04 de marzo de 2018
04.03.2018

O que as estatuas contan das mulleres

O libro 'A contrapelo. As mulleres nos monumentos públicos da Coruña' de Elo Vega, poderá recollerse gratuitamente co cupón que se entregará con LA OPINIÓN o vindeiro día 8

04.03.2018 | 13:44
Estatua da escritora Emilia Pardo Bazán nos xardíns de Méndez Núñez.

"A maior parte das figuras femininas aparece nos monumentos" da Coruña "dun xeito despersonalizado e subalterno, como formas dirixidas a render homenaxe: coroando de loureiros o home de prol ou prostradas aos pés, agradecidas, como fantasmas que encarnan a preceptiva beleza ou a xuventude. O corpo como ornamento", escribe a investigadora Elo Vega.

Hai excepcións, como Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal ou María Wonenburger, pero estes casos non fan máis que acrecentar o feito de que os monumentos, como "as películas, a literatura, os chistes ou as cancións", son expresións culturais "dunha sociedade marcadamente patriarcal".

Esta é a conclusión da investigación que durante os meses de novembro e decembro de 2017 realizou a artista visual Elo Vega a través da historia monumental da cidade e que plasmou no seu libro A contrapelo. As mulleres nos monumentos públicos da Coruña, editado por Chan de Pólvora e que poderá recollerse gratuitamente, ata esgotar existencias, na sede de LA OPINIÓN co cupón que publicará o xornal o 8 de marzo.

A historia dos monumentos é tamén a historia do papel das mulleres na cidade. Dende a primeira figura feminina, a que remata a Fonte do Desexo (1876) da praza de Azcárraga, a muller queda confinada a un "rol subalterno", "de complemento e ornato", cando non de "envoltorio ideal" para o "deleite voyeurístico da mirada masculina", sinala Vega. A muller como alegoría, como Patria, Xustiza ou Lei. Maila o aparente protagonismo feminino que ofrece as sereas, tan presentes por toda a cidade, a súa imaxe reflicte en realidade o androcentrismo imperante: "O sentido da súa existencia non xira senón arredor dos homes, a quen indefectiblemente se dirixen", apunta a autora do libro.

Durante décadas, o protagonismo das mulleres nos monumentos da cidade limitouse ao seu rol de nais e fillas. Na segunda metade dos oitenta, cando por fin atoparon un oco propio, este foi conxugado en plural. Praceiras, cigarreiras... "mulleres no desempeño de traballos que sobardaban o ámbito doméstico", sinala Vega. O nome propio foille negado historicamente ás mulleres na cidade da Coruña. Excepcións como Emilia Parda Bazán ou Concepción Arenal explícanse, máis alá do feminismo, pola súa adscrición aos puntais fundamentais do réxime: a monarquía e a igrexa.

En 2007, o Concello promoveu a creación no parque de San Diego do Bosque das mulleres, árbores plantados na honra de mulleres extraordinarias. A carón de Rosa Luxemburgo ou Simone de Beauvoir coouse tamén Teresa de Calcuta. O máis grave, incide Vega, é que ficou a idea de que a "excepcionalidade", "a primeira muller que fixo isto ou outro", é o mérito único para que unha muller mereza un monumento na Coruña.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia
 


esquelasfunerarias.es
Enlaces recomendados: Premios Cine