentres abandonaba o seu trono, ese que estrea cada ano e que lle serve para ver, desde arriba, todo o que pasa na cidade, mais tamén que lle permite "bailar só" ou "en parella" cando as comparsas saen á rúa.

Na comitiva que entrou no Campo da Leña para que sardiña e Momo se atopasen e marchasen xuntos cara ao seu final non faltaban as viúvas de pelo azul e flores na man, tampouco os músicos tocando Paquito el chocolatero, unha Brancaneves pequena e varios homes vestidos coa roupa roubada ás súas nais. Agardaban alí, xa fronte ao Momo, membros de comparsas da cidade, como Pantaleón e Os Maracos. No seu discurso de despedida, o deus Momo -que este ano levaba as caras do alcalde, Xulio Ferreiro, e do concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande- quixo convidar aos veciños e veciñas da cidade a que foran "ao teatro", a que non se esquecesen da programación "do Fórum, do Ágora, do Rosalía e do Colón" e, por suposto, que tampouco deixasen no esquecemento "as festas de María Pita".

Xa abaixo, na plataforma que o ía levar a Santo Amaro, Ferreiro e Sande -vestidos con chaqueta e chapus negros- inmortalizáronse con quen, durante o Entroido, "goberna" na cidade.

Cando xa estaba a piques de marchar a comitiva fúnebre, a iso das nove e cuarto da noite, unha furgoneta de Protección Civil, que entraba no Campo da Leña arrolou dúas persoas que xa estaban abandonando a praza. Eran un home e unha muller que manifestaron que non estaban feridos, aínda que levaran un golpe. O condutor da furgoneta explicou que lle fallaran os freos e que, en canto puido meteu o freo de man para inmobilizar o vehículo.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine