As últimas novas sobre crueldade cara os animais, como o caso dos vintedous cans dunha finca de Elviña, en condicións cuestionables de hixiene e salubridade, sen identificar e cun decomiso polo medio, ou a denuncia realizada pola protectora Apadan ao respecto dun encadeamento continuado, semellante aos que vimos denunciando no último mes na comarca da Coruña, evidencian que a sociedade cada vez ten menor tolerancia ao maltrato, pero que existen individuos alonxados de calquera medida que avance na protección animal.

As partes positivas da Lei de Benestar Animal, que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, permiten denunciar máis contextos de malos tratos aos animais, dende ese encadeamento perpetuo que se practica como costume e de xeito moi habitual, ata o emprego de dispositivos cruentos, como os colares de descargas eléctricas, máis aínda quedan moitos pasos que dar.

Cóntanse por centos as situacións denunciadas por veciñas e veciños anónimos, por entidades protectoras, colectivos animalistas, onde a falta de implicación das administracións públicas manteñen aos animais nun perigoso limbo. Onde a cousificación, a consideración dos mesmos como meros obxetos de consumo, vai a rebufo de Europa e das súas normas para combater a violencia e o sadismo contra cans, gatos, touros, e outras especies, como coellos ou cobaias.

O suceso de Elviña é só unha pequena pinga nun océano de maltrato. Na cidade da Coruña continúan a existir queixas cidadás por animais encerrados en zulos de xeito practicamente perpetuo, outros tantos que non reciben atención veterinaria, cans que aínda en 2018 non están identificados e ducias de animais que son deixados á súa sorte na rúa, nos montes da Zapateira ou Mesoiro por persoas irresponsables. Esas persoas que pensaron que mercar un can era divertido, pero que non valoraron en absoluto o compromiso que supón.

É unha obriga moral, non só legal, denunciar as infraccións e os potenciais delitos cometidos ao noso carón. Non serve xa o silencio cómplice de persoas que ven o estado de extrema delgadez dun can ou a agresión a un gato ventureiro e non fan absolutamente nada. Isto converte en colaboradores necesarios do maltrato a quenes prefiren calar en lugar de actuar.

Estes casos eran ben coñecidos pola contorna e aínda así moi poucos decidiron facer algo para mudar as cousas. Non nos esquezamos, se nos sucede algo, esas persoas que durante tanto tempo calaron é probable que tampouco digan ou movan un dedo polo noso benestar.