O curioso da desigualdade é que é común a todas as mulleres, dentro da súa diversidade. A desigualdade é xigantesca, fría e transversal. Por iso necesita ser combatida de forma contundente, dende os coidados e dende a globalidade. O meu nome é Rocío Fraga, son concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña e son activista social. Iso nunca me mantivo á marxe da desigualdade. O mesmo que lle ocorre a todas as veciñas desta e de todas as cidades. Hoxe estamos ás portas dunha folga feminista que chama ásmulleres a secundala na medida das súas posibilidades. Eu fareina coas miñas compañeiras de goberno. Eu fareina mentres os meus compañeiros dan soporte. Porque as fendas de xénero non rachan a unha metade da sociedade. Empobrécennos a todas. E a todos.

Evidentemente, a deste 8 de marzo non é unha folga ao uso, ten unha parte de folga laboral, pero tamén de consumo e de coidados. Interpélanos a todas e a todos. Haberá quen non poida secundar o paro laboral, pero poderá mobilizarse doutro xeito. Esta folga, polo tanto, non se pode medir como se vén facendo, porque introduce novos indicadores, que multiplican ademais de sumar.

Posiblemente non haxa grandes datos sobre o descenso de consumo eléctrico, pero haberá mandís nas fiestras das casas. Haberá voces interesadas que a tentarán cualificar de fracaso, mais será sen éxito. Si, quizais o transporte público estea case normalizado xa que é un deses sectores masculinizados, pero haberá mulleres na rúa. Mulleres que estarán polas que non poden estar porque foron asasinadas, ou porque teñen medo, ou porque non poden prescindir do seu xornal, ou porque teñen que quedar a coidar de alguén, cobrando ou sen cobrar? Esta folga pola igualdade é diversa, e aí está a súa grandeza. Outra das súas características diferenciadoras é que está secundada polos movementos feministas a nivel internacional. E así debe ser porque a loita feminista é universal, como universal é o sistema patriarcal que nos rodea e ante o que as mulleres tecemos redes de cooperación.

Esta folga pola igualdade, ademais de diversa, é interseccional, xa que atende ás especificidades e as discriminacións que sufrimos as mulleres, que nos vemos atravesadas por múltiples causas: ser pobre é unha das principais, pero tamén ser negra, ser xitana, ser gorda, nacer nun lugar do planeta ou noutro?

Esta folga pola igualdade, diversa e interseccional, medra. Foron as compañeiras latinoamericanas as primeiras en facer efectiva unha demanda que se estende polo mundo.

Foron as primeiras en dicir: "Escoita, se nós paramos, para o mundo enteiro". O ano pasado, foron elas as que convocaron o paro. Este ano, sumámonos máis.

Na nosa cidade, por segundo ano consecutivo, é festivo. Haberá mobilizacións durante todo o día, e haberá actividades lúdicas e de autocoidados para as mulleres que se queiran sumar, postas en marcha dende o Concello. É a nosa achega institucional para visibilizar a mobilización, porque esta folga pola igualdade... é moito máis. Temos diante de nós unha folga dun espectro imparable, porque as mulleres diversas adaptarémonos, e sumarémonos, cada unha, coas nosas condicións específicas. Farémolo todas, todos, sumando, transformando a realidade.