Para Dorna, Ana e Car, o futuro é voso.

O 11 de febreiro celebrouse o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e o pasado xoves, día 8, conmemorouse o Día Internacional da Muller, que este ano salientou pola convocatoria dunha exitosa folga feminista para reclamar o cumprimento efectivo dos dereitos das mulleres. Coidamos que agora, que unha parte substancial da sociedade rexeita a discriminación por razón de xénero, debemos lembrar a aquelas mulleres que nun pasado recente deron un paso adiante na defensa dos seus dereitos.

A científica Ángeles Alvariño González (1916-2005) foi unha desas pioneiras, presentando unha denuncia por discriminación ao Goberno de Estados Unidos hai máis de corenta anos. Un día de principios de marzo de 1977 estaba na súa casa en La Jolla (San Diego, California), localidade onde traballaba nun centro de investigación, e escoitou na NBC News unha entrevista á ministra de Comercio do Goberno de Estados Unidos de América. A atención que prestaba ás palabras de Juanita Morris Kreps disparouse cando esta falou de "discriminación por sexo". Ese mesmo día, Ángeles redactou o borrador dunha carta que lle remitiría á ministra o día 3, con copia ao presidente James Carter.

O fondo documental Ángeles Alvariño

O acceso aos escritos que testemuñan esa e outras reclamacións de Alvariño foi un feito decisivo para que puideramos coñecer os atrancos que afrontou para desenvolver a súa actividade profesional no ámbito da ciencia. Nese sentido, contamos co privilexio de dispoñer do fondo documental da propia bióloga no Arquivo Municipal da Coruña. Ese valioso material da científica ferrolá, 215 caixas de documentos e 82 de libros, foi adquirido a fins de 2008 polo Concello herculino á súa filla, Ángeles Leira Alvariño, e na xestión interveu a responsable do arquivo, María de la O Suárez.

Científica de sona internacional

Alvariño acadou un notable éxito na súa carreira profesional, un prestixio internacional respaldado por feitos como a aparición na Encyclopedia of World Scientists de Elizabeth H. Oakes (2007), na que figura como a única científica española de relevancia mundial. A nosa protagonista foi experta internacional no estudo do zooplancto mariño. Estes seres vivos de moi pequeno tamaño flotan en grandes cantidades nas augas superficiais, formando parte do plancto. Mentres o fitoplancto está constituído por as algas microscópicas, organismos que son quen de aproveitar a enerxía solar e fabricar o alimento que permite a vida no mar, do zooplancto forman parte diversidade de seres que non posúen esa capacidade.

Investigadora no IEO

Iniciou en 1934 os estudos universitarios en Madrid, interrompidos polo peche das aulas motivado pola sublevación militar e a conseguinte Guerra Civil (1936-1939). Volveu para Ferrol e aproveitou o tempo de parálise académica para aprender idiomas. Casou en 1940 con Eugenio Leira Manso (1907-2006), capitán da Mariña de Guerra, que sempre a animou na súa carreira profesional e, algo pouco habitual, e relevante no tema que tratamos, apoiouna de xeito práctico nos seus compromisos profesionais.

En 1948 a bióloga trasladouse coa familia para Madrid e iniciou a súa carreira investigadora como bolseira no Instituto Español de Oceanografía (IEO). En 1952 foi nomeada "ayudante de laboratorio" con destino no Laboratorio do IEO en Vigo. Xa neste destino se sentiu profesionalmente maltratada, concretamente polo responsable do centro olívico, Antonio Rodríguez de las Heras. En 1953 escribiu que "viene siendo objeto de trato desconsiderado y de persecución por parte del director...", quen a sometía, nas súas palabras, a unha "persecución despiadada, sin momento de reposo, buscando la persona, provocándola, a fin de hacerle caer en falta, riñendome en forma excitada e histérica, recurriendo a todos los medios, en particular a la mentira y la calumnia...".

O desencontro rematou, aparentemente, co marcha de Alvariño cara a Estación de Bioloxía mariña de Plymouth (Reino Unido), onde estivo entre o 5 de outubro de 1953 e o 7 de agosto de 1954. Ao remate da bolsa en Plymouth, volveu ao Laboratorio vigués, onde permaneceu pouco máis dun ano. Tiña claro que o avance no seu futuro profesional esixía acudir a centros de excelencia na investigación do plancto e en decembro de 1955 acadou unha bolsa para ir traballar a EEUU. Ese foi o caso da nosa protagonista e da matemática Maruxa Wonenburger (1927-2014). Cómpre subliñar ese significativo e preocupante dato: as dúas científicas galegas máis relevantes do século XX tiveron que emigrar para desenvolver a súa carreira científica nunhas condicións axeitadas.

Traslado para EEUU

Unha bolsa da Fundación Fulbright permitiulle ir traballar ao Woods Hole Oceanographic Institute (Massachusetts), onde colaborou entre o 19 de xuño de 1956 e maio de 1957 coa Mary Sears. Esta salientable zooplanctóloga faloulle da valía de Alvariño a Roger Revelle, director da prestixiosa Scripps Institution of Oceanography (Universidade de California, La Jolla), onde a nosa bióloga traballou desde 1958 ata finais de 1969. En 1970 ingresou noutro relevante instituto de investigación de California: o Southwest Fisheries Center (SWFC), que forma parte do National Marine Fisheries Service, ponla da National Oceanic and Atmospheric Agency (NOAA). Alí xubilouse en 1987.

A carta á ministra de Comercio

Alvariño iniciou a carta declarando que sufría discriminación e o feito de que esta acontecía nunha área que dependía do departamento da ministra, que era, polo tanto, da súa responsabilidade. Indicou que a marxinación era por razón do seu xénero, mais tamén afectaba a outras cuestións e que escribía porque pensaba que unha nova e progresista administración debería saber cales eran as condicións reais de traballo nas dependencias oficiais.

No escrito fixo referencia a que nos sete anos que levaba na SWFC se comprometera na defensa dos dereitos laborais das mulleres, de feito fora representante das súas compañeiras e fixera un estudo en 1974-75 no que se demostraba a discriminación feminina no Laboratorio de La Jolla. A científica subliñou a circunstancia que determinaba alí unha inxusta promoción profesional: o xénero. Todos os que ocupaban as categorías profesionais superiores, por riba do grao doce, eran homes.

Alvariño entendía que tamén as minorías eran discriminadas e explicou que ela fora obxecto de persecución persoal e obrigada a traballar nunhas inaxeitadas condicións (con ruído, fumes e radiacións). Nese punto deixou sentado que non era das que aceptaba as situacións inxustas: "Non fun das que se inclinaron e aceptaron en silencio a situación. Asemade, explicou que se lle denegou o ascenso profesional sen razóns obxectivas, por un sistema de supervisión de homes que constituían unha mafia. Si, esa foi a palabra que usou; a ferrolá falaba claro e alto.

Díxolle á ministra que tentou cambiar as cousas seguindo os procedementos establecidos mais as súas propostas non se tiveron en conta. Asemade, laiouse das burocráticas e inútiles comisións oficiais que supervisaban eses temas. E rematou cunha mensaxe de escéptica esperanza, incidindo na necesidade de que o estudo do tema discriminatorio fose levado a cabo por persoas alleas ás institucións implicadas, un asunto no que incidiría en diversas ocasións e que manifestou coa expresión de que non se podía poñer aos raposos a coidar das galiñas.

A resposta da ministra e unha segunda carta

O de 25 marzo de 1977 Juanita Morris Kreps respondeu á carta-denuncia remitida por Alvariño a principios dese mes, recoñecendo a importancia das allegations da nosa científica e prometendo unha investigación completa sobre as mesmas.

Blair Juanita Morris (1921-2010), Kreps correspondía ao apelido do seu marido, tiña unha sólida formación como economista. Fora profesora na Universidade de Duke, onde se especializou na demografía laboral de xente maior e mulleres. Na súa brillante carreira foi quen de superar as tradicionais barreiras de xénero en tempos ben difíciles para as mulleres, pois ocupou a dirección de Eastman Kodak, J.C. Penney e a Bolsa de New York, de feito foi a primeira muller que figurou nese posto.

Carter asumiu a presidencia en xaneiro de 1977. Na campaña electoral prometera que desenvolvería unha política favorable aos dereitos das mulleres e nomeou a varias para postos relevantes na súa administración, unha delas Juanita Morris. Como vemos, a conxuntura política e a interlocutora escollida por Alvariño, parecían favorables a unha posición receptiva con demandas como as que a científica ferrolá expuña. Porén, non foi así. De entrada, á nosa protagonista xa non lle gustou moito a resposta da ministra. Por iso, remitiulle unha nova carta o 24 de abril dese ano 1977, na que lle trasladaba as súas dúbidas.

Os raposos ao coidado das galiñas

Creouse unha comisión presidida por Winfred H. Meibohm (1920-2013), naquel momento Director asociado da NOAA. Alvariño escribiulle trasladándolle o seu escepticismo sobre o labor que desenvolvería, pois, insistía, cumpría unha ollada independente do tema, non dunha persoa que formaba parte da institución afectada.

A comisión visitou o Laboratorio de La Jolla o 9 de maio de 1977. A filla, Ángeles Leira Alvariño, axudou á bióloga a reunir a documentación e preparar a exposición fronte os comisionados, actuando "como si fuese su abogada". O resultado obtido foi ben escaso e non se elaborou un informe sobre o tema, a pesar das peticións da científica. Establecéronse algunhas directrices sobre as tarefas de Alvariño e un protocolo de actuación para regular as reclamacións, pero as súas demandas non foron atendidas e a ferrolá sentiuse frustrada. De feito, non acadou o ascenso profesional que pretendía, seguiu co grao doce durante o resto da súa estadía no laboratorio de La Jolla.

Recoñecemento merecido

Como vemos, Ángeles Alvariño, ademais dunha grande científica, foi unha firme defensora dos dereitos das mulleres no ámbito laboral. Nese sentido, como recoñecemento pola súa sobranceira contribución científica e polo pioneiro labor fronte á discriminación no traballo por razóns de xénero, o 22 de marzo deste ano 2018 o Concello da Coruña, a iniciativa da Sección de Ciencias do Instituto José Cornide de Estudios Coruñeses, inaugurará un monolito na súa memoria no parque de Santa Margarida da cidade herculina.

Unha materia pendente

Desde os anos setenta a situación laboral das mulleres que traballan en ciencia ten mellorado mais seguen pendentes de solución algunhas cuestións. Son precisas medidas concretas que limiten a penalización sufrida polas científicas que deciden ser nais e accións que faciliten a conciliación familiar. Asemade, a porcentaxe de mulleres en postos de xestión e dirección é insuficiente. A Secretaría de Estado para a Investigación vén de publicar Científicas en Cifras 2015. Segundo este informe, continúa a infra-representación de mulleres na categoría de maior rango da carreira investigadora (grao A): nas universidades públicas españolas só son mulleres o 21% do profesorado catedrático. Esta proporción aumenta algo nos Organismos Públicos de Investigación, cun 25% de investigadoras nese grao. Ademais, as investigadoras están infra-representadas en todos os órganos unipersonais de goberno analizados e, no caso das universidades públicas, mesmo houbo un retroceso na proporción de reitoras e vicerreitoras. Xa que logo, unha parte significativa das reclamacións de Alvariño manteñen a súa vixencia.