O IES Universidade Laboral de Culleredo é un dos cinco centros educativos seleccionados para participar na cuarta edición de Miniempresas Coruña, un programa coordinado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, financiado pola Fundación Alcoa e no que colabora LA OPINIÓN. Ademais deste centro traballan nesta iniciativa que busca fomentar a creación de empresas o IES Isaac Díaz Pardo de Sada, o CIFP Ánxel Casal, o CIFP Paseo das Pontes e o CIFP Someso, este último con dúas miniempresas.

A educación vial, idea principal na que logo se asentou Edukart, o proxecto do IES Universidade Laboral para Miniempresas Coruña, xurdiu ao inicio de curso xa antes da convocatoria do programa. Este é un dos temas recurrente nas clases de titoría dos 26 alumnos dos grupos de Formación Profesional Básica de Fabricación e Montaxe de 1º e 2º. O coordinador da iniciativa, Jesús Villarino explica que a educación vial debería estar presente na vida dos rapaces dende idades temperás, xa que é "unha acción que moita xente realiza no día a día e que require unha concienciación". Para mellorar este aspecto, o alumnado que participa en Edukart pretende elaborar karts aplicando os coñecementos adquiridos en fabricación mecánica coa finalidade de alugalos a centros educativos e institucións que permitan aos cativos e a xente nova podan facer percorridos de práctica. Estes circuítos están pensados para montar en calquera pista deportiva ou explanada e contarán con sinais e elementos típicos das estradas permitindo, tras unha explicación teórica, poñer en práctica as normas básicas de circulación e de seguridade.

Villarino indica que tamén se pretende axudar á concienciación medioambiental porque os karts están construidos con materiais de refugallo (mesas, cadeiras, ferros e tubos?) inservibles que ían tirarse ao lixo. "O motor e os freos -engade- foron mercados de despedazamento e estanse restaurando". E se houbese tempo mesmo no descartan construir un kart eléctrico. Os alumnos traballan en equipos para a fabricación de tódalas pezas -o chasis, os elementos de soporte, o sistema de dirección, freos...- e deben coordinarse para que todo encaixe e en momentos puntuais "desviar persoal dun departamento a outro segundo as necesidades".

Pese a que neste proxecto "primou máis a utilidade social do proxecto que a posibilidade de beneficios" os participantes falaron con centros e entidades oficiais, públicas e privadas, que amosaron interese en instaurar programas deste tipo e dúas delas xa achegaron material de balde para colaborar na realización do proxecto.

Edukart promocionarase a través da páxina web que se cree, as redes sociais e falando directamente coas entidades que puideran estar interesadas. Os karts e demais material alugaranse directamente aos clientes, pero coa supervisión, explicacións, e charlas necesarias dos membros designados de Edukart para garantir as condicións de seguridade.

Villarino asegura que para os alumnos este proxecto está sendo "unha revelación" e "a motivación está polas nubes". "O feito de traballar en proxectos reais cunha aplicación práctica axúdalles a estar mellor preparados para afrontar os retos que supón a creación e xestión dunha empresa", conclúe.