Non quedan apenas restos na cidade dun dos movementos que fixo de A Coruña a súa casa. O anarcosindicalismo, que a finais do século XIX convertíase nunha das bandeiras da urbe, pasaba á clandestinidade co levantamento do 36, xerando toda unha rede de casas de acollida como refuxio para os partidarios da ideoloxía. As mulleres, moitas viúvas ou cos maridos xa encarcerados, dirixiron este entramado como loita contra o franquismo, un xesto polo que pagaron, moitas veces, coa súa propia vida. "Non recordalas non ten perdón. Debémoslles gran parte dos dereitos que temos hoxe as mulleres", explica a escritora Beatriz Maceda.

A petición da plataforma feminista A Sega, a autora abrirá mañá ás 11.00 horas na Fundación Seoane a segunda edición de Libros a monte, dedicado a rescatar a memoria destas mulleres libres e libertarias que marcaron a historia da cidade. Faráo cun percorrido virtual, no que lembrará a actividade que destas obreiras, principalmente, no barrio das Atochas. Estas serán algunhas das paradas cuxa historia a escritora se deterá a contar.

EPraza do Campo da Leña. A praza, e o mercado que nel había, será o punto de partida do percorrido. Trátase dun lugar no que coincidían moitas das mulleres que protagonizaron esta rede de asilo, así como a bisavoa da escritora, cuxo esposo participaba no movemento.

EAtocha Alta. No cruce das rúas San Xoán e San José vivía unha das colaboradoras máis famosas deste entramado de fuxidos. Basilia Álvarez González, popularmente coñecida como A Corales, agochou a mulleres e homes anarquistas ata o ano 37, momento no que o seu fogar foi asaltado. "Dous anarquistas foron detidos, pero ela e o resto conseguiron fuxir. A Corales chegou ata a Torre e tirouse ao mar. Todos pensaron que morrera, pero non", explica Maceda sobre a delegada da agrupación de Mulleres Libres, finalmente procesada logo de vivir un tempo na clandestinidade. Da súa historia, como a de moitos outros eslavóns desta cadea de asilo feminina, non queda xa pegada. A súa vivenda foi derruída no 2007, para erixir no seu lugar edificios novos.

ECine Hércules. No antigo cine Hércules, tamén na rúa San José, alzábase un local da Confederación Nacional del Trabajo (CNT), no que os anarquistas facían as súas asembleas. Dos 45.000 habitantes que A Coruña tiña no ano 32, 12.000 estaban afiliados a esta entidade, convertendo á A Coruña, xunto a Barcelona, nun dos "bastións do anarquismo" do momento.

ECemiterio de San Amaro. "A maior folga xeral" da época tivo lugar aquí. Fronte ao cemiterio reuníronse en 1901 preto de 7.000 coruñeses, que protestaban pola "perda de poder adquisitivo" que sufría a clase obreira. Tamén en San Amaro xacen varios dos mortos que o anarcosindicalismo tivo na Coruña. Dúas mulleres e tres homes descansan na tumba co nome de A columna tronzada, na que remataron logo de ser asasinados pola súa participación na revolta da rúa Cabaleiros.